lunes, 8 de junio de 2020

Comentario dun hidrograma: Réxime pluvial oceánico. Caso río Miño



Un hidrograma é unha gráfica que representa as variacións de caudal absoluto (m3/s) que hai ao longo dun ano nunha estación de aforo. No eixo de ordenadas representamos o coeficiente de caudal. Os valores do coeficiente K obtéñense a base de dividir o caudal medio mensual entre o caudal medio anual. Sempre que o valor sexa inferior a 1 falamos de augas baixas, o valor 1 significa que o valor mensual coincide co valor madio anual (a liña vermella indica o que serían os valores medios de caudal) e superior a 1 estamos ante as augas altas, os momentos de crecidas.
No outro eixe están os valores medios mensuais de cada mes e o seu coeficiente calculado. Ademais a gráfica indica o período de recollida dos datos e tamén nos proporciona o dato do caudal relativo que pon en relación o caudal absoluto coa superficie de escorrentía drenada polo río e a súa rede de afluente ata a estación de aforo.
No caso que nos ocupa podemos ver un río caudaloso que ten o momento de augas altas no inverno nos meses de xaneiro e febreiro, é dicir, cando ás augas aportadas pola precipitación son máis intensas. O paso das frontes atlánticas deixan unhas abundantes precipitacións que van parar ao principal colector galego que o río Miño. Un río Miño que na estación de aforo de Ourense xa recibiu os aportes dun afluente caudaloso, o río Sil. Un río que move as súas augas no dominio climático oceánico con temperaturas suaves e abundantes precipitacións.
As augas baixas esténdense nos meses de xullo, agosto, setembro e outubro. A estiaxe é momento onde o río ten menor caudal. Neste caso acusa un verán maís caluroso e menos húmido que o dominio oceánico costeiro. O matiz mediterráneo do interior meridional galego provoca unha estiaxe notable sen que por iso o río quede sen auga xa que as ladeiras cheas de vexetación polas que discorre encaixado van soltando a auga todo o ano. A partir de novembro, o río volve gañar caudal coas augas procedentes da precipitación. Desta forma podemos dicir que estamos ante un río de réxime pluvio oceánico. Este tipo de ríos ten as augas altas no inverno e a estiaxe no verán
Este tipo de ríos son aproveitados para a produción hidroeléctrica.

No hay comentarios: