Mostrando entradas con la etiqueta Xeografía humana. demografía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xeografía humana. demografía. Mostrar todas las entradas

viernes, 12 de junio de 2020

Comparativa das pirámides de poboación (década de 1960 e actual)


 Pirámide de 1960

 Pirámide de 2018



Para analizar a estrutura da poboación por idades debemos recorrer á pirámide de poboación. Esta gráfica divide a poboación en cohortes ( de cinco en cinco anos) de xeito que a poboación moza é a comprendida entre os 0-14 anos, a poboación adulta, entre os 15- 64 anos, e a vella, por riba dos 65 anos.
O índice de mocidade pon en relación o número de mozos (0-14 anos) por cada 100 persoas.
O índice de avellentamento pon en relación o número de persoas vellas ( maiores de 65 anos) por cada 100 persoas.
A pirámide de 1960 vemos que ten forma de campá como corresponde a un país en plena transición demográfica que foi controlando a súa taxa de mortalidade e debería comezar a controlar a taxa de natalidade, se ben por factores propios de España a natalidade nese ano rexistra valores medio- alto produto do inicio da xeración do baby boom. 
A base é ancha recuperando efectivos demográficos como no tempo anterior á Guerra Civil, perfectamente identificada polo entrante do grupo de 20 a 24 anos. Esa entalladura corresponde cos non nacidos pola guerra, mentres que a situación do grupo 0- 5 anos reflicte o comezo da xeración denominada do baby boom onde as taxas de natalidade recuperan os efectivos perdidos nas décadas anteriores pola guerra e a penuria da posguerra. O inicio da recuperación económica a mediados dos 50 nótase positivamente no número de nacidos. Estamos nos inicios do proceso de industrialización e crecemento das cidades, do desarrollismo, que traerán os anos sesenta.
Nas cohortes da mocidade vemos como hai máis homes que mulleres debido a factores biolóxicos, pois nacen máis homes que mulleres, se ben a medida que ascendemos vemos como se iguala e logo nas idades máis avanzados son tamén factores biolóxicos os que explican a maior esperanza de vida das mulleres.
A maior cantidade de mulleres nas idades adultas ten relación con outro fenómeno de mediados dos 50 e anos 60: a reanudación da emigración ao exterior que afectou máis aos varóns. A mediados dos 50 marchan a países latinoamericanos e nos sesenta irán a Europa Occidental. 
España, nese momento, ten unha estrutura de poboación relativamente xóven, pero con tendencia a ser estacionaria. Estamos ante unha España que vai mellorando as súas prestacións sanitarias e hixiénicas o que redunda nun maior control da mortalidade, en especial, da mortalidade infantil, aumentando a esperanza de vida. Con todo podemos observar como a partir das cohortes dos sesenta e máis os efectivos demográficos se reducen notablemente.
Pola contra na pirámide actual vemos que estamos ante un país de réxime maduro demográfico, cunha estrutura avellentada.
En España, o número de mozos representa un 14% da poboación total, mentres que as persoas por riba dos 65 anos son o 16%. Con estes números, a estrutura da poboación española é avellentada por canto supera o 12% que vén sendo o límite para cualificar a unha poboación avellentada.
As razóns que explican esa estrutura é a redución da natalidade dende hai 40 anos e un índice de fecundidade moi baixo que non permite o reemprazo xeracional. A este factor hai que engadir o aumento considerable da esperanza de vida que provoca o aumento das persoas vellas. Ese aumento será sensiblemente maior coa chegada ás idades avanzadas das xeracións do baby boom (finais dos 50 ata inicios dos 70).

As consecuencias desta situación é un maior gasto sanitario e de situacións de dependencia o que acentúa a carencia dunha infraestrutura de atención ás persoas maiores.
O avellentamento pon en serio risco o sistema das pensións e da Seguridade Social. A nivel económico unha estrutura avellentada reduce a poboación activa e a innovación.
A nivel demográfico agrava o problema do descenso da natalidade e aumenta a taxa de mortalidade xeral.
Unha sociedade cunha estrutura deste tipo esixe un elevado grao de formación e produtividade na poboación activa porque a ratio das persoas activas respecto das dependentes será menor. Neste sentido a inmigración preséntase como un paliativo da necesidade de man de obra nos sectores de actividade máis intensivos. O retraso na idade de xubilación, a reforma do sistema de financiación das pensións, o fin das prexubilacións, a racionalización do gasto sanitario e o fomento dun avellentamento activo son medidas de posible aplicación para facer sostible o Estado do benestar.
Esta estrutura avellentada, sendo xeralizada en todo o país, é máis notoria naquelas comunidades que padeceron no pasado emigración e que perderon as persoas mozas en idade de procrear. É o caso de Galicia ou o de Castela León. Pola contra en aquelas comunidades onde o comportamento é máis natalista ( Andalucía, Murcia) ou hai un maior dinamismo  económico e reciben unha numerosas poboación inmigrante ( Madrid, Cataluña, Levante) o índice de avellentamento é menor.
Por mor do éxodo rural, as áreas rurais tamén experimentan un elevado grao de avellentamento con pirámides invertidas. Con todo a maioría das persoas maiores de 65 anos, na actualidade, reside en ámbitos urbanos.
Nacen lixeiramente máis homes que mulleres (105 homes por cada 100 mulleres) por iso nos brazos da pirámide de poboación nas idades mozas e de  adultos xóvenes o número de homes será lixeiramente superior ao das mulleres. No treito de 45-49, igualan os seus rexistros e a partir de aí o número de mulleres será superior de xeito paulatino. Nestes treitos das idades intermedias, os adultos masculinos non se reducen polo efecto da chegada dos inmigrantes que nun número importante son homes.  Cando as cohortes chegan ás idades superiores aos 75 anos o número de mulleres será notoriamente superior pola esperanza de vida maior que experimenta a muller. Esa superior esperanza de vida débese a razóns de tipo biolóxico e a un estilo de vida menos exposto, se ben a igualación co home en estilo de vida provocará que esas diferenzas se reduzan. A excepción está nalgunhas zonas rurais onde a emigración feminina no pasado deixou un número superior de homes.
Así podemos dicir que o avellentamento de idades avanzadas ten un rostro feminino.

Caso práctico. Comentario dunha pirámide poboación. Probas da ABAU de 2014

Atendiendo al documento, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Cite las cinco provincias peninsulares más meridionales con menor índice de envejecimiento, recogidas en la figura 1 (1 punto).
b) Identifique la figura 2 y caracterice el modelo de estructura demográfica al que responde. Razone la respuesta (1 punto).
c) Explique las causas de los entrantes y salientes en los grandes grupos de edad (1 punto).
d) Comente las consecuencias que pueden derivarse de la estructura de población que refleja la figura 2 (1 punto).

a) Cite as cinco provincias peninsulares máis meridionais co menor índice de envellecemento,
recollidas na figura 1 (1 punto)
Huelva, Sevilla, Cádiz, Almería e Murcia.
b) Identifique a figura 2 e caracterice o modelo da estrutura demográfica á que corresponde. Razoe a resposta (1 punto)
É una pirámide de poboación, un histograma (úsase para representar as frecuencias dunha variable cuantitativa continua)/ gráfico de barras horizontais, bidireccional que mostra a estrutura demográfica da poboación, por sexo e idade, nun momento determinado.
No eixo vertical temos os rangos das idades (5 en 5 anos) e no horizontal os efectivos de poboación masculina e feminina en porcentaxe sobre o total da poboación .
Forma da pirámide propia dos países desenvolvidos con taxas de natalidade moi baixas e unha mortalidade en aumento pola alta esperanza de vida asociada a un réxime demográfico moderno/ postmoderno.
Pirámide contractiva/ forma de urna/ regresiva/ formas triangular ou de parasol, de oxiva ou campá correspondente a unha poboación envellecida. Base estreita por acusada diminución da poboación  xoven e ensanchamento da poboación adulta e anciá
c) Explique as causas dos entrantes e saíntes nos grandes grupos de idade (1 punto)
− Entrante 70 a 74 anos nacidos desde 1938 ata 1942, correspóndese coa caída de nacementos  durante a Guerra Civil e a posguerra; este é menos visible nas mulleres pola maior lonxevidade e menores taxas específicas da mortalidade.
− Saínte para os emigrantes retornados de máis de 60 anos.
− Saínte correspondente ao baby boom dos 60 para os maiores de 40 anos (grupos de idade nacidos  entre 1962 e 1972 aprox.) Forte crecemento vexetativo dos anos do “desarrollismo” e política  pronatalista do réxime ditatorial.
− Saínte polo aporte de adultos da inmigración nas idades entre 30 e 39 anos
− Entrante moi significativo pola baixada da fecundidade nos 90, asociado aos cambios sociais e culturais (carga económica, incorporación laboral da muller, planificación familiar,...) que acompañan ao final da transición demográfica e redución por mor da crise económica.
i. diminución natalidade desde 1979.
ii. Obsérvase mellor a baixada da cohorte de 25 a 29 anos (nacidos a finais dos 80 e comezos dos 90).
− Saínte por incremento da natalidade que se explica pola inmigración nos primeiros grupos de  idade(de 0 a 9 anos). Esta poboación conserva comportamentos de fecundidade propios das rexións de orixe (países subdesenvolvidos)
d) Comente as consecuencias que se poden derivar da estrutura da poboación que reflicte a figura 2 (1 punto)
− Envellecemento
• Dedicar maiores recursos á asistencia de anciáns, aumento do gasto destinado ás pensións.
• Problemas para o mantemento do Estado do Benestar, os servizos sociais e sanitarios sofren una
maior presión.
• Retraso na idade de xubilación.
• Menor capacidade de innovación e incremento de modos de vida conservadores e risco de xerontocracia.
• Dificultade para asegurar o reposición xeracional.
− Leve recuperación demográfica
• Aínda insuficiente para evitar a crise demográfica que se prevé a medio prazo.
• Aumento da necesidade de servizos asociados aos primeiros grupos de idades.

Caso práctico: Gráfica da transición demográfica en España. Probas das Abau 2017

Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Identifique as figuras 1 e 2 (1 punto).
b) Cite cinco provincias cun saldo vexetativo entre -0,1 e -1,99 ‰ (1 punto).
c) Explique os tipos de réximes demográficos que pode distinguir na figura 1 (1 punto).
d) Sinale catro causas que expliquen o último réxime demográfico representado na figura 1 (1 punto).
a) Identifique as figuras 1 e 2 (1 punto).
Gráfico lineal con dous eixos, no horizontal aparecen os intervalos cronolóxico do 1861‐2015, representando dúas magnitudes, a taxa de natalidade e a de mortalidade, a fonte é o INE, e no vertical as taxas en tantos por mil; e mapa de coropletas que se utilizan para representar fenómenos con numeracións, neste caso presenta unha división administrativa en provincias, presenta unha lenda e a
fonte é España a través de los mapas, e tamén presenta unha escala gráfica.

b) Cite cinco provincias cun saldo vexetativo entre ‐0,1 e ‐1,99 ‰ (1 punto).
Badaxoz, Biscaia, Cantabria, Cidade Real, Lleida, Pontevedra, Segovia, Valladolid, Zaragoza.

c) Explique os tipos de réximes demográficos que pode distinguir na figura 1 (1 punto).
‐ Réxime demográfico (RD) antigo ata 1893, caracterizado por moi altas taxas de natalidade e mortalidade (superiores ao 30‰), co resultado de escaso crecemento da poboación. Neste réxime demográfico, propio de sociedades rurais, existía una alta mortalidade infantil. Na gráfica sobresae o pico de mortalidade de 1885 causado por unha epidemia de cólera. Na década de 1880 a 1889 a tuberculose, as tifoideas, o xarampón e outras enfermidades constituíron o 41,3% dos falecementos.
‐ Inicio da transición demográfica (TD) que dura ata 1963 caracterizada por una baixada brusca da mortalidade motivada polo desenvolvemento económico e a mellora das condicións de vida. A natalidade descende de forma suave, sendo deste xeito o crecemento natural da poboación elevado. Nesta fase sobresae a gripe española de 1918 polo incremento da mortalidade e a guerra civil española (1936‐1939) polo aumento da mortalidade e, sobre todo, pola subnatalidade que provoca.
‐ Final da TD a comezos dos anos 80. A mortalidade mantívose moi baixa pero a natalidade continuou descendendo, reducíndose o crecemento natural. A incorporación da muller ao mundo laboral, o diferente papel dos fillos e a extensión de métodos anticonceptivos foron, entre outros, causa do descenso da natalidade.
‐ Novo réxime demográfico ou Segunda Transición Demográfica (STD) desde os comezos do século XXI. As taxas de natalidade e mortalidade seguen sendo moi baixas polo que o crecemento é nulo. A chegada de inmigrantes permite un breve crecemento da natalidade antes da crise de 2008. Entre o ano 2000 e 2009 a taxa de natalidade superará o 10‰.
Poden aparecer as dúas etapas de transición como única.
d) Sinale catro causas que expliquen o último réxime demográfico representado na figura 1 (1 punto).
 A situación económica de crise a partir de 1975 e que continuou na década dos 80 incrementou a idade media de matrimonio e acurtou o período fértil das mulleres pola:
o Precariedade laboral
o Alto prezo da vivenda
 Cambios de mentalidade e de valores desde a transición á democracia con:
o Diminución da influencia relixiosa
o Uso de anticonceptivos
o Legalización do aborto, en certos supostos, e do divorcio
o Aumento do acceso feminino á educación e incremento da participación da muller no mercado laboral
o Dificultades na conciliación familiar (escaseza de garderías, ausencia de políticas a favor)
o Os fillos xa non se consideran un seguro de vellez (progreso da protección social)
 Lixeira recuperación na actual centuria grazas á inmigración estranxeira
 Lixeiro aumento da mortalidade desde os 80 debido ao envellecemento da poboación
 Crecemento natural descendeu ata o final da centuria anterior polas baixas taxas de natalidade e de mortalidade.

martes, 2 de junio de 2020

Tema das ABAU: Dinámicas demográficas actuais: desequilibrios territoriais no movemento natural e movementos migratorios dende 1990



