miércoles, 17 de junio de 2009

Unha modesta contribución ao asunto da capitalidade de Pontevedra

Hai un mes a Asociación Maio Longo de Pontevedra pediume un artigo sobre a decisión de crear unha superdelegación en Vigo secesionando deste xeito a administración pública galega dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra. Dase a circunstancia de que ningunha das outras provincias conta con dous superdelegados dentro da mesma provincia, Este feito motivou a convocatoria dunha manifestación para o 19 de xuño, en Pontevedra, en defensa da capitalidade. O artigo que escribín é o seguinte:

Non é localismo, é lexítima defensa da funcionalidade de Pontevedra.

A creazón da superdelegación de Vigo por parte da Xunta supón unha decisión pouco meditada ademais de ser unha sorpresa desagradable para moitos, en especial, para os votantes do Partido Popular da cidade de Pontevedra que auparon cos seus votos ao señor Feijoo. É un feito incontestable que ningunha provincia galega ten secesionada a nova figura administrativa da superdelegación salvo a provincia de Pontevedra. Isto dispara as alarmas dos que veñen avisando que hai moitos intereses en ir desmantelando os servizos da administración pública en Pontevedra para darlle unha nova ubicación en Vigo e moitos tamén son os que queren ver neste acto un intento de construir unha quinta provincia arredor da área metropolitana de Vigo.
Como é lóxico, esta preocupación mobilizará á cidadanía de Pontevedra nunha protesta que dende moitos sectores tillan de localista. Non estou de acordo co emprego deste termo. Se Vigo espertara un día coa nova de que Citröen deslocaliza a súa planta de montaxe para un país da Europa do Leste (oxalá nunca pase isto), a mobilización en defensa dos seus postos de traballo nunca sería cualificada de protesta localista. Por que entón debemos asumir que vale para o no noso caso? Simplemente porque se trata de postos da función pública?. Pontevedra ten dereito a protestar por unha decisión pouco ou nada explicada e de feble fundamento que afecta a un dos seus piares económicos e que marca a súa funcionalidade urbana: ser sede da administración provincial. Trasladar servizos administrativos para Vigo arranxa pouco nesta cidade, pero esmaga o futuro de Pontevedra. Todas as cidades históricas emprazadas nos protexidos estuarios das rías ou nos propios ríos esmoreceron despois de ter unha vitalidade económica e política de primeira orde no pasado anterior á industrialización. É o caso de Noia, Redondela, Padrón, Caldas ou Tui. A única cidade que mantivo certo protagonismo foi Pontevedra. A capitalidade da provincia deulle un pulo no momento en que a industrialización e a nova sociedade urbana facían a súa aparición e da que Vigo é o noso mellor exemplo.
A A-9 facilita unhas relacións diarias e intensas entre Vigo e Pontevedra e destas coas outras cidades do Eixo Urbano Atlántico. Este movemento de persoas e mercadorías crea un modelo urbano policéntrico, moi dinámico, sobre o que se establecen unhas relacións de competitividade e complementariedade, unha pequena rexión urbana costeira bastante equilibrada que carece dunha metrópole das que crean metástase ao seu redor como pasa con Barcelona, Bilbao ou Zaragoza. Apostar por unha cidade do Eixo Urbano Atlántico en detrimento das demais sería pouco entendido pola cidadanía galega. O reparto de funcións alimenta esas relacións de interdependencia tan desexables nun contexto de elevada densidade de poboamento. Xestionar neste contexto require unha visión máis global. Debemos superar o limitado marco local para xestionar de forma colectiva os problemas. A falta de solo industrial do concello de Vigo súplese coa creazón deste tipo de solo nos concellos veciños e non por isto Vigo se prexudica. A concepción da xestión na Galicia costeira debe superar o marco local, pero sen danar sectores xa consolidados. Quen acuse de localismo a Pontevedra equivócase. É normal que algúns servizos da administración pública teñan subdelegacións en Vigo, sempre e cando a coordinación e a xestión principal sigan en Pontevedra. Aquí defendemos o papel que se nos adxudicou no reparto de funcións. Pontevedra non debe quedar relegada a ser unha cidade dormitorio de Vigo. Este sería o mellor exemplo de metástase.
Vigo e A Coruña teñen un volume de poboación e centralidade que as fai merecedoras da adxudicación dunha área metropolitana. Xestionar estas cidades ten implicacións para os concellos veciños. Desta volta, a aparición das áreas metropolitanas viría a optimizar a dotación de servizos e ampliaría a escala da súa visión territorial. Levamos anos falando de aplicar esta nova figura en Galicia a pesar de que a experiencia en Europa e en España non resultou satisfactoria. A falta de financiación e unha dotación de competencias moi limitadas para non restar protagonismo ás Deputacións son causa da súa pouca operatividade. Aquí choca unha estrutura administrativa política herdada dos poderosos estados centralistas cunha realidade económica global, moi cambiante, baseada no protagonismo das urbes como dinamizadoras do territorio. Ao final, o papel destas áreas metropolitanas vese reducido ao de elaborar unha planificación estratéxica ou á creazón de consorcios de xestión de servizos comúns como auga, turismo, medioambiente ou urbanismo. É dicir, moitas expectativas e poucas realidades. Neste contexto, cabe interpretar a figura do superdelegado en Vigo como un intento de dotar de competencias políticas a unha área metropolitana que en principio sería meramente funcional? En calquera caso, isto supón de facto un cambio no debuxo territorial que tiña que ser acordado por todos os partidos políticos; nunca un exercizo de improvisación. Por que non se contempla para Vigo unha unidade administrativa especial adscrita como acontece en Ferrol?. A que e a quen se teme aquí?
Termino lembrando que calquera alteración dos límites provinciais haberá de ser aprobada polas Cortes Xerais mediante lei orgánica.
Por todo isto, hai razóns de sobra para que Pontevedra proteste sen que deba merecer o odiado calificativo de manifestación localista.

No hay comentarios: