Mostrando entradas con la etiqueta Temas ABAU de xeografía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Temas ABAU de xeografía. Mostrar todas las entradas

martes, 23 de junio de 2020

España en Europa e no mundo



España sae do s XIX cun papel insignificante a nivel mundial. Trátase dunha potencia imperialista  moi minguada. O desastre do 98 deixou moi tocado ao país. O atraso tecnolóxico e a crise económica mundial dos anos trinta, asi como o ambiente político e social tan polarizado, fixeron da II República unha oportunidade perdida. O illamento internacional durante a posguerra acentuou este alonxamento de Europa. O contexto da Guerra Fría permitiu á ditadura de Franco saír do illamento co  ecoñecemento do réxime por parte de USA, en 1953, por motivos de tipo militar e estratéxicos. En  1955 ingresamos na ONU como un membro máis. O Plan de Estabilización Nacional de 1959 abre a  España aos mercados exteriores e á chegada de investimentos estranxeiros, propiciadores dun despegue económico, facendo concibir esperanzas ao goberno franquista de poder ser aceptado como membro da CEE. A falta de democracia e liberdades retrasa o noso ingreso nas institucións europeas ata a Transición democrática. En 1981, non sen polémica, coa UCD no goberno, pasamos a formar parte da OTAN e en 1986, co PSOE, ingresamos na CEE. Estes pasos normalizaron o proceso de transición democrática e axudaron a consolidar un proxecto europeista comezando entón unha resurrección de España no contexto internacional.

martes, 2 de junio de 2020

Tema da ABAU. Transformacións recentes na estrutura das cidades: Cidade difusa. Os cambios no centro urbano (degradación /vs/ rehabilitación). Cambios de uso no solo urbano.




A maior parte das cidades españolas posúen elementos de época distintas: o centro histórico, cos seus monumentos e rúas estreitas e tortuosas; os ensanches, de trazado regular; os arrabaldes, de crecemento desordenado; os desenvolvementos urbanos densos, en edificación aberta; e as novas periferias, cada vez máis dispersas e fragmentadas.

As cidades transfórmanse: crecendo cara ao exterior coa creación de novos espazos residenciais e áreas de actividade económica, e por procesos de reestruturación no seu interior. Aparecen centros comerciais, parques empresariais ou urbanizacións que se constrúen fóra do tecido urbano consolidado. Prodúcese un proceso de discontinuidade e fragmentación do espazo urbano con pezas conectadas entre si por autovías e estradas.

a) Cidade difusa
O modelo de cidade mediterránea, compacta, foise substituíndo pola cidade difusa importada do modelo anglosaxón.  A cidade difusa ou dispersa esténdese horizontalmente e está separada en áreas especializadas e monofuncionais: zonas residenciais (diferenciadas por prezos e por grupos sociais), áreas comerciais, zonas de lecer, centros de ensino, universidades, barrios administrativos e de oficinas... Ademais diminúen o contacto humano, os intercambios e a sociabilidade. O desenvolvemento de barrios homoxéneos onde non hai unha mestura de usos do solo (residencial, comercial, instalaciones...), xera unha dependencia do automóbil, unha maior mobilidade individual que dá  lugar ás viaxes pendulares cotiás (por motivos de traballo, estudo ou lecer).

O urbanismo expansivo foi desenvolvido por primeira vez nos Estados Unidos, en particular despois da Segunda Guerra Mundial, cando se crearon grandes zonas residenciais suburbanas, áreas de baixa densidade edificatoria, onde as vivendas unifamiliares consumen grandes cantidades de solo natural ou agrícola. Estas construcións urbanas difusas reducen a  eficiencia económica e a sustentabilidade ambiental e dificultan a formación de núcleos inclusivos e socialmente ben cohesionados.

Desta forma as cidades van sumando novos centros dando lugar a creación dun núcleo policéntrico. As fronteiras entre a cidade e o campo quedan difuminadas.

O urbanismo expansivo segue un patrón de asentamento urbano de baixa densidade que coincide coa febre do ladrillo en España ata a crise do 2008. Durante o período 1987-2006 o 73 % da superficie da vivenda nova en España era para o  urbanismo expansivo.

Entre as causas que atraen ás persoas desde as cidades compactas cara as zonas suburbanas podemos nomear o custe da vivenda. Na periferia poden atopar opcións menos custosas e de calidade. Ademáis, entran outros condicionantes como o goce dun medio ambiente máis limpo apoiado na liberdade que proporcionan as tecnoloxías da comunicación global que permiten unha expansión dos comportamentos globalizados de producción y consumo
Na costa mediterránea esta necesidade de vivenda unifamiliar foi consumida por turistas residenciais e migrantes residenciais, xubilados alemáns, británicos ou dos países escandinavos que viven alí todo ou parte do ano.

b) Os cambios no centro urbano (degradación vs rehabilitación)
A partir da segunda metade do século XX, os centros históricos de moitas cidades españolas comezaron a sufrir un progresivo deterioro e abandono. A maior parte dos que permaneceron eran persoas maiores con baixos niveis de renda, polo que o centro experimentou un proceso de avellentamento e empobrecemento. Todo isto reflectiuse nunha degradación urbana, xa que moitas vivendas quedaron baleiras, e noutras non se realizaron as obras necesarias de mantemento e renovación. Foron frecuentes os expedientes de ruina, desaloxos forzosos e Planes Especiais de Reforma Interior.

Ao mesmo tempo, o modelo de cidade funcional foi desprazando a actividade económica cara outras partes da cidade. O centro histórico só foi capaz de reter algúns centros  administrativos e eclesiásticos instalados en edificios monumentais, así como os comercios tradicionais. 

Ao longo das últimas décadas, as tendencias anteriores víronse, en parte, compensadas por procesos de revitalización destas zonas debido a:

Políticas públicas de conservación e revitalización. 
Nos anos 80, a Lei do Patrimonio Histórico Artístico” de 1985 obrigou a redactar Plans Especiais para aquelas localidades que tiñan espazos de interese histórico artístico. As administracións públicas investiron na rehabilitación dos edificios e a mellora dos espazos públicos. Ademais, deron un novo uso a vellos monumentos, converténdoos, por exemplo, en edificios administrativos ou universitarios, e dinamizando así a vida dos centros históricos. Con todo, os resultados foron desiguais. As axudas á rehabilitación foron insuficientes tendo en conta a renda e a idade dos residentes nos centros históricos. Ao final prima un interese por explotar turísticamente o centro convertendo a cidade nun Parque  Temático  Histórico.

- Desenvolvemento do turismo cultural. Que potenciou a rehabilitación dos centros históricos españois, mediante a restauración de edificios e a peonalización de rúas e prazas. No interior dalgunhas cidades realizáronse importantes operacións urbanísticas, consistentes, por exemplo, en reconverter as vellas áreas industriais en novos espazos de ocio. Os cascos históricos experimentan un cambio funcional e social de forma que durante os fins de semana transfórmanse en espazos de ocupación intensiva, sobre todo aqueles que se asocian á movida nocturna o que orixina importantes conflitos coa función residencial ou coa actividad turística.

Cambio de actitude da poboación local. Comeza a verse como unha área de oportunidades económicas e un lugar agradable para vivir. Así, os centros dalgunhas cidades están atraendo poboación nova e de maior nivel de renda, o que contribúe a conservar os edificios, pero ten como contrapartida unha revalorización do solo que só está ao alcance dun determinado perfil de renda provocando a expulsión dos antigos residentes. É o que se denomina xentrificación. 

Pola contra, dende mediados dos noventa, nos barrios onde persisten os problemas de avellentamento da poboación, baixo nivel de renda e degradación de moitos inmobles fai a súa aparición a inmigración estranxeira que elixe estas áreas para residir polo baixo prezo dos alugueres, espertando o receo dos antigos residentes. A ocupación de locais comerciais por extranxeiros percíbese tamén como un elemento perturbador da identidad do barrio.

 c) Cambios no uso do solo urbano
Os usos do solo son as diferentes utilizacións do espazo urbano: comercial e de negocios, residencial, industrial, de equipamento etc. Na cidade preindustrial (dende a súa orixe ata mediados do século XIX) o casco antigo era a parte da cidade urbanizada. Ocupaba unha pequena superficie da cidade actual, pero ten un gran valor simbólico polo legado cultural que contén. Nesta época os usos do solo eran moi diversos (multifuncionalidade). A cidade preindustrial sufriu notables modificacións como resultado do proceso de industrialización, que tivo lugar entre mediados do século XIX e a década de 1960. O casco antigo experimentou unha progresiva terciarización e consolidouse como centro comercial e de negocios na cidade. O resultado foi o desprazamento dos usos residenciais e a deterioración dos edificios pola contaminación e o tráfico.

As cidades que nesta época implantaron industrias modernas atraeron unha numerosa poboación campesiña e estendéronse creando ensanches para os burgueses, barrios industriais e obreiros, e barrios axardinadosOs barrios-xardín debidos ás ideas naturalistas. Tratábase de vivendas destinadas ás clases medias e baixas, se ben co tempo tamén as clases altas demandaron este tipo de espazos. Co posterior crecemento da cidade, estes espazos quedaron situados en zonas relativamente céntricas, o que favoreceu a súa revalorización e o seu cambio de uso, por exemplo gardarías ou clínicas privadas.

Na actualidade (época postindustrial) algunhas zonas industriais e barrios obreiros quedaron nunha posición céntrica, o que revalorizou o solo que ocupan, dando lugar ao baleirado industrial e aparición de usos terciarios ou residenciais. Pola contra, os espazos menos accesibles e desorganizados mantéñense como espazos marxinais.

Nos últimos anos, as grandes cidades teñen un ritmo de crecemento menor, pero continúan estendéndose no espazo, debido á difusión de parte da súa poboación e da súa actividade económica cara a periferias cada vez máis afastadas. Estas periferias estrutúranse en diferentes áreas: barrios residenciais, áreas industriais e áreas de equipamento.  

Os barrios residenciais da periferia responden a diversas tipoloxías e presentan bastante homoxeneidade social derivada do prezo do solo e da distancia ao centro: barrios marxinais, de vivendas de promoción oficial, polígonos de vivenda de promoción privada, barrios de quinteiro pechado, áreas de vivenda unifamiliar.

As áreas industriais localízanse xunto ás principais vías de acceso á cidade, buscando a proximidade urbana e solo abundante a prezo alcanzable. Tamén inclúen espazos industriais novos, como parques empresarias e tecnolóxicos, en áreas de gran calidade ambiental; ou polígonos de naves acaroadas destinados a empresas con menos recursos.

As áreas de equipamento son froito da actual descentralización das actividades económicas cara á periferia urbana: grandes superficies comerciais, centros escolares, sanitarios e administrativos e outros servizos.                     


Tema da ABAU: Situación actual da industria en España: os problemas estruturais (dimensión, I+D+i, tecnoloxía), tendencias recentes da industria en España: globalización e deslocalización.


España é un país integrado no conxunto dos países industriais do mundo. Mais o desenvolvemento da actividade industrial en España non acadou un nivel notable ata a segunda metade do século XX. A crise industrial de 1973‐1974, que evidenciou a necesidade de cambiar os sistemas de produción, coincidiu coa revolución tecnolóxico‐informática ou terceira revolución industrial.

Desenvolveuse unha nova etapa denominada postindustrial ou informacional, que deu lugar a novos modelos de empresas cunha importancia crecente das novas tecnoloxías, a innovación e a investigación. O ingreso de España na Unión Europea (a partir de 1986) supuxo o final do proteccionismo e a apertura do mercado á competencia exterior, que ten provocado unha reconversión industrial e peche de moitas industrias non competitivas.

a) Problemas estruturais (dimensión, I+D+i, tecnoloxía).

A industria española presenta diversos problemas estruturais que afectan negativamente á súa competitividade fronte á economía europea e global:

Existe un escaso número de grandes empresas.

• A produtividade industrial é inferior á da Unión Europea.

• O nivel de intensidade tecnolóxica é baixo, e a porcentaxe de investimento en I+D é insuficiente.

Todo isto provoca unha balanza tecnolóxica deficitaria: as principais empresas de automóbiles, maquinaria eléctrica, aparellos electrodomésticos e produtos farmacéuticos fabrican con patentes estranxeiras, que son un enorme gasto para España que debe pagar pola súa aplicación.

b) Tendencias recentes da industria en España: globalización e deslocalización.

A industria tivo un ritmo positivo de crecemento de vendas, produción e demanda, aínda que vai perdendo importancia dentro do conxunto de actividades económicas a causa da terciarización xeral da economía e do emprego.

A crise financeira de 2007, xurdida inicialmente nos Estados Unidos, afectou posteriormente a toda a economía mundial. Na Unión Europea iniciouse unha tendencia xeral á baixa, que en España reflectiuse nunha recesión da carteira de pedidos, un aumento dos stocks e unha desaceleración do emprego.

A incorporación de novos países á UE afectou á industria española por diversos motivos: estes países gozan dunha maior proximidade ao grande eixe industrial europeo que constitúen os países nórdicos, Alemaña e o norte de Italia; ademais, a estrutura produtiva é semellante á española, a man de obra máis barata, e a súa produtividade e cualificación en alta tecnoloxía, maior. Así mesmo, o investimento de capital estranxeiro permitiulles a implantación de empresas de alta tecnoloxía, co que aumentou o seu potencial industrial dentro da UE.

Un dos sectores da industria española máis afectados é o dos automóbiles, no que España mantivo un bo ritmo de exportacións; o sector está dominado por empresas de capital estranxeiro que poden deslocalizar as industrias na procura de menores custos.

O actual tecido industrial español estase a incorporar á globalización económicade maneira que as nosas zonas industriais se configuran como puntos dunha rede de produción a nivel mundial. Nunha economía globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado; disto derívanse as causas da deslocalización: a busca de menores custos laborais, esixencias medioambientais e de mellores condicións fiscais e técnicas. Por esta razón, as empresas se trasladan a lugares como o Leste de Europa, Sueste asiático, China... As consecuencias das deslocalizacións son o incremento da taxa de paro e a perda de emprego no sector secundario, que tende cada vez máis a terciarizarse.


Temas das ABAU: Transformacións recentes na estrutura agropecuaria española: as explotacións agrarias, técnicas e sistemas agrarios, Política Agrícola Común.


O espazo rural é o territorio non urbanizado da superficie terrestre. Tradicionalmente foi un espazo agrario onde se desenvolvían as actividades agrícolas, gandeiras e forestais. Non obstante, desde a década de 1970, introducíronse outras actividades (residenciais, industriais, de servizos, recreativas e paisaxístico-conservacionistas) e o espazo rural volveuse máis heteroxéneo e complexo.
a) As explotacións agrarias
Unha explotación agraria é unha unidade económica que agrupa todas as parcelas traballadas por un mesmo agricultor ou gandeiro, xunto ás instalacións complementarias. En España contabilízanse hoxe un pouco máis de 900.000 de explotacións agrarias, cifra moi inferior a décadas anteriores debido ao abandono de terras polos que se xubilaron, emigraron ou cambiaron de actividade e tamén como resultado dun proceso de concentración de parte desas terras o que permitiu o aumento do seu tamaño medio. No 2021, o tamaño medio da explotación agraria era de 44 ha. A superficie agraria útil (SAU) confórmano case 24 millóns de ha. A superficie media de SAU é de 26 ha.
Existen fortes contrastes, unha dualidade cada vez maior entre unhas explotacións familiares moi pequenas e pouco rendibles, en progresivo abandono ou traballadas só a tempo parcial cunha baixa produtividade e unhas empresas agrarias, de particulares, sociedades ou cooperativas, que teñen maior dimensión, estanse modernizando e son rendibles.
Tamén existen importantes diferenzas rexionais en canto ao tamaño medio das explotacións agrarias. Domina a pequena explotación (menos de 10 ha.), o 67% das explotacións, pero tan só representa un 8'5% da superficie agraria útil. Localizámola no noroeste e norte peninsular, as rexións húmidas de especialización gandeira, xunto aos regadíos do litoral mediterráneo de Levante a Andalucía oriental. Así pois, oscila dende o minifundio tradicional de baixa produtividade ata o mundo da horta intensiva e moi produtiva. Dende os anos 50 foi obxecto dun proceso de concentración parcelaria tentando reunir o parcelario disperso da explotación nun terreo de tamaño que permita rendabilizar os investimentos. .

A grande explotación (máis de 100 ha.) afecta ao 5% das explotacións, pero ocupa ao 55% da superficie agraria. 
Predomina no interior e no sur peninsular e son latifundios adicados aos cultivos extensivos e de secaño ou devesas.
O resto das explotacións son de tipo medio e as localizamos en Cataluña, Aragón, Navarra e A Rioxa.
O réxime de tenza dominante é o directo( o 73%)
onde o propietario e o cutivador son a mesma persoa. Nas tres últimas décadas aumentou a explotación indirecta con contrato de arrendamento (18%) fronte ao de parcería(9%) que tende a desaparecer

Un medio para conseguir explotacións agrarias rendibles de dimensión suficiente foi a creación de cooperativas (arredor de 4.000 e 45% da produción). Predominan as dedicadas a transformar os produtos e comercializalos.  

b) Técnicas e sistemas agrarios
As técnicas e os sistemas agrarios experimentaron cambios desde a década de 1960. As transformacións técnicas consistiron na incorporación de avances como a mecanización de tarefas, a selección xenética das sementes e razas gandeiras, ou o uso de fertilizantes químicos e produtos fitosanitarios.
As transformacións nos sistemas agrarios supuxeron unha crecente intensificación da produción e un paralelo aumento do rendementos. A agricultura española actual coñeceu un intenso proceso de modernización, o que permitiu elevar a súa eficiencia. As transformacións máis importantes son:
- Unha crecente especialización do territorio nos cultivos para os que teñen mellores condicións competitivas, abandonando o resto.
- Maior investimento de capital para incorporar maquinaria (tractores, colleitadoras, motores para rega, etc.), produtos químicos (fertilizantes, herbicidas, praguicidas, etc.) ou sementes seleccionadas e transxénicas. Este tipo de investimentos reduce a necesidade de traballadores e aumenta os rendementos, aínda que tamén pode ter consecuencias negativas (contaminación riscos para a saúde).
- Forte incremento da superficie en regadío, que permite aumentar a produción pero tamén provoca a sobreexplotación de certos acuíferos e crecentes conflitos pola auga.
- Incorporación de novas técnicas de cultivo, como o enareado ou cultivo baixo plástico. No enareado altérnanse capas de area e esterco, permitindo cultivar terras moi pouco fértiles; sobre todo, no sueste peninsular. O cultivo baixo plástico asóciase ao uso de técnicas avanzadas como o cultivo  hidropónico, sen solo, a rega por goteo, ou a creación de microclimas controlados a distancia con medios informáticos.
Así pois, as explotacións agrícolas modernas actuais divídense en dous tipos:  as que orientan a súa produción ao mercado e queren rendementos por hectárea elevados polo que tenden á especialización, á tecnificación e á intensificación dos cultivos e logo están aquelas explotacións que, orientando igualmente a produción cara o mercado, usan técnicas de cultivo máis respectuosas co medio ambiente, que extensifican para non usar produtos químicos e non esgotar a terra, que volven ao policultivo coa intención de que uns cultivos exerzan unha protección sobre os outros e evitar o uso de praguicidas co obxectivo final de conseguir unha produción de calidade e ecolóxica.

c) Política Agraria Común (PAC)
As áreas rurais españolas cunha importante presenza de actividades agrarias enfróntanse desde hai décadas a importantes problemas: escasa competitividade dunha parte dos produtos (que só poden ser rendibles mediante subvencións), progresivo despoboamento e envellecemento das áreas rurais, redución dos empregos agrarios, ingresos medios inferiores e crecentes impactos ambientais.
 Ante esta situación todos os países desenvolvidos manteñen unha política agraria que trata de asegurar a viabilidade do sector, e así manter a presenza no campo dun certo número de agricultores e gandeiros; procurando, deste xeito, elevar as súas rendas tanto por razóns económicas coma sociais e ambientais.
Dende a entrada de España na CEE ( máis tarde denominada UE) no ano 1986 a política agraria española estivo condicionada pola PAC (Política Agraria Común). Cando España entra os países membros veñen de aplicar políticas que fomentaban a produción e a modernización agraria buscando abastecer os mercados, incrementar as rendas agrarias e manter os prezos estables. Os excesos de produción eran desviados á exportación, almacenados ou destruídos. Os agricultores en todos os casos eran compensados, tamén no caso dunha redución do prezo de mercado. Isto xerou que unha parte considerable do orzamento comunitario fora absorbido polo sector agrario o que obrigou a modificar o sistema. Ademais a aparición da OMC obrigou a liberalizar o sector. Nese momento de cambio entra España.
A partir de aquí é cando entra o sistema de cotas para os produtos excedentarios coa intención de evitar a caída dos prezos e reorientar a produción agraria cara outros produtos. Este sistema prexudicou aos gandeiros de leite do norte e noroeste, ao sector cerealístico e ao vitivinícola. Todo isto obrigou  a unha potente reestruturación que se traduciu en xubilacións, abandono de explotacións pouco rendibles e á extensificación dos cultivos. Con todo a entrada na UE permitiu unha notable mellora das rendas agrarias e unha necesaria modernización das explotacións. O sector hortofrutícola viuse beneficiado pola demanda europea de produtos deste tipo onde a oferta era insuficiente.
Na actualidade a PAC, tras a súa última reforma no ano 2013persegue manter a competitividade, pero aportando calidade do produto, seguridade alimentaria a través do emprego de técnicas sustentables co medio e un desenvolvemento do rural que garante a preservación do patrimonio cultural, das paisaxes, que evite o abandono e amplíe as actividades económicas no rural a algo máis que as agrarias, a multifuncionalidade que implica poñer en valor a forma de vida no rural.
As axudas directas recibidas van en función do número de ha. postas en produción. Púxose fin ao sistema de cotas. Ademais hai axudas para a instalación de novos agricultores e outras polo mantemento da paisaxe e a produción ecolóxica. Hai tamén pagamentos voluntarios por producir en zonas afectadas polo perigo de abandono (zonas de montaña) e por producir en certos sectores considerados prioritarios. Estes pagamentos son realizados polo FEAGA.(Fondo Europeo  Agrícola de Garantía).O FEADER (Fondo europeo agrícola de desenvolvemento ruralfinancia a innovación, as iniciativas de posta en valor da paisaxe e o medio natural  e a diversificación do emprego no medio rural.
A súa influencia sobre o sector agrario español concretouse nunha serie de accións:
· Establecemento de prezos de garantía para determinados produtos agrícolas e gandeiros con subvencións.
· Esixencia de redución de superficie, ou cotas máximas de produción, para algúns cultivos ou especies gandeiras que xeran excedentes non consumidos.
· Apoio á reforestación de terras agrícolas e á agricultura e gandería ecolóxicas.
· Axudas para a modernización das explotacións 
· Apoio á diversificación económica do mundo rural (turismo rural, artesanía e industria, etc.).
· Axudas especiais para áreas de montaña e zonas desfavorecidas.


Tema das ABAU: Dinámicas demográficas actuais: desequilibrios territoriais no movemento natural e movementos migratorios dende 1990



España conta na actualidade con cerca de 47 millóns de habitantes, que se reparten polo territorio de forma desigual. O interior atópase débilmente poboado, mentres que as áreas costeiras presentan unhas elevadas densidades de poboación. Ao mesmo tempo obsérvanse fortes contrastes entre as cidades e o medio rural: cada vez máis poboación habita nas cidades e, porén, no medio rural existen espazos practicamente deshabitados.
Os cambios recentes da poboación española están moi influídos polas  migracións internacionais. España foi tradicionalmente un país de emigración; no pasado, numerosos españois emigraron a distintos países do mundo, sobre todo de América Latina e do resto de Europa. Nas últimas décadas as tendencias cambiaron, descendendo o número de españois que emigran e aumentando o número de estranxeiros que veñen ao noso país. Aínda que este saldo positivo foi freado e invertido pola recente crise económica.
a) Desequilibrios territoriais no movemento natural da poboación
A evolución conxunta da natalidade e mortalidade determina o crecemento natural ou vexetativo, é dicir, a evolución que tería a súa poboación se non existisen as migracións exteriores. Este crecemento é desigual no espazo (segundo municipios, provincias e comunidades autónomas), e variou intensamente no tempo como consecuencia do desigual descenso das curvas de natalidade e mortalidade. En conxunto, España está hoxe en pleno réxime demográfico moderno, con taxas de natalidade baixas e de mortalidade estabilizadas en valores baixos con tendencia a ser medios por mor do avellentamento demográfico. As taxas de fecundidade son baixas, e non aseguran a taxa de reposición xeracional, de 2,1 fillos por muller.
A taxa de crecemento natural para o conxunto de España actualmente é moi baixa, pois durante os últimos anos situouse por debaixo do 2‰, o que implica que a poboación se mantería estable se non se producisen migracións exteriores. Pero este dato encerra diferenzas espaciais, pois hai áreas con crecementos elevados, mentres que outras teñen valores negativos.
- Os pequenos municipios rurais, sobre todo na metade norte, teñen unha poboación moi avellentada por efecto da emigración, e presentan un crecemento natural negativo, xa que a mortalidade é elevada e a natalidade moi baixa.
- Os municipios rurais de maior tamaño, situados predominantemente na metade sur, presentan unha dinámica natural lixeiramente positiva, xa que foron capaces de reter unha maior cantidade de poboación nova.
- Os municipios urbanos e turísticos teñen dinámicas positivas, xa que contan cunha poboación máis nova, debido aos recentes procesos de inmigración.
- Os crecementos máis altos danse nos municipios que rodean as grandes cidades, onde se asenta poboación moi nova, polo que o número de nacementos é alto en relación coa poboación total.
Por isto, as comunidades autónomas con maiores taxas de crecemento natural son Murcia, Madrid, Andalucía, Cataluña, as dúas comunidades insulares, a Comunidade Valenciana, Navarra e as cidades de Ceuta e Melilla. En xeral, presentan unha estrutura demográfica relativamente máis nova, causada por un comportamento tradicional máis natalista (Andalucía, Murcia e as cidades de Ceuta e Melilla), por ser foco de inmigración interna en épocas pasadas (Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Baleares) ou por recibir unha forte inmigración estranxeira desde a década de 1990 (todas elas). As áreas máis dinámicas dende o punto de vista económico (servizos especializados, unha agricultura de mercado próspera, turismo, áreas tecnoloxicamente máis avanzadas), que presentan as mellores expectativas laborais, que atraen poboación en idade de procrear doutras rexións españolas e son receptoras de inmigrantes 
Pola contra, as comunidades autónomas con crecemento natural negativo son aquelas que teñen unha poboación máis avellentada, sobre todo Asturias, Galicia e Castela e León. Estas comunidades presentan unha estrutura demográfica fortemente avellentada, por sufriren unha intensa emigración en épocas pasadas (Galicia e as comunidades do interior peninsular) coa consecuente perda de vitalidade demográfica ao ser a mocidade a que migra e procrea noutras rexións, teñen un perfil agrogandeiro cheo de dificultades de viabilidade polo que padeceron un éxodo rural acusado, de xeito que o abandono do rural é moi patente no seu territorio. A isto hai que engadir a prolongada incidencia da crise industrial de 1975 (rexións de antiga tradición industrial da cornixa cantábrica)  de difícil saída e alternativa válida para a súa especialización na extracción mineira e industria pesada ligada a esa minería. A  desindustrialización está baleirando comarcas que dependían en exclusiva desas fontes de ingreso. Estas comunidades, por esas circunstancias contan na actualidade con menor inmigración. 
b) Movementos migratorios (1990 á actualidade)
A dinámica da poboación non depende só da relación entre nacementos e defuncións (crecemento natural), senón tamén da mobilidade da poboación ou saldo migratorio. As causas das migracións son diversas e as súas consecuencias, complexas.
Os movementos migratorios españois adoitan clasificarse en migracións transoceánicas históricas, ata mediados do século XX, cuxo principal punto de destino foron diversos países de América Latina, e migracións modernas, desde finais da década de 1950, que presentaron unha dobre vertente: as migracións interiores campo-cidade e as migracións exteriores, cara aos países industriais de Europa Central e Occidental.
Dentro das migracións interiores debemos apuntar como se deu un cambio importante, pois pasouse dun dominio das migración interprovinciais cara ós espazos cun maior desenvolvemento dentro do Estado, ás actuais, nas que priman os movementos intraprovinciais vencellados á desconcentración residencial dende as áreas metropolitanas cara ás súas periferias.
Tras a entrada de España na Unión e a superación da crise económica da primeira metade dos anos oitenta do século XX, o país comezou a converterse en destino dos fluxos migratorios internacionais. En 1985, España só contaba cuns 250.000 residentes estranxeiros, o que supoñía un 0,6% da poboación total. Na actualidade, esta cifra supera xa os 5,2 millóns, representando o 11,3% da súa poboación. O desenvolvemento económico desta época transformou España dun país tradicionalmente emigrante a un país receptor de inmigración. Esta inmigración pódese agrupar en catro grandes conxuntos:
- Persoas xubiladas procedentes de Europa Central e do Norte. Son xente que se asenta definitivamente en España, sobre todo na costa mediterránea, atraída por un clima suave e un medio agradable rodeado de bos servizos. Este tipo de poboación, que aumentou de forma notable a comezos do século XXI, non atopa ningunha dificultade para a súa instalación no noso país.
- Directivos de empresas multinacionais, traballadores de alto nivel profesional, xentes do mundo artístico e da cultura. Este grupo de poboación está formado por persoas que proceden na súa maioría da Unión Europea. Veñen a España por cuestións laborais ou porque atopan mellor calidade de vida. Neste colectivo inclúense altos cargos directivos, técnicos, deportistas, estudantes etc.
- Refuxiados políticos. Son persoas que por motivos políticos tiveron que fuxir do seu país. Tamén se inclúen neste grupo os que abandonaron o seu lugar de orixe por conflitos armados, violencia xeneralizada ou por razóns de seguridade persoal.
- Inmigrantes procedentes de países pobres. Este é o grupo máis numeroso da inmigración que chega a España na actualidade. Está formado principalmente por homes, mulleres e nenos procedentes de diversos países de África, América Latina, Leste de Europa e Asia, que veñen na procura de traballo e dunhas condicións de vida máis dignas.
A Unión Europea e España levan a cabo un proceso de regularización para controlar a entrada destes inmigrantes que atopan moitas dificultades e limitacións para obter o permiso de inmigración e de traballo. Estas persoas poden entrar no país como turistas ou a través das mafias ou redes clandestinas de transporte de inmigrantes. Viaxan en pateras ou caiucos, ou agochados en camións co risco que iso implica para as súas vidas.
Aínda que, como vemos, os inmigrantes proveñen de moi distintos países, certas nacionalidades están máis representadas en función da proximidade xeográfica e dos lazos históricos e culturais. Así, a maior parte dos inmigrantes procede agora de América Latina, norte de África e Europa. Entre os primeiros destacan os ecuatorianos, colombianos, bolivianos e peruanos; entre os segundos predominan os marroquís; e entre os terceiros, os máis numerosos son agora os romaneses, seguidos de británicos, búlgaros, alemáns e italianos. Tamén existe un importante colectivo de chineses.
Non obstante, dende o 2010 a inmigración freouse como consecuencia da crise económica. A falta de emprego provocou que viñesen menos estranxeiros e que  moitos inmigrantes regresasen aos seus países de orixe (retornos). Polo mesmo motivo, aumentou a emigración de españois (sobre todo, de persoas novas cualificadas) a outros países en busca de traballo. Como resultado, o saldo migratorio en España foi negativo en 2013 (-256.849 persoas) e responsable da perda de poboación no noso país. Malia isto, parece intuírse un novo cambio de tendencia, pois os últimos datos dispoñibles (2017) marcan de novo un saldo migratorio positivo de algo máis de 50.000 persoas, aínda que entre os españois a emigración segue a dominar sobre os retornos (-13.000 persoas no primeiro semestre de 2017).


Tema das ABAU: Repercusións ambientais da acción humana: contaminación, quecemento global e pegada ecolóxica


Na actualidade, moitas actividades humanas levan consigo grandes e graves consecuencias non desexadas, especialmente sobre o medio: a contaminación e o quentamento global quizais sexan dúas das máis preocupantes, por esta razón ás veces é necesario realizar avaliacións de impacto ambiental.
A contaminación é unha das maiores e máis negativas consecuencias ambientais e sociais que teñen as actividades humanas. Supón a introdución, nun medio calquera, dunha substancia en cantidade abonda como para provocar algún dano ou desequilibrio, irreversible ou non, e que pode ser prexudicial para a saúde, para a seguridade ou o benestar da poboación ou para a vida vexetal ou animal.

A contaminación clasificase segundo os medios aos que afecta: 
Contaminación atmosférica. Os principais contaminantes (en especial o dióxido de carbono) proceden de procesos de combustión en actividades de transporte, industrias, xeración de enerxía eléctrica e calefacción doméstica, así como da evaporación de disolventes orgánicos e das emisións de gases, que orixinaron un buraco na capa de ozono.
Contaminación da auga. Xeralmente a contaminación de ríos, mares e augas subterráneas provén de verteduras e refugallos industriais (con presenza de metais e de augas con elevada temperatura) así como de augas residuais non tratadas procedentes do saneamento de vilas e cidades.
Contaminación do solo. Aparece logo da aplicación de insecticidas, por filtracións ou roturas de canalizacións de augas residuais e produtos industriais.

A contaminación tamén se pode clasificar en función do método contaminante ambiental. Así, podemos distinguir entre:
Contaminación química. Significa a introdución de substancias potencialmente perigosas para a saúde e para o ámbito da terra, nos alimentos, no aire ou na auga.
Contaminación radioactiva. Derivada da dispersión de materiais radioactivos, como o uranio enriquecido, usados en instalacións médicas ou de investigación, en reactores nucleares de centrais enerxéticas, en probas atómicas.
Contaminación acústica. É a contaminación debida ao ruído, ao son excesivo ou molesto provocado polas fábricas, os medios de transporte ou certas actividades de lecer.
Contaminación térmica. Ten lugar no momento en que un proceso vén modificar a temperatura do medio de forma prexudicial, por exemplo debido á vertedura de auga quente nun río: o incremento da temperatura diminúe a solubilidade do osíxeno na auga, polo que pode provocar unha gran mortaldade de peixes.
Contaminación electromagnética. É a producida a partir das radiacións xeradas por equipos electrónicos e por instalacións eléctricas.
Contaminación luminosa. Refírese ao resplandor de luz difundido no ceo nocturno e producido pola luz artificial procedente das cidades, dos vehículos e doutras infraestruturas.
Contaminación visual. Prodúcese cando a abundancia, a desorde ou o tipo de elementos que se achan na paisaxe deterioran a súa estética.

O quentamento global é o aumento da temperatura media da Terra desde que temos rexistros de temperaturas (metade do século XIX). Este aumento sitúase, para este século, entre os 0,3 a 1,7ºC , ata os 2,6 a 4,8ºC, dependendo dos escenarios previstos. Para os científicos é “extremadamente probable que a influencia humana teña sido a causa dominante do quentamento observado desde a metade do século XX”.
Falaríamos dun cambio climático motivado pola influencia humana e a intensidade das accións que producen o incremento da emisión de gases de efecto invernadoiro como dióxido de carbono, metano e outros. Os efectos do quentamento poden provocar subida do nivel do mar, cambios nas precipitacións e expansión dos desertos. Outros efectos probables inclúen fenómenos meteorolóxicos extremos máis frecuentes coma vagas de calor, secas, e chuvias torrenciais.
Entre os principais causantes do quecemento global cabe citar:
‐ O efecto invernadoiro: A enerxía solar quenta o solo terrestre, que devolve unha parte (un 37,5%) desa enerxía ao espazo exterior mentres que o resto é retido polos gases das capas superiores da atmosfera, producindo o seu quentamento. É o que se chama efecto invernadoiro xa que funciona igual que os cristais dun invernadoiro de xardinaría pero esta vez desenvolvéndose de forma natural: de aí o nome e o paralelismo.
O preocupante é que nos últimos tempos a proporción dos gases que provocan este efecto (CO2, metano, entre outros) elevouse  enormemente de xeito que impide que saia ao espazo exterior parte da enerxía que emite a superficie da Terra. Como consecuencia, elévase a temperatura da atmosfera, empezando así un proceso de quentamento global e de cambio climático antropoxénico.
O aumento global da temperatura ten un efecto directo nos océanos. Desde o ano 1960 a temperatura media dos océanos aumentou 0,1ºC, pero as augas do océano Antártico fixérono en 0,2ºC. Iso, unido ao aumento da temperatura do aire, fai que se provoque o desxeo de grandes placas xeadas nas zonas ártica e antártica, así como tamén o retroceso e desaparición, nalgúns casos, dos glaciares terrestres.
A chamada pegada ecolóxica é un indicador de sustentabilidade que resume, para cada individuo, cal é a área necesaria para producir os recursos que utiliza e para asimilar os refugallos que xera. O seu obxectivo consiste en avaliar o impacto sobre o planeta nun determinado modo de vida.
A biocapacidade do planeta por cada habitante estimouse en 1,8 ha, ou o que é o mesmo, se tivésemos que repartir o terreo produtivo da Terra en partes iguais, a cada un dos 7.000 millóns de habitantes, corresponderíanlles 1,8 ha para satisfacer toas as súas necesidades durante un ano. Malia o anterior, cada ser humano está gastando a cantidade de 2,23 ha, polo que, a nivel global, se consomen máis recursos e se xeran máis refugallos dos que o planeta pode xerar e admitir.

sábado, 30 de mayo de 2020

Factores xeográficos e termodinámicos que inflúen no clima de España (tema das ABAU).

Os factores xeográficos que afectan ás temperaturas son:



A latitude: A Península Ibérica está situada na parte meridional da zona temperada próxima á influencia dos centros de acción tropical, con dúas estacións marcadas ( verán e inverno) e dúas intermedias ( primavera e outono). En Canarias, a súa latitude sobre o Trópico de Cáncer determina temperaturas cálidas todo o ano e a pouca oscilación térmica.
A disposición de terras e mares: A Península Ibérica está entre dous mares, o Atlántico e o Mediterráneo, e entre dous continentes, Europa e África, de características térmicas diferentes o que introduce variabilidade. As Illas Canarias, pola súa proximidade a África recibe o pó do Sahara, pero no lado norte está exposto á influencia do alisio do NE, fresco e hùmido.
A altitude: A maioría das terras están situadas a 600 m de media o que introduce unha certa crudeza nos invernos do interior da península por mor da diminución da temperatura 0'6 º cada 100 metros. Asemade hai variacións térmicas importantes entre as vertentes de solaina (expostas ao sur) respecto das de umbría (orientada ao norte)
A disposición do relevo: A forma maciza da Península, a súa anchura e a disposición dos sistemas montañosos, paralelos á costa, impide a chegada ata o interior da influencia mariña que atempera as diferencias térmicas. Hai un forte rasgo continental.

Pola contra, nos dous arquipiélagos a influencia marítima é obvia. 



Os factores xeográficos que afectan ás precipitacións son:



A latitude: No verán, a nosa situación latitudinal está lonxe da traxectoria zonal do Jet Stream. Pola contra a acción do centro de alta presión tropical das Azores introduce un tempo seco e soleado. No inverno, a perda de forza do Jet Stream ou o seu descenso en latitude por mor do balanceo estacional, permite o paso das frontes atlánticas ou a chegada de masas de aire procedente doutras latitudes.
A disposición de terras e mares: O Mediterráneo quéntase moito no verán propiciando unha cicloxénese propia que se traduce nunha baixa presión no Golfo de León no outono que proporciona chuvias torrenciais e frecuentes desbordamentos.

A disposición do relevo impide que a influencia das borrascas atlánticas poida entrar ao interior da península polo que a cantidade de precipitación vai diminuindo cara o leste, en especial, cara o surleste español que rexistra unha notable aridez. Ademais imos ver unha disimetria de vertentes na cantidade de precipitación caída nas abas situadas ao oeste (barlovento) respecto das situadas ao leste (sotavento), máis resgardadas dos ventos húmidos do oeste.



Os factores termodinámicos:




As masas de aire xorden naquelas rexións onde o aire permanece estable e adquire unhas caraterísticas determinadas de temperatura, humidade e presión. Loxicamente, será alí onde hai altas presións, nos trópicos ou nos polos, onde estará a orixe das masas de aire que se nos achegan ás nosas latitudes atraídas pola área de baixas presións dominantes en latitudes temperadas. Cando esas masas de aire frías polares descenden en latitude van quentándose pola base polo que se inestabilizan. Pola contra, as masas de aire quente cando ascenden en latitude van enfriándose e resecándose. 
As masas de aire que, en orixe húmidas, atravesan unha área continental van resecándose, mentres que unha masa de aire seca ao atravesar un océano humedécese  

As masas de aire que afectan á Península son :

- Polar  marítimo (fría e húmida) de procedencia atlántica e Polar continental (fría e seca) de procedencia centroeuropea
- Tropical marítimo (cálida e húmida) do Atlántico e Tropical continental (cálida e seca) de procedencia africana.

- Ártico marítimo e Ártico continental. Estas masas de aire afectan de forma ocasional propiciadas por unha traxectoria moi ondulante do Jet Stream que facilita o descenso de vagas de frío.


Os centros de acción son áreas de altas e baixas presións. A presión atmosférica é o peso do aire sobre unha unidade de superficie. Mídese en milibares (mb). A presión normal é de 1013,5 mb, aínda que nos mapas do tempo adoite considerarse un valor de 1016 mb.

Unha alta presión ou anticiclón é unha zona de altas presións rodeada por outras de presión máis baixa. Como estamos no Hemisferio Norte, os ventos circulan no sentido das agullas do reloxo. O aire descende producindo tempo estable. 
Unha baixa presión, depresión, borrasca ou ciclón é unha zona de baixas presións rodeada doutras de presión máis alta. O aire aquí ascende e xira no sentido contrario ás agullas do reloxo. Ao ascender produce tempo inestable.

Os centros de acción poden ser dinámicos ou térmicos

Os centros de acción dinámicos teñen un carácter permanente e a presión tanto en superficie como en altura manteñen esa característica de alta ou de baixa presión:
  • O anticiclón das Azores: alta presión tropical que se sitúa en verán ao oeste da P.I. impedindo a afectación das pertubacións atlánticas. Tempo soleado e caluroso. Coincide cunha cresta do Jet Stream e funciona como unha cuña 
  • Os anticiclóns polares atlánticos.
  • A depresión de Islandia: Envía aire polar marítimo que ao chocar co aire quente tropical dá lugar aos sistemas frontais de precipitacións que actúan no outono e no inverno.Coincide en altura coa traxectoria do Jet Stream
Os centros de acción térmicos: Relacionados con situacións moi estables do aire en contacto moito tempo cunha superficie quente ou fría. A presión en superficie e en altura son diferentes, mentres en superficie hai unha alta presión térmica, en altura convértese nunha baixa ou ao revés:
  • Anticiclón térmico centroeuropeo: Aparece en inverno con tempo seco e soleado, pero con frío intenso.O aire en contacto coa superficie xeada do continente europeo pesa, está a máis presión e descende. O mesmo pasa co anticilón térmico que aparece en inverno sobre a Meseta que dá lugar ás xeadas e ás néboas de irradiación no interior peninsular e nas cuncas fluviais.
  • Depresión sahariana: Formada no verán. Tempo moi cálido e seco.  O aire aquí, en contacto cunha superficie quente, pesa menos e ascende, creando unha situación de baixa presión. Dá lugar as calimas e ás vagas de calor con treboadas no interior peninsular.
  • Depresión no Golfo de Xénova que acontece ao remate do verán nun Mediterráneo moi quente
A traxectoria do Jet Stream. Corrente que discorre entre os 9 e os 11 km de altura e que separa as altas presións subtropicais das baixas presións polares ou, o que é o mesmo, o aire frío polar  do aire quente tropical. Corrente que describe un trazado zonal de oeste a leste a máis de 300 km/h. As veces, ao perder velocidade (150km/h) ondúlase, dando lugar á baixada de aire frío a latitudes moi meridionais (valgadas) e ao ascenso de aire quente a latitudes septentrionais (crestas ou dorsais).
Se o aire frío quedara estrangulado, embolsado en altura, tería lugar o fenómeno da gota fría ou DANA que se traduce en intensas precipitacións. Moitas veces ese fenómeno aparece localizado no Levante español, en outono, cando o Mediterráneo está quente polo calor do verán. Desa diferencia de temperatura entre a superficie e a altura, ten lugar un período de intensas precipitacións que produce desbordamentos de ríos e inundacións.  


A fronte polar. Unha superficie que separa dúas masas de aire de diferente natureza que chocan producindo unha fronte de perturbacións. Primeiro chega a fronte cálida que se manifesta cun ceo cheo de nubes e orballo. Despois chega a fronte fría que despraza o aire quente dando lugar a chuvias máis fortes e unha baixada das temperaturas. O paso das frontes en superficie ten unha correspondencia en altura coa traxectoria en altura do Jet Stream, de forma que, no inverno, cando a súa traxectoria é zonal e máis ao sur do habitual entran as frontes do Atlántico sen oposición sobre a Península 

jueves, 3 de octubre de 2019

Tema da ABAU. Formación e evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas Canarias e Baleares (da era arcaica ao glaciarismo cuaternario).

Tema do relevo probas CIUG: Formación e evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas Canarias e Baleares (da era arcaica ao glaciarismo cuaternario).

 A historia xeolóxica da Península Ibérica nos leva ao período arcaico (4.000 millóns- 600 millóns) onde a única zona emerxida era a parte occidental (Galicia e puntos do Sistema Central e Montes de Toledo) nunha banda arqueada de terras emerxidas cunha orientación NW-SE, de lousas e gneiss, onde imos localizar o zócolo, a estrutura básica rochosa sobre a que se sostén a península. O rochedo máis antigo localizámolo no cabo Ortegal. Son rochas ultrabásicas. Estes relevos foron arrasados pola erosión e cubertos polos mares paleozoicos.

Na era paleozoica (600 millóns- 225 millóns) acontece a oroxenia Hercínica ou Varisca que ten unha enorme transcendencia para a Península pois emerxe unha enorme cordilleira que funciona como sutura coas terras que hoxe forman parte de América Norte. Estamos a referirnos a Panxea, un supercontinente que aparece hai 300 millóns de anos. Na península as terras emerxidas están inclinadas cara o leste. Os principais ríos verten as súas augas no mar de Tethys (antecedente do Mediterráneo). A cordilleira hercínica estaría formada por materiais de tipo silíceo: lousas, cuarcitas, granitos.

Durante a era Mesozoica (225 millóns- 68 millóns) estamos nun período de calma oroxénica. Os procesos erosivos crean potentes capas de sedimentos que se depositan no que hoxe é a parte oriental da península. Os relevos existentes son peniplanizados dando lugar ao zócolo hespérico, que se estende pola parte occidental da península, o macizo bético- rifeño, no sur, e o macizo catalano- balear, no leste. Estas zonas coinciden co dominio das rochas magmáticas e metamórficas e convertiranse nunhas áreas ríxidas que se fragmentarán en fallas e fracturas. Nesta etapa prodúcense transgresións e regresións mariñas. No borde oriental da Meseta vanse depositar as calcarias e as margas que logo darán lugar ao Sistema Ibérico. A zona do Pireneo e Béticas serán dúas foxas profundas onde se acumularían potentes espesores de sedimentos. A inicios da era mesozoica, cara os 200 millóns de anos, comeza a separación continental entre América e Europa creándose un rift. A parte occidental da península funcionará como unha zona de borde continental.

Na era Cenozoica (68 millóns- 1’7 millón) aparece o Océano Atlántico e, sobre todo, ten lugar unha nova oroxenia, a alpina. Este proceso de creación de montañas orixinado pola aproximación da placa africana e a euroasiática, dará lugar á aparición das Cordilleiras Béticas e os Pireneos. Os antigos macizos (Meseta española e o macizo Central francés, no caso dos Pireneos; meseta española e Macizo Bético- rifeño, para o caso das Cordilleiras Béticas) exercen de topes de prensa sobre os sedimentos depositados nas cuncas sedimentarias e emerxen unhas montañas xóvenes onde domina o rochedo calcáreo. Vencellado á oroxenia alpina tamén ten lugar a formación das Illas Baleares. As illas de Mallorca, Ibiza, Formentera e Cabrera son unha continuidade das cordilleiras Béticas. A illa de Menorca está vencellada ao macizo catalano balear.

Outras consecuencias deste paroxismo:

  • A basculación da Meseta cara o oeste, o que determina que os grandes ríos vertan as súas augas no Atlántico.
  • O rexuvenecemento dos relevos xa existentes, o que determina a aparición de montañas como o Sistema Central, fracturada en bloques nun bó exemplo de relevo xermánico, e a aparición do rebordes da Meseta (Cordilleira Cantábrica, Sistema Ibérico, Serra Morena).
  • Fenómenos de vulcanismo, en zonas de fallas, no Campo de Calatrava, Cabo de Gata e no Campo de Olot. 
 No Cenzoico é tamén o momento onde emerxen no Atlántico as Illas Canarias ligadas á placa africana. A península ofrece agora un conxunto de terras emerxidas máis amplo. Tan só quedan dous brazos de mar que se corresponden coas fosas prealpinas do Ebro e Guadalquivir. Estas depresións irán colmatándose cos sedimentos arrastrados polos ríos procedentes dos relevos montañosos que os arrodean. No caso do Ebro o tipo de sedimentación será de tipo continental, mentres que a depresión do Guadalquivir segue estando en proceso de colmatación como se pode comprobar no Parque Nacional de Doñana.

No cuaternario o máis relevante é o glaciarismo e o periglaciarismo que afectou á península. A nosa posición meridional na zona temperada fixo que o glaciarismo só sexa perceptible nos conxuntos montañosos máis elevados, como é o caso dos Pireneos. A creación de vales glaciares en forma de artesa, en U, coas súas morrenas, como depósitos de sedimentos glaciares a ambos lados son a pegada que nos deixou a sucesión de catro glaciacións. Un exemplo é o Parque de Ordesa, no Pireneo. Nos lugares onde as alturas son máis modestas, a pegada aparece en forma de glaciares de circo deixándonos lagos de orixe glaciares e un modelado do relevo nos cumios tallado pola acción do xeo e as baixas temperaturas. A sucesión do glaciarismo tamén pode verse nas terrazas dos principais ríos peninsulares.