lunes, 1 de junio de 2020

Climograma do clima temperado oceánico

Este climograma correspóndese con Pontevedra. Estamos nas Rías Baixas onde temos un clima temperado oceánico, pero con matices como logo poderemos ir vendo. Este clima oceánico, de fachada occidental do continente europeo, esténdese por Galicia e pola fachada cantábrica.
No caso que nos ocupa podemos ver como a temperatura media é de 14'8 º. Estamos na zona meridional da zona temperada onde podemos gozar dunha temperatura media moi agradable lonxe da calor tropical e lonxe tamén dos fríos polares. O efecto suavizador do océano é evidente tamén na pouca oscilación térmica (11º). Os invernos son suaves (> 5º) e os veráns frescos (< 22º). Estas características proporcionan poucos días de xeadas, salvo no interior, onde a partires dos 500 metros a suavidade climática experimenta unha certa continentalización. Estas xeadas teñen que ver moito co vento do NE en situacións onde domina o anticiclón europeo. A situación máis frecuente no inverno é a chegada de masas de aire quentes do SW que introducen temperaturas moi suaves. Pola contra no verán son frecuentes os ventos do N- NW que refrescan as temperaturas estivais.
As precipitacións son abundantes ou moi abundantes como é o caso que nos ocupa (1691 mm.anuais) repartidas regularmente en todo o ano especialmente no inverno . No verán, as precipitacións descenden, pero non deixa de chover. Estas chuvias son de natureza advectiva ligadas ao paso das frontes e borrascas atlánticas. O choque de masas de aire quente tropical coas masas de aire frío polar xeran unha serie de frontes que coinciden en altura co paso do Jet Stream. No verán, esta corrente en chorro ascende en latitude, pero se o anticilón das Azores non o impide pode rozar pola parte norte peninsular o paso da cola das frontes.
Con todo, nas Rías Baixas, hai un certo grao de mediterraneización que se traduce en máis horas de sol, en temperaturas máis altas en todo o ano e nun verán que no mes de xullo e agosto móvense nos límites da aridez. 
Como consecuencia de todo isto, podemos ver o dominio do bosque atlántico termófilo, moi transformado, neste caso, pola acción antrópica, a landa e uns ríos caudalosos e regulares que non obstante baixan bastante o seu caudal no verán.

    

No hay comentarios: