martes, 23 de junio de 2020

España en Europa e no mundo



España sae do s XIX cun papel insignificante a nivel mundial. Trátase dunha potencia imperialista  moi minguada. O desastre do 98 deixou moi tocado ao país. O atraso tecnolóxico e a crise económica mundial dos anos trinta, asi como o ambiente político e social tan polarizado, fixeron da II República unha oportunidade perdida. O illamento internacional durante a posguerra acentuou este alonxamento de Europa. O contexto da Guerra Fría permitiu á ditadura de Franco saír do illamento co  ecoñecemento do réxime por parte de USA, en 1953, por motivos de tipo militar e estratéxicos. En  1955 ingresamos na ONU como un membro máis. O Plan de Estabilización Nacional de 1959 abre a  España aos mercados exteriores e á chegada de investimentos estranxeiros, propiciadores dun despegue económico, facendo concibir esperanzas ao goberno franquista de poder ser aceptado como membro da CEE. A falta de democracia e liberdades retrasa o noso ingreso nas institucións europeas ata a Transición democrática. En 1981, non sen polémica, coa UCD no goberno, pasamos a formar parte da OTAN e en 1986, co PSOE, ingresamos na CEE. Estes pasos normalizaron o proceso de transición democrática e axudaron a consolidar un proxecto europeista comezando entón unha resurrección de España no contexto internacional.



En relación á integración española en Europa, debemos destacar que España ingresou nela en 1986, case trinta anos despois da súa constitución. As negociacións para entrar foron difíciles, dado que España ofertaba produtos agrícolas e pesqueiros que ofrecían outros países europeos como Francia ou Italia e que sentían os seus intereses ameazados. A súa integración foi o resultado dunha actitude favorable por ambas as dúas partes e tivo importantes consecuencias para España. 
Politicamente, a entrada na CEE permitiu afianzar a democracia e o Estado de dereito en España, así como a súa visibilidade internacional. A nivel europeo o ingreso de España e Portugal fortalecía a idea dunha Europa unida e democrática.
Economicamente, a entrada na CEE estimulará a modernización e a competitividade  da economía española, iniciando un proceso de flexibilización do mercado laboral, de adaptación aos avances da terceira fase da revolución industrial, de privatización das empresas dos sectores industriais básicos en mans do Estado, de promoción da economía de mercado. España ampliaba o mercado e as súas expectativas de venda a unha poboación moito maior, abandonando así o atraso que sufría dende había décadas. Para axilizar ese proceso de reformas, España recibiu da UE numerosas axudas económicas para melloras estruturais e grazas a iso pasou de ter en 1986 o 67 % da renta per capita europea ao 98,3% actual. Esta política de axudas tamén beneficiou aos socios europeos que incrementaron os seus investimentos e as súas vendas en España. 
A nivel social, o ingreso na CEE supuxo a consolidación do Estado de Benestar e a universalización da sanidade e a educación así como unha harmonización deses sectores aos estándares europeos. A nivel cultural impulsou a mobilidade das persoas para viaxar ou estudar en países membros 
España é o segundo estado máis extenso da UE e o quinto máis poboado, o que repercute no número de deputados no Parlamento Europeo e os seus votos no Consello da Unión Europea. A nosa localización xeográfica favorece o seu papel de mediación entre a UE e os ámbitos atlántico e mediterráneo.
España practica unha política dentro da UE de achegamento a Alemania, Francia ou Italia. Un dos obxectivos é o de formar parte do grupo de países máis influíntes, para beneficiarse dos logros da UE (Fondo de Cohesión, política de asilo e inmigración...) e para favorecerse nas relacións internacionais en aspectos como a firma de acordos pesqueiros con África. 
O PIB de España é o quinto máis alto da UE e o seu PIB per capita superou á media europea en 2007. Aínda así, ten un importante atraso respecto a países como Dinamarca, Suecia ou Países Baixos, explicado en base á súa especialización en sectores económicos de baixa cualificación,  baixa inversión en I+D+i, o alto nivel da economía sumerxida e o seu menor nivel de formación.
Respecto aos países máis atrasados, a industria do noso país sofre a competencia dos prezos máis baixos destas zonas, o que supón o risco de deslocalización e substitución das exportacións españolas, ademais de ser estes países captadores de axudas e inversións en detrimento de España. 
No terreo social, as migracións e o turismo potenciaron a presenza española en Europa, mais a alta taxa de paro derivada da crise de 2008 provoca unha situación desfavorable en economía, mais tamén en benestar social.
En relación a España no contexto mundial, debemos salientar que España ocupa o posto 52 de países pola súa superficie e o 29 pola súa poboación, segundo os datos do ano 2019. Ademais, forma parte dos países de alto desenvolvemento e incrementou, nos últimos anos, as súas relacións internacionais, tanto no ámbito político como no económico.
No contexto político, España sufre unha debilidade en canto ao chamado “poder duro”, debido a súa baixa capacidade militar. Por iso é moi importante a súa pertenza á OTAN, que promove a defensa dos países do Atlántico Norte e a loita contra graves problemas como o terrorismo e os ciberataques.
Doutra banda, o noso país é maior no ámbito do poder brando, debido a diferentes razóns: a calidade das institucións españolas, a pertenza a diversas institucións e organizacións internacionais (ONU, FAO, Banco Mundial, OCDE...), a participación en diversos acordos internacionais, a doazón de axuda oficial ao desenvolvemento, a colaboración con ONG internacionais (Mans Unidas, Médicos Sen Fronteiras...), a importancia dos fluxos humanos internacionais, e a presenza da cultura española no exterior. Así mesmo, o peso económico de España maniféstase no seu PIB, acadando a posición 14 no ano 2015, e na crecente integración da súa economía no ámbito mundial, apreciable en: o alto grao de liberalización económica, a presenza de empresas multinacionais españolas no exterior (Inditex, Repsol...), o incremento do comercio exterior e o crecemento das relacións financieiras internacionais.
No tocante ás relacións internacionais de España, debemos dicir que se produciu un cambio neste ámbito, debido a que no pasado, España baseaba as súas relacións exteriores na  diplomacia pública para favorecer a cooperación, a seguridade e a paz, mais na actualidade, foméntase a diplomacia económica para defender os nosos intereses e a imaxe de España no exterior; a diplomacia cultural para promover as relacións culturais internacionais e difundir a riqueza e cultura do país; a diplomacia dixital co emprego das TIC e das redes sociais; e os centros de pensamento para difundir as ideas españolas en debates interacionais, os chamados Think Thanks. 
A situación estratéxica de España, nunha encrucillada de camiños, condicionou a orientación da súa política exterior: interlocutor válido nas relacións europeas co mundo Mediterráneo, en especial, co norte de África e mediador da política europea con América. Somos un país con vocación Mediterránea e Atlántica. 
A relevancia da nosa política exterior medrou a finais dos anos oitenta tras o ingreso de España na CEE. Co PSOE no goberno perfiláronse os eixos da nosa política exterior: Europa en primeiro lugar, Norte de África, en especial Marruecos, polas cuestións fronteirizas e de mercado enerxético, e Latinoamérica, participando en todos os cumios dos países de América Central e Sur. Por suposto, o feito de pertencer á OTAN e de ser un país da órbita occidental fai que teñamos unha relación de amizade e de aliado político a USA.  
Dende os anos 60, España potenciou o sector exterior da súa economía. Sen embargo, todavía queda distancia respecto das principias potencias mundiais o que fai que ocupemos unha posición intermedia. A crise de 2008, co mercado interno debilitado pola crise da construción, as empresas españolas aumentaron a súa presenza no exterior e a súa vocación exportadora. Aínda que o déficit enerxético segue a ser o que desequilibra a nosa balanza comercial, hoxe o país exporta, ademais dos produtos agroalimentarios e de bens de equipo, tecnoloxía e iso resulta novidoso.
En todo isto, debemos diferenciar catro zonas:
- Unión Europea: é o ámbito xeográfico máis intenso nas relacións españolas, coa creación de zonas de libre comercio.
- O Mediterráneo e o norte de África: pola súa proximidade xeográfica e a súa vinculación histórica. Búscase asegurar a estabilidade e a prosperidade da zona, polo que é necesario o apoio aos procesos democratizadores que garanticen dereitos humanos, a cooperación na loita contra o tráfico de droga, armas e persoas, e promover un desenvolvemento económico da zona.
- Iberoamérica: os obxectivos con este ámbito son explotar en beneficio mutuo as oportunidades económicas que ofrece este territorio, co fomento das relacións institucionais a un maior nivel, así como a ampliación do comercio e dos investimentos.
- Os BRICS: convertéronse en destinos prioritarios para España polo seu potencial de crecemento e polos seus proxectos infraestruturais. Para isto, intensificáronse as relacións diplomáticas e económicas con estes países (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica).
Aínda así, tamén podemos nomear outros ámbitos das relacións internacionais, como a que temos con Estados Unidos, o Próximo Oriente, Asia e o Pacífico, e a África Subsahariana. 
Doutra banda, existen unha serie de marcadores que establecen a posición relativa de España no ámbito mundial, e no que atopamos o Índice de Desenvolvemento Humano (IDH), deixándonos nunha 26º posición; o Índice de Globalización KOF, resultante dos valores obtidos nas áreas de globalización política, económica e social (posto 14); o Índice Elcano de Presenza Global (IEPG), onde se valora a presenza militar, económica e branda (posto 11); e, por último, o Índice de Reputación CountryRep, resultante dos valores da calidade institucional, a calidade de vida e o nivel de desenvolvemento (posto 17).
E xa para rematar, a Marca España, unha política destinada á promoción e a mellora da imaxe de España no exterior e no interior, explicado en base a que no mundo global é necesaria unha boa imaxe para aumentar o nivel de exportacións, as inversións estranxeiras, a internacionalización das empresas e, un aspecto moi importante para o noso país, o turismo.
Para poder levala a cabo, prodúcense Plans Anuais de Acción Exterior, e a creación dunha páxina web que mostra as fortalezas do noso país en diversos ámbitos, como son os económicos, humanos, culturais... o que o convirte nun país máis atractivo para visitar, estudar e traballar.

No hay comentarios: