Mostrando entradas con la etiqueta Xeografía Física de España. Relevo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xeografía Física de España. Relevo. Mostrar todas las entradas

miércoles, 1 de julio de 2020

Práctica das ABAU sobre o mapa topográfico

Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 5 puntos):
a) Ademais de Sta. Cruz de Tenerife, nomee cinco das illas principais que forman o arquipélago canario. (1 punto)
b) Que tipo de mapa é e que información representa? (1 punto).
c) Responda as seguintes cuestións sobre os condicionantes físicos e humanos da área que aparece no mapa (3
puntos; 0,5 por cuestión ben resolta)
1. Describa como é o relevo que reflicte o mapa.
2. Que son as curvas de nivel e cal é a de maior altitude que aparece?.
3. Ao oeste de “Garachico” arranca unha vía de comunicación ata “San Juan del Reparo” (TF421). Cales
son as súas principais características?.
4. Que tipo de vexetación é a dominante nesta área?.
5. Que tipo de poboamento aparece nesta área?.
6. Cales son os principais usos do solo e aproveitamentos económicos desta área canaria?.


Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 5 puntos):
a. Ademais de Sta. Cruz de Tenerife, nomee cinco das illas principais que forman o arquipélago canario (1 punto).
Ademais de Tenerife, o resto de illas principais que conforman o arquipiélago canario son: O Ferro, A Palma, A Gomera, Gran Canaria, Forteventura e Lanzarote.
b. Que tipo de mapa é e que información representa? (1 punto).
O mapa topográfico é un documento onde se representan con gran detalle os  aspectos físicos (relevo, hidrografía, vexetación) e humanos (usos do solo, hábitat, toponimia) máis destacados dun territorio que resultan de grande interese para a análise xeográfica. O documento é un fragmento do Mapa Topográfico Nacional a escala 1:50.000 (MTN50) elaborado polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN).
c. Responda ás seguintes cuestións sobre os condicionantes físicos e humanos da área que aparece no mapa (3 puntos; 0,5 por cuestión ben resolta)
1. Describa como é o relevo que reflicte o mapa.
Trátase dun territorio accidentado, cunha orografía complicada polo forte esnivel existente (curvas de nivel moi próximas) o que será un importante ondicionante tanto nas comunicacións como en diferentes actividades económicas con espazos ben diferenciados de chaira litoral, val e montaña.
2. Que son as curvas de nivel e cal é a de maior altitude que aparece?
As curvas de nivel son as liñas que unen puntos coa mesma altitude. A mestra de maior altitude que aparece é a de 700 metros, aínda que a cota de maior altura é de 748 m (extremo suroccidental deste fragmento de mapa).
3. Ao oeste de “Garachico” arranca unha vía de comunicación ata “San Juan del Reparo” (TF421). Cales son as súas principais características?
O forte desnivel que ten que salvar é a súa principal característica, de aí a súa sinuosidade, adaptándose ás curvas de nivel que marcan onde o terreo pode ser algo máis chan facilitando a súa construción.
4. Que tipo de vexetación é a dominante nesta área?
A vexetación dominante é a típica do espazo bioxeográfico macaronésico, onde abundan as reliquias ou endemismos. Na área do mapa estamos entre o nivel do mar e os 800 metros polo que aparece unha estrutura en pisos, neste caso os chamados pisos basal e intermedio. Son especies adaptadas á aridez
(cardón, tabaiba…) e á escasa humidade (palmeiras, dragos e sabinas) nestas altitudes.
5. Que tipo de poboamento aparece nesta área?
Nesta área o poboamento concéntrase en pequenos núcleos de poboación (como “Garachico”) próximos á costa, onde as comunicacións son máis doadas e o clima máis favorable ou nalgunhas zonas de maior altitude (500 metros) como “El Tanque” e “San Juan del Reparo” onde o terreo é menos abrupto e nas vías de comunicación que unen a costa co interior da illa (Cañadas do Teide).
6. Cales son os principais usos do solo e aproveitamentos económicos esta área canaria?
O terreo é de difícil aproveitamento económico polo seu forte desnivel. É unha zona onde predominan as lavas e a matogueira con algún arboredo.
Principais aproveitamentos económicos: aínda que existen algúns cultivos (agricultura de primicia, plátanos, socalcos), a área foise especializando en actividades do sector terciario fortemente vinculadas co turismo debido ao seu agradable clima subtropical e ás praias existentes en todo o litoral.

lunes, 1 de junio de 2020

Práctica de modelado kárstico. Proba ABAU 2019


a) Nomee as unidades do relevo sinaladas na figura 1 (1 punto).
A. Cordilleira Cantábrica
B. Depresión do Guadalquivir
C. Cordilleira Costeiro Catalá
D. Montes de Toledo.
E. Serra de Tramuntana
b) Identifique o tipo de modelado da figura 2 e a rocha predominante (1 punto).
A figura 1 amosa un esquema de relevo kárstico. Rocha calcárea.
c) Complete os elementos enumerados do 1 ao 4 na figura 2 con algún dos seguintes termos: Domo.- Colada de lava.- Lapiaz.- Depósito piroclástico.- Pedra cabaleira.- Dolina.- Cráter principal.- Canón.- Tor.- Cono adventicio.- Sima.- Caos de bolas (1 punto).
1. Lapiaz.
2. Canón.
3. Dolina.
4. Sima.
d) Describa o proceso de formación deste tipo de modelado (1 punto).
A calcaria é unha rocha dura de orixe sedimentaria e permeable que como resultado da súa disolución en contacto coa auga, as formas máis características resultan tanto da disolución subterránea como da acción da auga en superficie.
e) Explique a orixe desta área litolóxica en España (1 punto).
A litoloxía predominante formouse nos fondos mariños na era secundaria. É unha rocha sedimentaria formada no Mesozoico e comezos do Terciario, que co pregamento alpino formou conxuntos montañosos. A súa formación produciuse pola erosión e sedimentación dos antigos relevos hercinianos, que foron depositados en potentes estratos nos fondos mariños. Estes estratos sometidos a grandes presións e temperaturas polo peso de estratos sucesivos, formaron as rochas calizas.

sábado, 30 de mayo de 2020

Modelado cárstico


O termo cárstico procede da rexión croata de Karst onde se dan unha serie de formas do relevo derivadas da meteorización da rocha calcaria.
A calcaria é unha rocha sedimentaria que se orixina en ambentes mariños, nas cubetas sedimentarias, onde se foron acumulando organismos procedentes da explosión de vida cámbrica que quedaron litificados. Está constituida por carbonato cálcico
A España calcaria está localizada nas áreas montañosas pregadas despois da oroxenia alpina (Cordilleira Bética, Prepirineo, Montes Vascos, Sistema Ibérico e parte oriental da Cordilleira Cantábrica) onde había unha potente coberteira de sedimentos calcarios.
Esta rocha é moi soluble en contacto coa auga polo que se produce unha meteorización química que acaba por crear unha serie de formas:
As dolinas: son depresións de tipo cóncavo que se forman sobre a rocha cando a auga se estanca e que poden acadar grandes dimensións. Cando se enlazan unhas coas outras aparecen as uvalas.
Os poljés: Son depresións alongadas de fondo plano enmarcadas por vertentes abruptas por onde circula a auga ata un sumideiro (pónor) por onde a auga se mete cara o interior
Os lapiás: serie de acanaladuras alongadas sobre a superficie da rocha separados por tabiques moi agudos
As simas: Se esa descomposión alongada sobre a rocha acada un notable desenvolvemento pode ocasionar unha depresión de paredes verticais
As fouces: vales de paredes verticais orixinadas pola erosión fluvial
As covas con estalacitas e estalagmitas.
Nas áreas de rochedo calcario son frecuentes as infiltracións dos cursos de auga que circulan en profundidade dando lugar a esas galerías subterráneas que lugo agroman á superficie.

Modelado granítico


O granito é unha rocha magmática, ígnea, formada por feldespato, cuarzo e mica. Os batolitos graníticos fórmanse en profundidade, pero preto da superficie terrestre en cámaras magmáticas que van enfriando lentamente o magma ascendente de menor densidade. Nese proceso prodúcese unha cristalización que, en función da rapidez ou lentitude do enfriamento, dá lugar a cristais de menor ou maior tamaño.
En España, o granito aparece na área silícea. Estamos a falar dun rochedo formado na era paleozoica e ligado ao magmatismo da colisión continental do que nos queda a consolidación do zócolo na parte occidental da península (300 millóns de anos). Despois da peniplanización dos relevos existentes foi aparecendo esta rocha. Nese proceso de enfriamento e descompresión prodúcense fendas na propia rocha denominadas diaclasas. Se as diaclasas son horizontais, en paralelo coa superficie o granito experimenta unha exfoliación creando os domos, que son montículos de formas suaves e redondeadas. Se as diaclasas forman unha rede ortogonal van desprendéndose bolas de granito que acaban por dispersarse polo chan nos denominados pedregais. Se ese proceso acontece en alta montaña esas pedreiras presentan forman angulosas por mor da acción do xeo. Se aínda están en pé forman os denominados castelos ou tores. As veces créanse as pedras cabaleiras onde unha rocha está nun equilibrio precario con outra por desaparición de todo o material que as rodeaba.
O granito exposto aos procesos erosivos (meteorización) experimenta mudanzas derivados da hidrólese. Esta meteorización química causada pola auga acaba por disolver o granito creando oquedades e  formas caprichosas nas paredes verticais da rocha, son os taffonis. Se ese proceso ten lugar na parte superior da rocha, paralela á superficie, aparecen as chamadas pias, unhas pequenas depresións redondeadas que pouco a pouco van agrandándose.
O granito nun clima temperado é unha rocha dura, pero en condicións de temperaturas altas todo o ano con precipitacións abundantes, como acontece nos climas tropicais, acaba por ser unha rocha máis branda que se disolve. Esas condicións son as que tivemos aquí nun pasado xeolóxico e determina a meteorización do granito que se converte en area pardoamarelenta ao separase os minerais que o compoñen.

