Mostrando entradas con la etiqueta Xeografía urbana de España. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xeografía urbana de España. Mostrar todas las entradas

domingo, 24 de abril de 2022

Práctico de xeografía urbana. Abau 2021


 Atendendo ás figuras 1 e 2: a) Cite as catro provincias que teñen unha porcentaxe máis alta de poboación residindo na súa capital (figura 1). (1 punto); Comente o documento da figura 2 atendendo ás seguintes cuestións: b) Identifique e describa a información representada, e determine o emprazamento e a localización da cidade. (1 punto); c) Relacione a evolución histórica da cidade cos tipos de trama que presenta o plano. (1,5 puntos); d) Comente os problemas actuais das zonas antigas urbanas e posibles solucións. (1,5 puntos).

Respostas:

Atendendo ás figuras 1 e 2: a) Cite as catro provincias que teñen unha porcentaxe máis alta de poboación residindo na súa capital (figura 1). (1 punto) 

Álava, Madrid, Valladolid e Zaragoza

Comente o documento da figura 2 atendendo ás seguintes cuestións: b) Identifique e describa a información representada, e determine o emprazamento e a localización da cidade. (1 punto) 

A figura 2 é unha representación a escala dun fragmento do plano urbano da cidade de Barcelona, capital da comunidade autónoma de Cataluña e principal metrópole rexional

Un plano urbano é unha representación gráfica das superficies construídas e as libres (rúas, prazas, xardíns, parques), así como a súa organización no espazo e a través do tempo. O plano permite diferenciar fundamentalmente tres grandes unidades morfolóxicas: o caso antigo ou cidade preindustrial (anterior ao século XIX), os ensanches burgueses e barrios industriais (século XIX) e as periferias (séculos XX e XXI). 

O emprazamento é o lugar que serve de soporte físico á cidade. Barcelona está emprazada á beira do mar Mediterráneo (na figura podemos ver algúns dos peiraos das instalacións portuarias relacionadas coa importante función comercial que tivo a cidade dende a súa orixe, á que acompañaron a función comercial e defensiva). A cidade está encaixada entre o límite marítimo e as estribacións da Cordilleira Costeiro Catalá polo que o seu crecemento seguiu a liña de costa cara a municipios próximos como Badalona ou Hospitalet de Llobregat. A parte principal do plano correspóndese cunha chaira (dada a uniformidade da trama). Hoxe en día é a segunda cidade máis poboada do país e a primeira de Cataluña formando parte dunha das áreas máis desenvolvidas do país polo que a súa influencia é suprarexional (mesmo nacional e internacional nalgunha das súas funcións), articulando o denominado eixe mediterráneo.

 c) Relacione a evolución histórica da cidade cos tipos de trama que presenta o plano. (1,5 puntos);

Como a maioría das grandes cidades, Barcelona presenta un plano complexo que pode estruturarse en tres grandes áreas ou unidades morfolóxicas: casco antigo, ensanche e periferia. 

O casco antigo ou histórico (cidade preindustrial) ocupa unha superficie relativamente pequena dentro da cidade actual. Barcelona na súa orixe foi un antigo campamento romano que xa tivo un plano hipodámico amurallado. Posteriormente, a cidade medieval remodelou estes espazos, creando un casco histórico de rúas estreitas e irregulares, abigarradas e rodeadas por unha muralla sinuosa. Esta parte é facilmente identificable na zona suroccidental do plano, ao leste da grande zona verde que corresponde ao parque de Montjuic: un plano anárquico propio da cidade medieval que amosa un crecemento sen planificación. As súas rúas son estreitas, curtas e retorcidas, propias do crecemento orgánico. A súa trama é pechada e compacta debido a que o crecemento da cidade aconteceu durante séculos no espazo intramuros, con construcións estreitas e altas, e practicamente sen infraestruturas comúns . Nesta zona se localizan algúns dos edificios históricos máis importantes da cidade (Catedral, Barrio Gótico…). O espazo público é moi limitado. A antiga muralla medieval foi reemprazada por rondas e vías que a atravesaron desde finais do século XIX, cando o tráfico rodado estimulou a demolición das murallas e a creación de novas rondas perimetrais. 

O crecemento da cidade no século XIX levou a proxectar un ensanche en torno á cidade preindustrial. Ildefonso Cerdá foi o encargado de proxectar o ensanche burgués adoptando un plano en cuadrícula, dameiro ou ortogonal con mazás cadradas delimitadas por rúas que se cortan formando ángulo recto. Cerdá introduce a novidade de rasgar as esquinas en chaflán para facilitar o tráfico da cidade (desta maneira a mazá cadrada se transforma en octogonal) e deixa, como podemos ver no plano, amplas rúas entre as mazás. O plano ortogonal rómpese coa apertura dunha diagonal que facilita o tráfico e os desprazamentos. O Ensanche de Cerdá, que prevía a combinación de zonas verdes con zonas edificadas e mesmo emprazamentos industriais, foise recheando progresivamente por mor dunha especulación urbanística que ocupou todas as mazás con funcións preferentemente residenciais. 

A importancia industrial de Barcelona estimula o seu crecemento e novas expansións que supoñen a anexión á cidade do que eran pobos agrícolas transformados en barrios urbanos. Son as periferias dos séculos XX e XXI. O plano destas periferias non presenta a regularidade xeométrica e a amplitude de rúas que ten o ensanche burgués. Nelas localízanse barrios industriais, barrios obreiros, etc, con distintas morfoloxías relacionadas cos gustos urbanísticos e arquitectónicos das distintas épocas históricas. 

d) Comente os problemas actuais das zonas antigas urbanas e posibles solucións. (1,5 puntos).

Ao igual que en moitas grandes cidades, os principais problemas do casco antigo son o deterioro físico de rúas e casas, o que da lugar a unha degradación social que provoca envellecemento da poboación, perda de poboación, baixo nivel de renda e concentración de clases marxinais cun rápido desgaste das edificacións. Isto provoca un deterioro ambiental que prexudica á imaxe da cidade. Ademais, a terciarización do solo provoca o baleiramento do centro fóra das horas comerciais.

As posibles solucións a estes problemas son a posta en práctica de políticas de rehabilitación de edificios, a creación de espazos verdes e o fomento do uso residencial. Tamén a aposta pola sustentabilidade medioambiental destes espazos (peonalización) para reducir a contaminación atmosférica e acústica, así como fomentar a cohesión social (área de oportunidades económicas que atraia poboación nova e de maior nivel de renda).

 Non obstante, nos últimos anos, ligado a este proceso de revalorización dos centros históricos aparece o problema da xentrificación que remodela o espectro social da poboación que o habita.  

Especialmente nestas zonas antigas deben fomentarse políticas públicas de conservación e revitalización mellorando os espazos públicos, rúas e prazas ou dar un novo uso a vellos monumentos, converténdoos, por exemplo, en edificios administrativos ou universitarios, que contribúan a dinamizar a vida dos centros históricos.

Práctico de xeografía urbana. Proba das ABAU 2020

 



Atendendo á figura 1, conteste: a) Enumere as provincias costeiras andaluzas (1 punto); b) Analice o tipo de documento da figura e indique dous criterios que permitan definir un espazo como urbano (1 punto); c) Comente as principais características desta paisaxe urbana (estrutura, funcións, trama urbana, etc.) (1,5 puntos); d) Problemáticas socioeconómicas e ambientais presentes neste tipo de barrios (1,5 puntos).

Respostas:

Atendendo á figura 1, conteste: a) Enumere as provincias costeiras andaluzas (1 punto)

Huelva, Cádiz, Málaga, Granada, Almería.

b) Analice o tipo de documento da figura e indique dous criterios que permitan definir un espazo como urbano (1 punto) 

A Figura 1 é unha fotografía panorámica do barrio de “As Tres Mil Vivendas” pertencente a un barrio da cidade de Sevilla.

 Algúns criterios utilizados para definir o concepto de cidade son: 

-Criterio cuantitativo ou estatístico baseado en cifras: En España o INE considera urbanos aos municipios con máis de 10.000 habitantes. 

-Criterio morfolóxico: poboamento concentrado, con alta densidade de edificación e de poboación, así como o predominio da vivenda colectiva e en altura. 

-Criterio funcional: predominio de actividades distintas das agrarias, é dicir, a industria e os servizos. Estilo de vida diferente ao rural. 

-Criterio sociolóxico: maior diversidade social e relacións máis impersoais e anónimas entre os individuos. 

-Criterio espacial: capacidade de exercer influencia sobre outros núcleos de poboación e de interrelacionarse con outras cidades. 

c) Comente as principais características desta paisaxe urbana (estrutura, funcións, trama urbana, etc.) (1,5 puntos). 

A imaxe recolle un barrio localizado na área suburbana compacta da cidade de Sevilla como os planificados durante o crecemento urbano a partir do desenvolvemento económico dos anos 60 en España para acoller o gran aumento da poboación froito do éxodo rural, e tamén da recolocación ou eliminación do chabolismo de décadas anteriores. 

Tratábase de novos barrios de grandes bloques de vivendas levantados mediante a planificación (en bastantes casos por parte dos poderes públicos) na periferia da cidade, xeralmente sen unha gran calidade arquitectónica, aínda que si amosan, como pode observarse na imaxe, certa planificación racionalista para a creación de polígonos residenciais (homoxeneización de alturas e tipoloxía construtiva, especialmente nas construcións de primeiro plano). Adoitan ser barrios con carencias na dotación de infraestruturas e de zonas comúns, rúas pouco amplas e con escaseza de espazos verdes.

 d) Problemáticas socioeconómicas e ambientais presentes neste tipo de barrios (1,5 puntos). Moitos destes barrios, como o da fotografía, non foron deseñados con suficientes criterios de integración social e espacial. Foron planificados para asentar ás clases traballadoras ou medias, pero pronto comezaron a sufrir o abandono por parte da administración, o que lles levou a sufrir procesos acelerados de degradación.

Algúns destes barrios de grandes cidades como Sevilla foron afectados pola problemática do paro e da desestruturación social que os levou a un claro proceso de degradación que os acabou convertendo en “guetos”. Ademais dos citados problemas sociais (desemprego, marxinación, desarraigamento…), estes espazos tamén sofren os habituais problemas ambientais de espazos densamente ocupados como son a contaminación atmosférica, os altos niveis de ruído, a produción e eliminación de residuos, a falta de espazos verdes ou dotacións de servizos e equipamentos básicos.

miércoles, 1 de julio de 2020

Práctica das ABAU sobre a xerarquía urbana e o sistema urbano español

Atendendo ao documento conteste (puntuación máxima 4 puntos):
a) Cite as cinco comunidades autónomas que non teñen ningunha aglomeración maior de 250.000
habitantes (1 punto).
b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións:
• Identifique o documento e xustifique a que categorías de xerarquía urbana corresponden as
seguintes metrópoles: Zaragoza, Córdoba e Madrid (1 punto).
• Que aspectos condicionan a distribución dos principais espazos de concentración urbana? (1 punto).
• Explique as consecuencias do actual sistema urbano no interior peninsular (1 punto).


Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Cite as cinco comunidades autónomas que non teñen ningunha aglomeración maior de 250.000 habitantes (1 punto).
Cantabria, A Rioxa, Navarra, Estremadura e Castela‐A Mancha.
b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións:
Identifique o documento e xustifique a que categorías de xerarquía urbana corresponden as seguintes metrópoles: Zaragoza, Córdoba e Madrid (1 punto).
Trátase dun mapa de España de base provincial, temático de símbolos/figuras proporcionais; utiliza unhas circunferencias para representar con seis niveis os diferentes tamaños por habitantes, das aglomeracións urbanas españolase a súa localización. Nas máis importantes aparece xunto a figura o nome da cidade. A fonte é a editorial Santillana.
Zaragoza ten a categoría de metrópole rexional xa que é unha gran área metropolitana cunha poboación superior a 500.000 habitantes. Conta con funcións diversificadas industriais e terciarias e ofrece numerosos servizos especializados. A súa área de influencia é rexional pero mantén intensas relacións coas metrópoles nacionais.
Córdoba se relaciona coas denominadas metrópoles subrexionais ou rexionais de segundo orde xa que é un área de poboación entre 250.000 e 500.000 habitantes. Conta tamén con funcións bastante diversificadas e algún servizo especializado, pero de influencia subrexional.
Madrid corresponde á categoría de metrópole nacional debido a ser a maior área metropolitana de España (máis de 3.000.000 de habitantes) pero tamén está integrada no sistema europeo e no mundial (cidade global), conta con funcións moi diversificadas ao concentrar as sedes das grandes empresas nacionais e multinacionais e, polo tanto, os centros de decisión empresarial, posúe industrias de alta tecnoloxía que ofrecen servizos moi especializados (financeiros, de xestión, innovación, cultura e
lecer) e ten unha densa rede de transporte e comunicacións.
Que aspectos condicionan a distribución dos principais espazos de concentración urbana? (1 punto)
Os aspectos que condicionan a distribución dos principais espazos de concentración urbana en España son factores físicos (clima e altitude) e humanos (evolución histórica e económica). O sistema urbano español baséase nun núcleo central e diversos eixes periféricos que se relacionan co crecemento industrial e as políticas industriais (Cataluña, País Vasco e Madrid), así como a terciarización da economía nos últimos anos. A terciarización industrial beneficiou de forma especial ás grandes cidades; o aumento do emprego nas administracións públicas, que están situadas nas capitais, fíxoas medrar; e o turismo que potenciou especialmente as cidades da costa mediterránea e dos arquipélagos.
As cidades do sistema urbano español constitúen unha rede urbana xerarquizada propia dun país industrializado.Estas exercen certa influencia cara á súa área circundante a partir das funcións e servizos que ofrecen. As cidades conforman unha rede de relacións e de influencias na súa área circundante porque son nós de comunicacións, centros de produción e distribución de bens e provedores de servizos.
Explique as consecuencias do actual sistema urbano no interior peninsular (1 punto)
Na distribución espacial do sistema urbano español no interior, encontramos unha gran irregularidade no brusco salto de tamaño entre Madrid e un elevado número de cidades de rango moi inferior. As consecuencias son un espazo menos articulado (infraestruturas) e menos integrado ao carecer de cidades de rango medio que o permita. A ruptura de continuidade de tamaños na xerarquía urbana dificulta a prestación de servicios á poboación. Este fenómeno ven marcado polo efecto exercido por Madrid (metrópole nacional) que actúa de potente imán de actividades económicas e de poboación.