España conta na actualidade con cerca de 47 millóns de habitantes, que se reparten polo territorio de forma desigual. O interior atópase débilmente poboado, mentres que as áreas costeiras presentan unhas elevadas densidades de poboación. Ao mesmo tempo obsérvanse fortes contrastes entre as cidades e o medio rural: cada vez máis poboación habita nas cidades e, porén, no medio rural existen espazos practicamente deshabitados.
Os cambios recentes da poboación española están moi influídos polas  migracións internacionais. España foi tradicionalmente un país de emigración; no pasado, numerosos españois emigraron a distintos países do mundo, sobre todo de América Latina e do resto de Europa. Nas últimas décadas as tendencias cambiaron, descendendo o número de españois que emigran e aumentando o número de estranxeiros que veñen ao noso país. Aínda que este saldo positivo foi freado e invertido pola recente crise económica.
a) Desequilibrios territoriais no movemento natural da poboación
A evolución conxunta da natalidade e mortalidade determina o crecemento natural ou vexetativo, é dicir, a evolución que tería a súa poboación se non existisen as migracións exteriores. Este crecemento é desigual no espazo (segundo municipios, provincias e comunidades autónomas), e variou intensamente no tempo como consecuencia do desigual descenso das curvas de natalidade e mortalidade. En conxunto, España está hoxe en pleno réxime demográfico moderno, con taxas de natalidade baixas e de mortalidade estabilizadas en valores baixos con tendencia a ser medios por mor do avellentamento demográfico. As taxas de fecundidade son baixas, e non aseguran a taxa de reposición xeracional, de 2,1 fillos por muller.
A taxa de crecemento natural para o conxunto de España actualmente é moi baixa, pois durante os últimos anos situouse por debaixo do 2‰, o que implica que a poboación se mantería estable se non se producisen migracións exteriores. Pero este dato encerra diferenzas espaciais, pois hai áreas con crecementos elevados, mentres que outras teñen valores negativos.
- Os pequenos municipios rurais, sobre todo na metade norte, teñen unha poboación moi avellentada por efecto da emigración, e presentan un crecemento natural negativo, xa que a mortalidade é elevada e a natalidade moi baixa.
- Os municipios rurais de maior tamaño, situados predominantemente na metade sur, presentan unha dinámica natural lixeiramente positiva, xa que foron capaces de reter unha maior cantidade de poboación nova.
- Os municipios urbanos e turísticos teñen dinámicas positivas, xa que contan cunha poboación máis nova, debido aos recentes procesos de inmigración.
- Os crecementos máis altos danse nos municipios que rodean as grandes cidades, onde se asenta poboación moi nova, polo que o número de nacementos é alto en relación coa poboación total.
Por isto, as comunidades autónomas con maiores taxas de crecemento natural son Murcia, Madrid, Andalucía, Cataluña, as dúas comunidades insulares, a Comunidade Valenciana, Navarra e as cidades de Ceuta e Melilla. En xeral, presentan unha estrutura demográfica relativamente máis nova, causada por un comportamento tradicional máis natalista (Andalucía, Murcia e as cidades de Ceuta e Melilla), por ser foco de inmigración interna en épocas pasadas (Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Baleares) ou por recibir unha forte inmigración estranxeira desde a década de 1990 (todas elas). As áreas máis dinámicas dende o punto de vista económico (servizos especializados, unha agricultura de mercado próspera, turismo, áreas tecnoloxicamente máis avanzadas), que presentan as mellores expectativas laborais, que atraen poboación en idade de procrear doutras rexións españolas e son receptoras de inmigrantes 
Pola contra, as comunidades autónomas con crecemento natural negativo son aquelas que teñen unha poboación máis avellentada, sobre todo Asturias, Galicia e Castela e León. Estas comunidades presentan unha estrutura demográfica fortemente avellentada, por sufriren unha intensa emigración en épocas pasadas (Galicia e as comunidades do interior peninsular) coa consecuente perda de vitalidade demográfica ao ser a mocidade a que migra e procrea noutras rexións, teñen un perfil agrogandeiro cheo de dificultades de viabilidade polo que padeceron un éxodo rural acusado, de xeito que o abandono do rural é moi patente no seu territorio. A isto hai que engadir a prolongada incidencia da crise industrial de 1975 (rexións de antiga tradición industrial da cornixa cantábrica)  de difícil saída e alternativa válida para a súa especialización na extracción mineira e industria pesada ligada a esa minería. A  desindustrialización está baleirando comarcas que dependían en exclusiva desas fontes de ingreso. Estas comunidades, por esas circunstancias contan na actualidade con menor inmigración. 
b) Movementos migratorios (1990 á actualidade)
A dinámica da poboación non depende só da relación entre nacementos e defuncións (crecemento natural), senón tamén da mobilidade da poboación ou saldo migratorio. As causas das migracións son diversas e as súas consecuencias, complexas.
Os movementos migratorios españois adoitan clasificarse en migracións transoceánicas históricas, ata mediados do século XX, cuxo principal punto de destino foron diversos países de América Latina, e migracións modernas, desde finais da década de 1950, que presentaron unha dobre vertente: as migracións interiores campo-cidade e as migracións exteriores, cara aos países industriais de Europa Central e Occidental.
Dentro das migracións interiores debemos apuntar como se deu un cambio importante, pois pasouse dun dominio das migración interprovinciais cara ós espazos cun maior desenvolvemento dentro do Estado, ás actuais, nas que priman os movementos intraprovinciais vencellados á desconcentración residencial dende as áreas metropolitanas cara ás súas periferias.
Tras a entrada de España na Unión e a superación da crise económica da primeira metade dos anos oitenta do século XX, o país comezou a converterse en destino dos fluxos migratorios internacionais. En 1985, España só contaba cuns 250.000 residentes estranxeiros, o que supoñía un 0,6% da poboación total. Na actualidade, esta cifra supera xa os 5,2 millóns, representando o 11,3% da súa poboación. O desenvolvemento económico desta época transformou España dun país tradicionalmente emigrante a un país receptor de inmigración. Esta inmigración pódese agrupar en catro grandes conxuntos:
- Persoas xubiladas procedentes de Europa Central e do Norte. Son xente que se asenta definitivamente en España, sobre todo na costa mediterránea, atraída por un clima suave e un medio agradable rodeado de bos servizos. Este tipo de poboación, que aumentou de forma notable a comezos do século XXI, non atopa ningunha dificultade para a súa instalación no noso país.
- Directivos de empresas multinacionais, traballadores de alto nivel profesional, xentes do mundo artístico e da cultura. Este grupo de poboación está formado por persoas que proceden na súa maioría da Unión Europea. Veñen a España por cuestións laborais ou porque atopan mellor calidade de vida. Neste colectivo inclúense altos cargos directivos, técnicos, deportistas, estudantes etc.
- Refuxiados políticos. Son persoas que por motivos políticos tiveron que fuxir do seu país. Tamén se inclúen neste grupo os que abandonaron o seu lugar de orixe por conflitos armados, violencia xeneralizada ou por razóns de seguridade persoal.
- Inmigrantes procedentes de países pobres. Este é o grupo máis numeroso da inmigración que chega a España na actualidade. Está formado principalmente por homes, mulleres e nenos procedentes de diversos países de África, América Latina, Leste de Europa e Asia, que veñen na procura de traballo e dunhas condicións de vida máis dignas.
A Unión Europea e España levan a cabo un proceso de regularización para controlar a entrada destes inmigrantes que atopan moitas dificultades e limitacións para obter o permiso de inmigración e de traballo. Estas persoas poden entrar no país como turistas ou a través das mafias ou redes clandestinas de transporte de inmigrantes. Viaxan en pateras ou caiucos, ou agochados en camións co risco que iso implica para as súas vidas.
Aínda que, como vemos, os inmigrantes proveñen de moi distintos países, certas nacionalidades están máis representadas en función da proximidade xeográfica e dos lazos históricos e culturais. Así, a maior parte dos inmigrantes procede agora de América Latina, norte de África e Europa. Entre os primeiros destacan os ecuatorianos, colombianos, bolivianos e peruanos; entre os segundos predominan os marroquís; e entre os terceiros, os máis numerosos son agora os romaneses, seguidos de británicos, búlgaros, alemáns e italianos. Tamén existe un importante colectivo de chineses.
Non obstante, dende o 2010 a inmigración freouse como consecuencia da crise económica. A falta de emprego provocou que viñesen menos estranxeiros e que  moitos inmigrantes regresasen aos seus países de orixe (retornos). Polo mesmo motivo, aumentou a emigración de españois (sobre todo, de persoas novas cualificadas) a outros países en busca de traballo. Como resultado, o saldo migratorio en España foi negativo en 2013 (-256.849 persoas) e responsable da perda de poboación no noso país. Malia isto, parece intuírse un novo cambio de tendencia, pois os últimos datos dispoñibles (2017) marcan de novo un saldo migratorio positivo de algo máis de 50.000 persoas, aínda que entre os españois a emigración segue a dominar sobre os retornos (-13.000 persoas no primeiro semestre de 2017).