martes, 8 de octubre de 2019

Exemplo de comentario do mapa topográfico


O mapa topográfico que vemos corresponde ao Espazo Natural da Fuentona nas proximidades dos Picos de Urbión, no Sistema Ibérico, na provincia de Soria. A escala do mapa é de 1:25.000 polo que as curvas van de 10 en 10 metros e cada 50 metros debuxa unha curva mestra.

O relevo da folla ofrece un contraste moi potente entre a escasa pendente, visible na maior parte da superficie representada, fronte ao encaixamento dos cursos fluviais de pouca entidade que van erosionando o relevo existente. En especial, chama a atención no centro da folla onde vemos o nacemento do río Avión. Os ríos entállanse con facilidade por canto estamos nunha área da España calcária onde son frecuentes as formas do relevo kárstico. Deste xeito podemos ollar a aparición dun manancial de auga que agroma á superficie e dá orixe ao río Avión. Este río parte en dirección sur abríndose paso a base de sobreexcavar o seu curso sobre as rochas calcárias. Entre o dorso dos páramos ou altiplanicies dominantes na folla, que a propia toponimia da zona denomina Los LLanos, percorrida pola curva de nivel dos 1.100 metros, ata o fondo do potente talude hai un desnivel de 100 metros de diferencia. 

As maiores alturas da folla atópanse na cota denominada Umbriazo, a 1109 metros, mentres que as menores alturas están no propio curso do río Avión a 1000 metros de altura. Isto orixina unha forte pendente de paredes moi verticais como un canón, unha das formas do relevo frecuentes sobre o rochedo calcário que, sendo permeable, por procesos de disolución acaba por excavar fouces ou canóns. Nas zonas kársticas son frecuentes tamén a aparición de manaciais que, despois de percorrer distancias baixo a superficie xurden ao exterior ao atoparse cunha rocha impermeable que a obriga a saír. 

Na parte chaira de menor altura está localizado o núcleo de Muriel de la Fuente e a única vía de comunicación representada. A zona chaira máis próxima ao río denomínase La Vega, facendo alusión á superficie de sedimentación do río que adoita ser moi fértil e que no caso de crecida serve de chaira de inundación. Este tipo de espazos son ocupados polas terras de labor.

viernes, 4 de octubre de 2019

Mapa litolóxico de España

Práctica do tema do relevo para CIUG: O mapa litolóxico de España





Estamos ante un mapa de tipo temático, deseñado a base de coropletas, onde se localiza a
distribución dos diferentes dominios litolóxicos da Península Ibérica e as Illas Canarias.
Fundamentalmente podemos distinguir tres zonas: A silícea, a calcárea e a arxilosa. En
Canarias debemos destacar o rochedo volcánico.

Na zona silícea domina un rochedo de tipo magmático e metamórfico, aquel que se
corresponde cos zócolos peninsulares . Ocupa unha ampla superficie na parte occidental
da península, sobre o Macizo galaico, a parte occidental da Cordilleira Cantábrica, Montes
de León, o sector occidental da Meseta, a penichaira extremeña, o Sistema Central, os
Montes de Toledo e Serra Morena, é dicir, na área onde se localiza o antigo Macizo
Hespérico. Ocupando unha superficie notablemente inferior tamén podemos atopar este
tipo de rochedo no Pireneo axial, onde están as maiores alturas da cordilleira, e no sistema
Penibético, así como sectores da Cordilleira Costeiro Catalana. Nestes últimos casos o
paroxismo alpino proxectou cara o máis alto os materiais máis antigos do xeosinclinal onde
se foron acumulando os sedimentos que logo se pregarían para dar lugar á formación de
cadeas de pregamento.

Na zona silícea as rochas son magmáticas, como o granito de dúas micas,
metamórficas como as lousas, os xistos,o gneis e as cuarcitas. O feito de ser materiais
duros deriva na existencia de numerosas fracturas e fallas. Nesta área podemos localizar
exemplos de relevo xermánico, con horst e graben, como podemos ver no Sistema
Central, e exemplos de relevo apalachense coa exhumación de primitivos relevos
pregados como é o caso dos Montes de Toledo, a parte occidental da Cordilleira Cantábrica
e as serras orientais e surorientais do Macizo galaico. Nas zonas de dominio granítico a
erosión diferencial dá lugar a formas como son os domos, os tores ou castelos, os canchais,
as pedras cabaleiras, os taffinis e pias.

O rochedo calcário está localizado onde están as cadeas de pregamento , Pireneos,
Montes Vascos e Cordilleiras béticas, e os rebordes da Meseta como a parte oriental da
Cordilleira Cantábrica e o Sistema Ibérico. Este conxunto de unidades de relevo forman
unha Z invertida. Coincide cunha área onde houbo unha potente coberteira de sedimentos
mariños depositados nos mares mesozoicos que serían pregados no paroxismo alpino. No
caso do Sistema Ibérico ou na parte oriental da Cordilleira Cantábrica falamos dun reborde
montañoso da Meseta que en orixe funcionaría como un borde de cunca, mentres que no
caso do Pireneo e o Sistema Bético falamos dun xeosinclinal profundo. A rocha calcária é
de tipo sedimentario polo que ante un empurre tectónico compórtase como un material
plástico e acaba por pregarse. Nestas zonas podemos ollar exemplos de relevo xurásico
(cluses, combes, sinclinais colgados e anticlinais exhumados) e formas kársticas propias da
erosión diferencial. Esta rocha permeable e soluble á auga dá lugar a formas como
lapiaces, dolinas, poljés, simas, canóns, covas de estalacitas e estalagmitas, circulación
subterránea da auga con surxencias.

O rochedo arxiloso aparece nas cuncas sedimentarias da Meseta, onde cubre as zonas
afundidas do zócolo e percorridas polos ríos Duero, Tajo e Guadiana, e aparece, tamén,
nas depresións do Ebro e Guadalquivir. Esta rocha sedimentaria de gran moi fino cubre
esas áreas depresionarias, na era terciaria e cuaternaria, en época posterior ao paroxismo
alpino, dando lugar a un relevo plano, tabular de páramos e moas ou de suaves
ondulacións, caso da campiña andaluza. Facilmente erosionable, nas áreas áridas da
península, pode crear cárcavas . Cando a extensión afectada é moi ampla dá lugar a bad
lands .

Finalmente, nas Illas Canarias e en puntos da península como o Cabo de Gata, Campo de
Calatrava ( A Mancha) e no Campo de Olot aparece un rochedo volcánico vencellado á
actividade rexistrada na era terciaria. Campos de lava solidificada, os malpaíses, conos
volcánicos , campos de cinza e lapilli, caldeiras , cando o volcán sofre un desventramento
pola erosión, ou os diques, roques e pitóns de lava que quedan á vista pola acción da
erosión diferencial son o catálogo de formas do relevo volcánico. O rochedo varía dende as
cinzas e o lapilli, localizadas nos edificios volcánicos e nos arredores do volcán, os basaltos,
pumitas (a pedra pómez), dunitas, andesita, peridotitas entre outras

jueves, 3 de octubre de 2019

Tema da ABAU. Formación e evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas Canarias e Baleares (da era arcaica ao glaciarismo cuaternario).

Tema do relevo probas CIUG: Formación e evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas Canarias e Baleares (da era arcaica ao glaciarismo cuaternario).

 A historia xeolóxica da Península Ibérica nos leva ao período arcaico (4.000 millóns- 600 millóns) onde a única zona emerxida era a parte occidental (Galicia e puntos do Sistema Central e Montes de Toledo) nunha banda arqueada de terras emerxidas cunha orientación NW-SE, de lousas e gneiss, onde imos localizar o zócolo, a estrutura básica rochosa sobre a que se sostén a península. O rochedo máis antigo localizámolo no cabo Ortegal. Son rochas ultrabásicas. Estes relevos foron arrasados pola erosión e cubertos polos mares paleozoicos.

Na era paleozoica (600 millóns- 225 millóns) acontece a oroxenia Hercínica ou Varisca que ten unha enorme transcendencia para a Península pois emerxe unha enorme cordilleira que funciona como sutura coas terras que hoxe forman parte de América Norte. Estamos a referirnos a Panxea, un supercontinente que aparece hai 300 millóns de anos. Na península as terras emerxidas están inclinadas cara o leste. Os principais ríos verten as súas augas no mar de Tethys (antecedente do Mediterráneo). A cordilleira hercínica estaría formada por materiais de tipo silíceo: lousas, cuarcitas, granitos.

Durante a era Mesozoica (225 millóns- 68 millóns) estamos nun período de calma oroxénica. Os procesos erosivos crean potentes capas de sedimentos que se depositan no que hoxe é a parte oriental da península. Os relevos existentes son peniplanizados dando lugar ao zócolo hespérico, que se estende pola parte occidental da península, o macizo bético- rifeño, no sur, e o macizo catalano- balear, no leste. Estas zonas coinciden co dominio das rochas magmáticas e metamórficas e convertiranse nunhas áreas ríxidas que se fragmentarán en fallas e fracturas. Nesta etapa prodúcense transgresións e regresións mariñas. No borde oriental da Meseta vanse depositar as calcarias e as margas que logo darán lugar ao Sistema Ibérico. A zona do Pireneo e Béticas serán dúas foxas profundas onde se acumularían potentes espesores de sedimentos. A inicios da era mesozoica, cara os 200 millóns de anos, comeza a separación continental entre América e Europa creándose un rift. A parte occidental da península funcionará como unha zona de borde continental.

Na era Cenozoica (68 millóns- 1’7 millón) aparece o Océano Atlántico e, sobre todo, ten lugar unha nova oroxenia, a alpina. Este proceso de creación de montañas orixinado pola aproximación da placa africana e a euroasiática, dará lugar á aparición das Cordilleiras Béticas e os Pireneos. Os antigos macizos (Meseta española e o macizo Central francés, no caso dos Pireneos; meseta española e Macizo Bético- rifeño, para o caso das Cordilleiras Béticas) exercen de topes de prensa sobre os sedimentos depositados nas cuncas sedimentarias e emerxen unhas montañas xóvenes onde domina o rochedo calcáreo. Vencellado á oroxenia alpina tamén ten lugar a formación das Illas Baleares. As illas de Mallorca, Ibiza, Formentera e Cabrera son unha continuidade das cordilleiras Béticas. A illa de Menorca está vencellada ao macizo catalano balear.

Outras consecuencias deste paroxismo:

  • A basculación da Meseta cara o oeste, o que determina que os grandes ríos vertan as súas augas no Atlántico.
  • O rexuvenecemento dos relevos xa existentes, o que determina a aparición de montañas como o Sistema Central, fracturada en bloques nun bó exemplo de relevo xermánico, e a aparición do rebordes da Meseta (Cordilleira Cantábrica, Sistema Ibérico, Serra Morena).
  • Fenómenos de vulcanismo, en zonas de fallas, no Campo de Calatrava, Cabo de Gata e no Campo de Olot. 
 No Cenzoico é tamén o momento onde emerxen no Atlántico as Illas Canarias ligadas á placa africana. A península ofrece agora un conxunto de terras emerxidas máis amplo. Tan só quedan dous brazos de mar que se corresponden coas fosas prealpinas do Ebro e Guadalquivir. Estas depresións irán colmatándose cos sedimentos arrastrados polos ríos procedentes dos relevos montañosos que os arrodean. No caso do Ebro o tipo de sedimentación será de tipo continental, mentres que a depresión do Guadalquivir segue estando en proceso de colmatación como se pode comprobar no Parque Nacional de Doñana.

No cuaternario o máis relevante é o glaciarismo e o periglaciarismo que afectou á península. A nosa posición meridional na zona temperada fixo que o glaciarismo só sexa perceptible nos conxuntos montañosos máis elevados, como é o caso dos Pireneos. A creación de vales glaciares en forma de artesa, en U, coas súas morrenas, como depósitos de sedimentos glaciares a ambos lados son a pegada que nos deixou a sucesión de catro glaciacións. Un exemplo é o Parque de Ordesa, no Pireneo. Nos lugares onde as alturas son máis modestas, a pegada aparece en forma de glaciares de circo deixándonos lagos de orixe glaciares e un modelado do relevo nos cumios tallado pola acción do xeo e as baixas temperaturas. A sucesión do glaciarismo tamén pode verse nas terrazas dos principais ríos peninsulares.