martes, 30 de junio de 2020

Práctica das ABAU sobre as rexións pesqueiras españolas

Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima: 5 puntos):
a) A partir da información da figura, indique o nome de 2 provincias da rexión Surmediterránea e os 2
cabos -numerados- que limitan a rexión levantina (1 punto).
b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións:
  •  Identifique o tipo de documento e a información presentada na figura 1 (1 punto).
  •  Explique as características dos caladoiros nacionais (1,5 puntos).
  •  Indique as posibles alternativas aos problemas que presenta a pesca (1,5 puntos).

Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima: 5 puntos):
a) A partir da información da figura, indique o nome de 2 provincias da rexión Surmediterránea e os 2 cabos -numerados- que limitan a rexión levantina (1 punto).
Provincias da rexión Surmediterránea: Málaga, Granada e Almería.
Cabo 1: Cabo de La Nao.
Cabo 2: Cabo de Gata.
b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións:
 Identifique o tipo de documento e a información presentada na figura 1 (1 punto).
A figura 1 presenta un mapa de España con división administrativa provincial e coloración corocromática indicando os litorais das distintas provincias españolas que pertencen a algunha rexión pesqueira. Cunha lenda na que se poden diferenciar 8 rexións pesqueiras.
 Explique as características dos caladoiros nacionais (1,5 puntos).
Os caladoiros nacionais son os que se sitúan dentro do Mar Territorial (ata una distancia de 12 millas dende a costa) e da Zona Económica Exclusiva (ZEE), que son aquelas augas situadas entre 12 e 200 millas da costa, onde o Estado exerce o control dos seus recursos (incluída a pesca).
Os caladoiros nacionais presentan a dificultade de que as plataformas continentais españolas son pouco aptas para a pesca pola súa escasa magnitude, sen embargo son caladoiros ricos debido ás correntes mariñas frías ricas en plancton que os bañan (en especial no norte, noroeste, e atlántico andaluz e
canario) e ao encontro de correntes mariñas cálidas e frías como acontece na áreas do Golfo de Cádiz. Malia a esta situación de privilexio, os caladoiros están bastante esgotados e no sur hai unha limitación clara ao entrar en conflito coas augas territoriais de Marrocos. É por isto que a flota pesqueira española buscou dende hai tempo caladoiros ricos noutros lugares para facer fronte á importante demanda de pescado no país.
A maior parte da flota está composta por barcos de pequeno tamaño, que se dedican á pesca de baixura. O 90 % das capturas corresponden a peixes, que supoñen o 80 % do valor total da pesca desembarcada. As especies máis capturadas son o atún, o bonito, o bacallau e a pescada, xunto á sardiña, o arenque e a anchoa. O 10 % restante correspóndense con crustáceos e moluscos, aínda que os eu valor de venta ascende ata o 20 %.
A pesca artesanal de baixura, propia dos caladoiros nacionais, é unha actividade en notable declive dende hai tempo, tanto polo número de traballadores na mesma, que non deixa de diminuír, como polo número decrecente de capturas e barcos. Todo isto ten moito que ver co progresivo esgotamento dos caladoiros por sobrepesca e coa progresiva contaminación do medio mariño, en especial no
Mediterráneo, fundamentalmente por verquidos industriais e urbanos.
 Indique as posibles alternativas aos problemas que presenta a pesca (1,5 puntos).
Os problemas que presenta a pesca en España (escaseza de recursos, antigüidade dos buques, avellentamento da poboación ocupada, contaminación, restricións para o acceso a caladoiros exteriores coa limitación do número de licencias) esixiu medidas para apoiar ao sector e darlle alternativas para a súa viabilidade, moitas delas derivadas da Política Pesqueira Comunitaria, existente dende 1983. Entre
esas alternativas atópanse:
-Prohibición de artes de pesca que esquilman os fondos e do consumo de alevíns de determinadas especies, que impide a rexeneración das mesmas, o que conleva tamén o establecemento de cotas anuais máximas de captura por cada especie.
-Paradas biolóxicas para permitir a adecuada reprodución e crecemento das diferentes especies comerciais con risco de esgotamento.
-Reconversión da flota pesqueira, con axudas financeiras para o despezamento de barcos antigos e a súa substitución por outros novos.
-Creación de empresas mixtas nos países en cuxas augas se pesca, que inclúen o emprego dunha certa proporción de pescadores deses países en barcos españois.
-Fomento da acuicultura e da innovación nos cultivos mariños, para compensar a redución de capturas.
-Subvencións á diversificación de actividades en áreas onde a actividade pesqueira era predominante, para xerar outros empregos.

No hay comentarios: