martes, 30 de junio de 2020

Práctica das ABAU sobre as rexións industriais de España

Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 5 puntos):
a) Cite as Comunidades Autónomas, coas súas capitais, nas que están en funcionamento centrais nucleares
(figura 2). (1 punto)
b) Identifique os tipos de documentos e a información representada en cada un deles (1 punto).
c) Nomee dous eixes en expansión e explique os condicionantes da súa formación (1,5 puntos).
d) Xustifique a existencia das áreas de industrialización inducida e escasa (1,5 puntos).


Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 5 puntos):
a) Cite as Comunidades Autónomas, coas súas capitais, nas que están en funcionamento centrais nucleares (figura 2). (1 punto)
‐ Sta M.ª de Garoña: Castela‐León, Valladolid
‐ Ascó e Vandellós: Cataluña, Barcelona
‐ Trillo: Castela A Mancha, Toledo
‐ Cofrentes: Comunidad Valenciana, Valencia
‐ Almaraz: Estremadura, Mérida

b) Identifique os tipos de documentos e a información representada en cada un deles (1 punto).
A figura 1 é un mapa temático de España con base provincial que recolle as diferentes áreas industriais do Estado, utilizando unha gama cromática (coropletas), así como círculos proporcionais para a cantidade de emprego industrial de cada provincia. A fonte da figura 1 é a editorial Anaya.
A figura 2 é un mapa temático de España con división administrativa de Comunidades Autónomas utilizando diferentes cores para a súa individualización e localizando mediante figura e nome as diferentes centrais nucleares en funcionamento en España. A fonte é unha web adicada á enerxía
nuclear.
c) Nomee dous eixes en expansión e explique os condicionantes da súa formación (1,5 puntos).
Os dous eixos en expansión son o eixo do val do Ebro (que engloba A Rioxa, Navarra e a parte central da provincia de Zaragoza) e o eixo do Mediterráneo (que inclúe Cataluña, Comunidade Valenciana e Rexión de Murcia). Son zonas que están a recibir implantacións industriais como resultado das
tendencias difusoras da industria ou do desenvolvemento da industrialización endóxena (proceso de activación ou xeración de actividades industriais a partir de recursos propios). 
Algunhas causas deste proceso de difusión industrial nestas áreas (val do Ebro e do Mediterráneo) poden ser:
‐ Forte aumento dos custos nas grandes áreas urbanas: chan máis caro, maiores impostos, conxestión do tráfico ou maiores controis urbanísticos e ambientais.
‐ Mellora dos transportes e as comunicacións. O val do Ebro e o eixo do Mediterráneo contan cunha rede de autoestradas que os conecta cos principais centros nacionais e do sur de Europa, polo que atraen industrias nacionais e multinacionais.
‐ Oferta de polígonos industriais novos e de calidade en cidades de menor tamaño e algunhas áreas rurais.
‐ Existencia de iniciativas locais en certos lugares que manteñen unha industria tradicional que se esforza en innovar para ser competitiva e conquistar novos mercados.

d) Xustifique a existencia das áreas de industrialización inducida e escasa (1,5 puntos).
As áreas de industrialización inducida e escasa son zonas caracterizadas pola existencia dalgunhas grandes implantacións industriais illadas e polo predominio de industrias pequenas, tradicionais e dispersas.
As áreas de industrialización inducida atópanse en Aragón, Castela e León e Andalucía. Nestas áreas creáronse algúns enclaves industriais como resultado das políticas de promoción industrial da década de 1960. Estes concentraron os investimentos, a produción e o emprego, pero foron incapaces de difundir a
industria cara a áreas próximas, polo que xeraron desequilibrios territoriais. É o caso de Zaragoza en Aragón, de Valladolid e Burgos en Castela e León, e do triángulo Sevilla‐Cádiz‐Huelva en Andalucía.
Estas áreas contan tamén con algunhas industrias nas capitais provinciais aproveitando o mercado de consumo urbano, e con industrias tradicionais, dispersas e pequenas que aproveitan os recursos da contorna (téxtil, vitivinícola, conserveira, de moble).
As áreas de industrialización escasa son Castela‐A Mancha, Estremadura, Baleares e Canarias, debido a súa localización pouco competitiva. Nelas, as grandes industrias son puntuais e predominan os sectores tradicionais, en empresas medianas e pequenas, de baixa competitividade. Castela‐A Mancha 
comeza a constituírse como unha excepción neste grupo pola difusión da industria madrileña cara ás provincias mellor conectadas coa capital.

No hay comentarios: