lunes, 1 de junio de 2020

Práctica de mapa de distribución das temperaturas. Proba ABAU 2019


a) Cite cinco sistemas montañosos con temperaturas medias inferiores a 7,5ºC. (1 punto)
Perineos, Cordilleira Cantábrica, Sistema Central, Sistema Ibérico e Montes de León, Serras SO de Galicia.
b) Identifique o documento e diferencie zonas xeográficas coas mesmas temperaturas (1 punto).
Trátase dun mapa temático, corocromático, con isoliñas (isotermas) que representan a temperatura media anual das distintas áreas de España (Península, Baleares e Canarias).
Na lenda, as cores azuis reflicten as zonas máis frías (áreas montañosas do centro e norte peninsular, Submeseta Norte e cumios máis elevados dos sistemas montañosos meridionais).
As cores marelas e salmón (de 12,5⁰C a 17,5⁰C) correspóndense coa Submeseta Sur, depresión do Ebro, áreas litorais do Cantábrico e Galicia, ademais dos vales interiores de Galicia e Dorsal Meridiana, arquipélago balear e áreas montañosas de Canarias).
As cores vermellas, con temperaturas máis elevadas, correspóndense coas áreas de dominio mediterráneo levantino e andaluz, depresión do Guadalquivir e litorais das illas Canarias.
c) Expoña os factores xeográficos que condicionan as áreas con temperaturas superiores a 15⁰C (1 punto).
España localízase nas latitudes medias. Pero a latitude máis meridional (incluso subtropical no caso canario) das áreas litorais levantinas e andaluzas contribúe ao incremento da temperatura media.
A altitude dos espazos sinalados correspóndese esencialmente con áreas deprimidas ou litorais, que están por debaixo dos 200 metros sobre o nivel do mar. En Canarias, a pesar das maiores altitudes, a súa posición latitudinal xustifica o valor medio máis elevado das temperaturas anuais.
A proximidade ao mar. Nas costas mediterráneas o inverno é suave e o verán, caloroso, pois este mar, pechado e bordeado por relevos montañosos, actúa como un almacén de calor e non pode amortecer moito as elevadas temperaturas estivais. Polo tanto, a amplitude térmica das súas costas é moderada.
A disposición do relevo que no caso do val do Guadalquivir facilita a entrada da influencia moderadora do mar ou no val do Ebro, conca pechada por montañas, que a frea. 
d) Explique os factores termodinámicos que condicionan as áreas con temperaturas superiores a 15ºC (1 punto).
A corrente en chorro (circulación en altura) é responsable da escasa penetración de vagas de aire frío en comparación coas áreas setentrionais da península. Os seus desprazamentos estacionais permiten recibir nesta zona a influencia sahariana (masa de aire tropical, continental e seca), moi acentuada no verán,
que produce unha elevación das temperaturas medias. Na área meridional prodúcese un predominio do anticiclón das Azores durante boa parte dos equinoccios e solsticio de verán. A fronte polar condiciona tamén estas áreas, principalmente as expostas aos ventos do oeste.
As illas Canarias constitúen un dominio climático orixinal debido á súa situación no extremo sur da zona temperada, en contacto co dominio intertropical e preto das costas africanas, o que fai que se entrecrucen influencias variadas. Dominan as altas presións tropicais (anticiclón das Azores) e o vento alisio do nordeste, que dá lugar a temperaturas cálidas todo o ano.
e) Relacione as áreas de temperaturas inferiores a 15⁰C cos dominios climáticos aos que corresponden (1 punto).
A área de 12,5⁰C a 15⁰C correspóndese cos dominios climáticos do mediterráneo continentalizado da Submeseta Sur e a depresión do Ebro; o suboceánico (oceánico de transición ou oceánico de influencia mediterránea) dos vales interiores de Galicia e o oceánico do litoral cantábrico.
A área de 10⁰C a 12,5⁰C correspóndese, esencialmente, co dominio mediterráneo continentalizado (ou de interior) da Submeseta Norte e montañas medias.
A área de 7,5⁰C a 10⁰C correspóndese co dominio de montaña peninsular.
A área de menos de 7,5⁰C de media correspóndese co dominio de alta montaña peninsular.



No hay comentarios: