Escolma e adaptación da entrevista mantida co economista Ramón Yañez Braxe no periódico "A Nosa Terra"
Nesta entrevista abórdanse, entre outros temas, aspectos relacionados coa reconversión industrial padecida en Ferrol, os factores de localización industrial que pode ofrecer esta cidade vencellada ao sector naval, o futuro incerto deste sector na cidade, o exemplo de adaptación ás demandas do mercado operadas en Barreras de Vigo...
Dende a primeira reconversión levan anunciándose planos económicos alternativos para Ferrol, pero semella que ningún deles pensa na recuperación do naval.
Cando se producen as primeiras reconversións e se asegura que a solución está fóra do naval, non existía ningunha capacidade infraestrutural de atraer empresas. Non tiñamos comunicación por autopista, o ferrocarril é de comezos do século XX, non había solo industrial, etc. Era imposíbel que as empresas se instalasen en Ferrol porque se facían cousas que non tivesen que ver co sector naval carecían dunha rede mínima de transporte que lles asegurase a saída de produtos e a chegada de materias primas. A única posibilidade de transporte era por mar. Ferrol é unha cidade marítima. Na actividade naval todos os inputs (materias primas) chegan por mar e o barco sae tamén pola auga unha vez feito. Era e segue sendo a única posibilidade tendo en conta que Ferrol é periferia de Galicia, que a súa vez é periferia do Estado e de Europa. A mellor proba disto é que aquí se prometeron moitos planos e nunca funcionou nada. A Ferrol veu moito investidor oportunista con subvencións a fondo perdido e o resultado é que marcharon por onde viñeron sen xerar riqueza. Aquí non hai futuro sen o sector naval, xa incluso pola formación da xente, e non falo só dos enxeñeiros, senón que tamén dos mandos intermedios. Calquera plano de futuro non pode pasar por conservar o que hai, porque o que temos é paro e infrautilización.
Nalgún traballo fala da reorganización dos estaleiros civís para adaptarse aos novos tempos.
O estaleiro especialízase en labores de definición, control e deseño técnico. Quen se encarga da produción son compañías auxiliares que non necesariamente teñen porque precarizar o emprego. Ao ser unha compañía máis pequena, o control sobre o traballo das persoas é máis esixente. Non hai máis que ver o modelo organizativo dos estaleiros de Vigo, nos que a empresas matrices especialízanse en labores de control e para iso precisan basicamente enxeñeiros. Polo tanto, unha nova empresa que comezase a funcionar en Ferrolterra xeraría unha cantidade grande de emprego cualificado, que é co que podemos competir contra os estaleiros do sueste asiático.(...) No ano 1999 o actual equipo de Barreras faise cargo do estaleiro apostando pola súa privatización. A evolución de Barreras entre 1999 e o ano 2004 é excelente. A solvencia dunha empresa demóstrase no eido tecnolóxico e no financeiro. Barreras conseguiu acometer a construción dun novo tipo de buques e ser líder no mercado de ferrys. Por outro lado, entre o ano 1999 e o 2004 no só acadou rexistros de facturación, senón que conseguiu xerar beneficios nun sector tan duro como o da construción naval, acadando 12 millóns de euros.
Nun artigo publicado no diario El País hai unhas semanas indica que a practica totalidade dos enxeñeiro titulados nesta escola na que imparte clases marchan á emigración por falta de oportunidades.
Até hai pouco Vigo era quen de acaparar unha parte da demanda dos nosos titulados, mentres que unha gran parte marchaban ao exterior. Na actualidade xa non é só que se vaian a outras partes do Estado, senón que marchan a Europa e a outros destinos. Dentro dunha semana vén unha compañía norueguesa a buscar enxeñeiros navais e industriais especializados no cálculo de estruturas. Polo tanto vemos que existe un problema grave, porque estes mozos estudan con fondos do erario público galego e logo unha vez formados e preparados teñen que emigrar co cal producen noutros lugares do Estado ou de Europa. Esta situación podería corrixirse en parte se Navantia xerase emprego como din, ou deixase que algún estaleiro comprase as instalacións ociosas co cal se estabelecería ao arredor toda unha industria auxiliar que demandaría man de obra cualificada e non só de enxeñeiros, senón que tamén de postos intermedios e de operarios cualificados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario