viernes, 12 de junio de 2020

Comparativa das pirámides de poboación (década de 1960 e actual)


 Pirámide de 1960

 Pirámide de 2018



Para analizar a estrutura da poboación por idades debemos recorrer á pirámide de poboación. Esta gráfica divide a poboación en cohortes ( de cinco en cinco anos) de xeito que a poboación moza é a comprendida entre os 0-14 anos, a poboación adulta, entre os 15- 64 anos, e a vella, por riba dos 65 anos.
O índice de mocidade pon en relación o número de mozos (0-14 anos) por cada 100 persoas.
O índice de avellentamento pon en relación o número de persoas vellas ( maiores de 65 anos) por cada 100 persoas.
A pirámide de 1960 vemos que ten forma de campá como corresponde a un país en plena transición demográfica que foi controlando a súa taxa de mortalidade e debería comezar a controlar a taxa de natalidade, se ben por factores propios de España a natalidade nese ano rexistra valores medio- alto produto do inicio da xeración do baby boom. 
A base é ancha recuperando efectivos demográficos como no tempo anterior á Guerra Civil, perfectamente identificada polo entrante do grupo de 20 a 24 anos. Esa entalladura corresponde cos non nacidos pola guerra, mentres que a situación do grupo 0- 5 anos reflicte o comezo da xeración denominada do baby boom onde as taxas de natalidade recuperan os efectivos perdidos nas décadas anteriores pola guerra e a penuria da posguerra. O inicio da recuperación económica a mediados dos 50 nótase positivamente no número de nacidos. Estamos nos inicios do proceso de industrialización e crecemento das cidades, do desarrollismo, que traerán os anos sesenta.
Nas cohortes da mocidade vemos como hai máis homes que mulleres debido a factores biolóxicos, pois nacen máis homes que mulleres, se ben a medida que ascendemos vemos como se iguala e logo nas idades máis avanzados son tamén factores biolóxicos os que explican a maior esperanza de vida das mulleres.
A maior cantidade de mulleres nas idades adultas ten relación con outro fenómeno de mediados dos 50 e anos 60: a reanudación da emigración ao exterior que afectou máis aos varóns. A mediados dos 50 marchan a países latinoamericanos e nos sesenta irán a Europa Occidental. 
España, nese momento, ten unha estrutura de poboación relativamente xóven, pero con tendencia a ser estacionaria. Estamos ante unha España que vai mellorando as súas prestacións sanitarias e hixiénicas o que redunda nun maior control da mortalidade, en especial, da mortalidade infantil, aumentando a esperanza de vida. Con todo podemos observar como a partir das cohortes dos sesenta e máis os efectivos demográficos se reducen notablemente.
Pola contra na pirámide actual vemos que estamos ante un país de réxime maduro demográfico, cunha estrutura avellentada.
En España, o número de mozos representa un 14% da poboación total, mentres que as persoas por riba dos 65 anos son o 16%. Con estes números, a estrutura da poboación española é avellentada por canto supera o 12% que vén sendo o límite para cualificar a unha poboación avellentada.
As razóns que explican esa estrutura é a redución da natalidade dende hai 40 anos e un índice de fecundidade moi baixo que non permite o reemprazo xeracional. A este factor hai que engadir o aumento considerable da esperanza de vida que provoca o aumento das persoas vellas. Ese aumento será sensiblemente maior coa chegada ás idades avanzadas das xeracións do baby boom (finais dos 50 ata inicios dos 70).

As consecuencias desta situación é un maior gasto sanitario e de situacións de dependencia o que acentúa a carencia dunha infraestrutura de atención ás persoas maiores.
O avellentamento pon en serio risco o sistema das pensións e da Seguridade Social. A nivel económico unha estrutura avellentada reduce a poboación activa e a innovación.
A nivel demográfico agrava o problema do descenso da natalidade e aumenta a taxa de mortalidade xeral.
Unha sociedade cunha estrutura deste tipo esixe un elevado grao de formación e produtividade na poboación activa porque a ratio das persoas activas respecto das dependentes será menor. Neste sentido a inmigración preséntase como un paliativo da necesidade de man de obra nos sectores de actividade máis intensivos. O retraso na idade de xubilación, a reforma do sistema de financiación das pensións, o fin das prexubilacións, a racionalización do gasto sanitario e o fomento dun avellentamento activo son medidas de posible aplicación para facer sostible o Estado do benestar.
Esta estrutura avellentada, sendo xeralizada en todo o país, é máis notoria naquelas comunidades que padeceron no pasado emigración e que perderon as persoas mozas en idade de procrear. É o caso de Galicia ou o de Castela León. Pola contra en aquelas comunidades onde o comportamento é máis natalista ( Andalucía, Murcia) ou hai un maior dinamismo  económico e reciben unha numerosas poboación inmigrante ( Madrid, Cataluña, Levante) o índice de avellentamento é menor.
Por mor do éxodo rural, as áreas rurais tamén experimentan un elevado grao de avellentamento con pirámides invertidas. Con todo a maioría das persoas maiores de 65 anos, na actualidade, reside en ámbitos urbanos.
Nacen lixeiramente máis homes que mulleres (105 homes por cada 100 mulleres) por iso nos brazos da pirámide de poboación nas idades mozas e de  adultos xóvenes o número de homes será lixeiramente superior ao das mulleres. No treito de 45-49, igualan os seus rexistros e a partir de aí o número de mulleres será superior de xeito paulatino. Nestes treitos das idades intermedias, os adultos masculinos non se reducen polo efecto da chegada dos inmigrantes que nun número importante son homes.  Cando as cohortes chegan ás idades superiores aos 75 anos o número de mulleres será notoriamente superior pola esperanza de vida maior que experimenta a muller. Esa superior esperanza de vida débese a razóns de tipo biolóxico e a un estilo de vida menos exposto, se ben a igualación co home en estilo de vida provocará que esas diferenzas se reduzan. A excepción está nalgunhas zonas rurais onde a emigración feminina no pasado deixou un número superior de homes.
Así podemos dicir que o avellentamento de idades avanzadas ten un rostro feminino.

No hay comentarios: