Atendendo ás figuras 1 e 2: a) Cite as catro provincias que teñen unha porcentaxe máis alta de poboación residindo na súa capital (figura 1). (1 punto); Comente o documento da figura 2 atendendo ás seguintes cuestións: b) Identifique e describa a información representada, e determine o emprazamento e a localización da cidade. (1 punto); c) Relacione a evolución histórica da cidade cos tipos de trama que presenta o plano. (1,5 puntos); d) Comente os problemas actuais das zonas antigas urbanas e posibles solucións. (1,5 puntos).
Respostas:
Atendendo ás figuras 1 e 2: a) Cite as catro provincias que teñen unha porcentaxe máis alta de poboación residindo na súa capital (figura 1). (1 punto)
Álava, Madrid, Valladolid e Zaragoza
Comente o documento da figura 2 atendendo ás seguintes cuestións: b) Identifique e describa a información representada, e determine o emprazamento e a localización da cidade. (1 punto)
A figura 2 é unha representación a escala dun fragmento do plano urbano da cidade de Barcelona, capital da comunidade autónoma de Cataluña e principal metrópole rexional
Un plano urbano é unha representación gráfica das superficies construídas e as libres (rúas, prazas, xardíns, parques), así como a súa organización no espazo e a través do tempo. O plano permite diferenciar fundamentalmente tres grandes unidades morfolóxicas: o caso antigo ou cidade preindustrial (anterior ao século XIX), os ensanches burgueses e barrios industriais (século XIX) e as periferias (séculos XX e XXI).
O emprazamento é o lugar que serve de soporte físico á cidade. Barcelona está emprazada á beira do mar Mediterráneo (na figura podemos ver algúns dos peiraos das instalacións portuarias relacionadas coa importante función comercial que tivo a cidade dende a súa orixe, á que acompañaron a función comercial e defensiva). A cidade está encaixada entre o límite marítimo e as estribacións da Cordilleira Costeiro Catalá polo que o seu crecemento seguiu a liña de costa cara a municipios próximos como Badalona ou Hospitalet de Llobregat. A parte principal do plano correspóndese cunha chaira (dada a uniformidade da trama). Hoxe en día é a segunda cidade máis poboada do país e a primeira de Cataluña formando parte dunha das áreas máis desenvolvidas do país polo que a súa influencia é suprarexional (mesmo nacional e internacional nalgunha das súas funcións), articulando o denominado eixe mediterráneo.
c) Relacione a evolución histórica da cidade cos tipos de trama que presenta o plano. (1,5 puntos);
Como a maioría das grandes cidades, Barcelona presenta un plano complexo que pode estruturarse en tres grandes áreas ou unidades morfolóxicas: casco antigo, ensanche e periferia.
O casco antigo ou histórico (cidade preindustrial) ocupa unha superficie relativamente pequena dentro da cidade actual. Barcelona na súa orixe foi un antigo campamento romano que xa tivo un plano hipodámico amurallado. Posteriormente, a cidade medieval remodelou estes espazos, creando un casco histórico de rúas estreitas e irregulares, abigarradas e rodeadas por unha muralla sinuosa. Esta parte é facilmente identificable na zona suroccidental do plano, ao leste da grande zona verde que corresponde ao parque de Montjuic: un plano anárquico propio da cidade medieval que amosa un crecemento sen planificación. As súas rúas son estreitas, curtas e retorcidas, propias do crecemento orgánico. A súa trama é pechada e compacta debido a que o crecemento da cidade aconteceu durante séculos no espazo intramuros, con construcións estreitas e altas, e practicamente sen infraestruturas comúns . Nesta zona se localizan algúns dos edificios históricos máis importantes da cidade (Catedral, Barrio Gótico…). O espazo público é moi limitado. A antiga muralla medieval foi reemprazada por rondas e vías que a atravesaron desde finais do século XIX, cando o tráfico rodado estimulou a demolición das murallas e a creación de novas rondas perimetrais.
O crecemento da cidade no século XIX levou a proxectar un ensanche en torno á cidade preindustrial. Ildefonso Cerdá foi o encargado de proxectar o ensanche burgués adoptando un plano en cuadrícula, dameiro ou ortogonal con mazás cadradas delimitadas por rúas que se cortan formando ángulo recto. Cerdá introduce a novidade de rasgar as esquinas en chaflán para facilitar o tráfico da cidade (desta maneira a mazá cadrada se transforma en octogonal) e deixa, como podemos ver no plano, amplas rúas entre as mazás. O plano ortogonal rómpese coa apertura dunha diagonal que facilita o tráfico e os desprazamentos. O Ensanche de Cerdá, que prevía a combinación de zonas verdes con zonas edificadas e mesmo emprazamentos industriais, foise recheando progresivamente por mor dunha especulación urbanística que ocupou todas as mazás con funcións preferentemente residenciais.
A importancia industrial de Barcelona estimula o seu crecemento e novas expansións que supoñen a anexión á cidade do que eran pobos agrícolas transformados en barrios urbanos. Son as periferias dos séculos XX e XXI. O plano destas periferias non presenta a regularidade xeométrica e a amplitude de rúas que ten o ensanche burgués. Nelas localízanse barrios industriais, barrios obreiros, etc, con distintas morfoloxías relacionadas cos gustos urbanísticos e arquitectónicos das distintas épocas históricas.
d) Comente os problemas actuais das zonas antigas urbanas e posibles solucións. (1,5 puntos).
Ao igual que en moitas grandes cidades, os principais problemas do casco antigo son o deterioro físico de rúas e casas, o que da lugar a unha degradación social que provoca envellecemento da poboación, perda de poboación, baixo nivel de renda e concentración de clases marxinais cun rápido desgaste das edificacións. Isto provoca un deterioro ambiental que prexudica á imaxe da cidade. Ademais, a terciarización do solo provoca o baleiramento do centro fóra das horas comerciais.
As posibles solucións a estes problemas son a posta en práctica de políticas de rehabilitación de edificios, a creación de espazos verdes e o fomento do uso residencial. Tamén a aposta pola sustentabilidade medioambiental destes espazos (peonalización) para reducir a contaminación atmosférica e acústica, así como fomentar a cohesión social (área de oportunidades económicas que atraia poboación nova e de maior nivel de renda).
Non obstante, nos últimos anos, ligado a este proceso de revalorización dos centros históricos aparece o problema da xentrificación que remodela o espectro social da poboación que o habita.
Especialmente nestas zonas antigas deben fomentarse políticas públicas de conservación e revitalización mellorando os espazos públicos, rúas e prazas ou dar un novo uso a vellos monumentos, converténdoos, por exemplo, en edificios administrativos ou universitarios, que contribúan a dinamizar a vida dos centros históricos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario