Escolma da entrevista mantida co catedrático de Edafoloxía e Química agrícola Francisco Díaz- Fierros, publicada no xornal "A Nosa Terra".
Nesta entrevista, mantida polo xornalista Perfecto Conde,faise un breve repaso polas desfeitas operadas na paisaxe galega por mor da construción salvaxe na costa, os incendios forestais ou a erosión. Todo isto nun contexto global moi contradictorio onde, por un lado, vemos un neoliberalismo rampante e descarado sen ningunha sensibilidade cara o medio ambiente e ,por outro, unha toma de conciencia de que hai que ir pola senda da sostenibilidade sen ningún tipo de retórica.
Cales son os puntos máis críticos dese fenómeno de “marbellización”?
Hai dous que quedaron moi claros este ano:un deles é, evidentemente, a paisaxe. Por unha
parte, a paisaxe de construír nun terreo que debería ser preservado. Se agora para ver o mar tes que apartar catro casas para chegar á beira xa estás perdendo o que é máis consubstancial da visión do mar, que sempre foi aberta. Os 500 metros dos que se fala agora, polo menos ódenche permitir un pouco esta panorámica. Por outra parte, a tipoloxía das construcións non responde en absoluto a nada noso. En terceiro lugar, os problemas que se están producindo agora coas cheas. Estase construíndo sen ter un mínimo de preocupación e eu diría case que até de coñecemento. Houbo toda unha serie de malas intervencións dende o punto de vista urbanístico, forestal, etc. que nos levou á situación imprevisíbel de agora.
E, por se for pouco, chegaron os incendios.
Os incendios sempre influén negativamente, máis ou menos, pero sempre. Incrementan as enxurradas e están influíndo sempre negativamente neste problema. Ao mellor o desencadeante definitivo sexa unha urbanización desaprensiva, pero é ir contra do sentido común negar a influencia dos incendios.
Unha das consecuencias, ademais, é a erosión. Pode ser grave?
A perda de miles de milleiros de toneladas de terra é unha perda moi importante. Ás veces
pénsase que o solo de Galiza é un solo magnífico. O solo bo, que se poda dicir que é de primeira,
é só o 7 por cento da superficie. Aquí hai moitísimo solo que é de pouca fondura e coa terra
que se lle vaia sacando vaise afondando máis nese problema. Vaise deixando aínda máis cativo
o espesor produtivo dese solo. A erosión produce dous problemas: perda de utilidade do solo e
que todo o que marcha del vai parar aos ríos e ás rías.
E que consecuencias terá todo iso?
Primeiro, que se o ano que vén chove, todo o mundo se esquece deste ano. Eu levo 30 anos traballando con este tema e seino por experiencia. En 1989 tamén houbo moita problemática e moita chamada de atención e tal. En 1990, máis ou menos, non houbo incendios e xa todo o mundo se esqueceu. Eu creo que, se non volve haber un verán seco como foi o pasado,
todo o mundo dirá que se traballou moi ben e que xa pasou o problema. Pero estes problemas
son acumulativos. O problema da erosión non é insidioso porque non son aparentes nin inmediatos os seus efectos, como poden ser os das cheas, pero pouco e pouco van facendo efecto. Eu sei da tese dun xeógrafo que comparou as fotografías aéreas do 1950 coas do 1980, nas montañas que separan as provincias de Pontevedra e Ourense, a zona do Candal, e viu que
había un incremento das rochas. Neses 20 ou 30 anos houbo un incremento do 15 ou 20 por cento da zona de rochas, e unha rocha aínda que nos pareza un pouco estraño é o deserto porque o deserto é onde non medra nada.
Non quero ser apocalíptico,pero temos enriba de nós tamén o cambio climático. Xa é algo evidente. Xa está aquí no sentido de que se incrementa a temperatura. No Observatorio da Coruña xa temos detectado un incremento tan importante ou máis que na área nosa do sudeste europeo. E tamén, aínda que non é tan claro pero parece que vai nese camiño, as chuvias, sen cambiar o total do ano, están diminuíndo nos veráns e concentrándose nos invernos Con isto hai dous problemas engadidos, a seca e as cheas que poden virnos da auga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario