Mostrando entradas con la etiqueta Xeografía física de España. Hidrografía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xeografía física de España. Hidrografía. Mostrar todas las entradas

lunes, 8 de junio de 2020

Caso práctico caído nunha proba ABAU. Hidrograma pluvial mediterráneo puro

1. Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Identifique os catro tipos de réxime fluvial que aparecen numerados na figura 1(1 punto).
b) Analice o tipo de documento da figura 2 e explique o valor “k” (1 punto).
c) Identifique e xustifique o tipo de réxime fluvial representado na figura 2 (1 punto).
d) Sinale as principais características e usos do tipo de río correspondente ao réxime fluvial representado
na figura 2 (1 punto).
a. Identifique os catro tipos de réxime fluvial que aparecen numerados na figura 1
(1 punto).
1: Réxime nival e nival de transición.
2: Réxime nivo‐pluvial e pluvio‐nival.
3: Réxime pluvial e pluvio‐nival oceánico.
4: Réxime pluvial mediterráneo ou pluvial subtropical

b) Analice o tipo de documento da figura 2 e explique o valor “k” (1 punto).
A figura 2 presenta un hidrograma, un gráfico que expresa a evolución do caudal dun río ao longo dun ano hidrolóxico. Para ponderar o caudal dun río téñense en conta varios elementos: o volume de auga que pasa por un punto concreto, o tipo de precipitación (choiva ou neve) ou a distribución mensual do mesmo ‐que tamén
está en función de factores como a altitude do relevo, o solo e a vexetación.
O ano hidrolóxico iníciase en outubro e remata en setembro. No eixo horizontal represéntanse a sucesión de meses do ano; no eixo vertical represéntase un número índica que expresa a variación do caudal de cada mes con respecto ao caudal medio anual ou módulo.
O valor “k” representa a relación entre o caudal medio mensual e o caudal absoluto.

c) Identifique e xustifique o tipo de réxime fluvial representado na figura 2 (1 punto).
O réxime fluvial representado na figura 2 é un réxime pluvial mediterráneo puro (cunha certa influencia pluvio‐nival no aumento de caudal do mes de xuño, correspondente ao desxeo estacional). O réxime presenta tres picos máximos (un máximo en outono e outros dous en primavera), e un acusado mínimo de verán, coincidente co período de estiaxe.

d) Sinale as principais características e usos do tipo de río correspondente ao réxime fluvial representado na figura 2 (1 punto).
A distribución do caudal é coincidente coa distribución anual das precipitacións, dado que na área mediterránea, os máximos de choiva coinciden cos equinoccios (precipitacións torrenciais en outono, outras máis ligadas á influencia atlántica na  primavera). Por contra, o inverno ‐momento de maior influencia do anticiclón peninsular‐ e o verán ‐coa presenza continua do anticiclón de Azores e a invasión de aire norteafricano‐ coinciden cos períodos de menor caudal.
Os caudais dos ríos mediterráneos son moi irregulares entre estacións, con grandes enchentes en tempos de choivas torrenciais e gotas frías; ás veces os ríos transportan ata 200 veces o caudal medio, polo que non é de estrañar que se provoquen enormes inundacións.
En canto aos usos destes ríos, as principais funcións son: o abastecemento de auga para usos urbanos e regadío, ademais doutros usos turísticos. A escaseza de auga na cunca mediterránea ten provocado a posta en marcha de políticas de transvases de auga que inclúen exemplos como o do Texo‐Segura, para tratar de manter en pleno auxe a horticultura mediterránea. O incremento da urbanización no litoral levou tamén a complementar estes recursos hídricos coa desalgazón como medio de paliar a escaseza estacional de abastecementos.

Comentario dun hidrograma: Réxime pluvial oceánico. Caso río Miño



Un hidrograma é unha gráfica que representa as variacións de caudal absoluto (m3/s) que hai ao longo dun ano nunha estación de aforo. No eixo de ordenadas representamos o coeficiente de caudal. Os valores do coeficiente K obtéñense a base de dividir o caudal medio mensual entre o caudal medio anual. Sempre que o valor sexa inferior a 1 falamos de augas baixas, o valor 1 significa que o valor mensual coincide co valor madio anual (a liña vermella indica o que serían os valores medios de caudal) e superior a 1 estamos ante as augas altas, os momentos de crecidas.
No outro eixe están os valores medios mensuais de cada mes e o seu coeficiente calculado. Ademais a gráfica indica o período de recollida dos datos e tamén nos proporciona o dato do caudal relativo que pon en relación o caudal absoluto coa superficie de escorrentía drenada polo río e a súa rede de afluente ata a estación de aforo.
No caso que nos ocupa podemos ver un río caudaloso que ten o momento de augas altas no inverno nos meses de xaneiro e febreiro, é dicir, cando ás augas aportadas pola precipitación son máis intensas. O paso das frontes atlánticas deixan unhas abundantes precipitacións que van parar ao principal colector galego que o río Miño. Un río Miño que na estación de aforo de Ourense xa recibiu os aportes dun afluente caudaloso, o río Sil. Un río que move as súas augas no dominio climático oceánico con temperaturas suaves e abundantes precipitacións.
As augas baixas esténdense nos meses de xullo, agosto, setembro e outubro. A estiaxe é momento onde o río ten menor caudal. Neste caso acusa un verán maís caluroso e menos húmido que o dominio oceánico costeiro. O matiz mediterráneo do interior meridional galego provoca unha estiaxe notable sen que por iso o río quede sen auga xa que as ladeiras cheas de vexetación polas que discorre encaixado van soltando a auga todo o ano. A partir de novembro, o río volve gañar caudal coas augas procedentes da precipitación. Desta forma podemos dicir que estamos ante un río de réxime pluvio oceánico. Este tipo de ríos ten as augas altas no inverno e a estiaxe no verán
Este tipo de ríos son aproveitados para a produción hidroeléctrica.

Comentario dun hidrograma: Réxime pluvio- nival. Caso do Esla



Un hidrograma é unha gráfica que representa as variacións de caudal absoluto (m3/s) que hai ao longo dun ano nunha estación de aforo. No eixo de ordenadas representamos o coeficiente de caudal. Os valores do coeficiente K obtéñense a base de dividir o caudal medio mensual entre o caudal medio anual. Sempre que o valor sexa inferior a 1 falamos de augas baixas, o valor 1 significa que o valor mensual coincide co valor madio anual (a liña vermella indica o que serían os valores medios de caudal) e superior a 1 estamos ante as augas altas, os momentos de crecidas.
No outro eixe están os valores medios mensuais de cada mes e o seu coeficiente calculado. Ademais a gráfica indica o período de recollida dos datos e tamén nos proporciona o dato do caudal relativo que pon en relación o caudal absoluto coa superficie de escorrentía drenada polo río e a súa rede de afluente ata a estación de aforo.
No caso que nos ocupa podemos ver un río caudaloso que ten o momento de augas altas no mes de febreiro e marzo, é dicir, cando ás augas aportadas pola precipitación se lle engaden as augas procedentes dos desxeo, neste caso da Cordilleira Cantábrica. O río Esla traslada estas augas ao río Duero convertindoo a este río no máis caudaloso da península.
As augas baixas esténdense nos mese de xullo, agosto e setembro. A estiaxe é momento onde o río ten menor caudal. Neste caso xa acusa o verán do interior da Meseta. A partir do outono o río volve gañar caudal coas augas procedentes da precipitación. É dicir, o paso das frontes atlánticas van deixando a precipitación que logo será incrementada polo desxeo a finais do inverno. Desta forma podemos dicir que estamos ante un río de réxime pluvio-nival. Este tipo de ríos ten as augas altas a finais do inverno e comezos da primavera.  
Este tipo de ríos están en montañas medias e son aproveitados para a produción hidroeléctrica.