domingo, 24 de abril de 2022

Práctico de xeografía urbana. Abau 2021


 Atendendo ás figuras 1 e 2: a) Cite as catro provincias que teñen unha porcentaxe máis alta de poboación residindo na súa capital (figura 1). (1 punto); Comente o documento da figura 2 atendendo ás seguintes cuestións: b) Identifique e describa a información representada, e determine o emprazamento e a localización da cidade. (1 punto); c) Relacione a evolución histórica da cidade cos tipos de trama que presenta o plano. (1,5 puntos); d) Comente os problemas actuais das zonas antigas urbanas e posibles solucións. (1,5 puntos).

Respostas:

Atendendo ás figuras 1 e 2: a) Cite as catro provincias que teñen unha porcentaxe máis alta de poboación residindo na súa capital (figura 1). (1 punto) 

Álava, Madrid, Valladolid e Zaragoza

Comente o documento da figura 2 atendendo ás seguintes cuestións: b) Identifique e describa a información representada, e determine o emprazamento e a localización da cidade. (1 punto) 

A figura 2 é unha representación a escala dun fragmento do plano urbano da cidade de Barcelona, capital da comunidade autónoma de Cataluña e principal metrópole rexional

Un plano urbano é unha representación gráfica das superficies construídas e as libres (rúas, prazas, xardíns, parques), así como a súa organización no espazo e a través do tempo. O plano permite diferenciar fundamentalmente tres grandes unidades morfolóxicas: o caso antigo ou cidade preindustrial (anterior ao século XIX), os ensanches burgueses e barrios industriais (século XIX) e as periferias (séculos XX e XXI). 

O emprazamento é o lugar que serve de soporte físico á cidade. Barcelona está emprazada á beira do mar Mediterráneo (na figura podemos ver algúns dos peiraos das instalacións portuarias relacionadas coa importante función comercial que tivo a cidade dende a súa orixe, á que acompañaron a función comercial e defensiva). A cidade está encaixada entre o límite marítimo e as estribacións da Cordilleira Costeiro Catalá polo que o seu crecemento seguiu a liña de costa cara a municipios próximos como Badalona ou Hospitalet de Llobregat. A parte principal do plano correspóndese cunha chaira (dada a uniformidade da trama). Hoxe en día é a segunda cidade máis poboada do país e a primeira de Cataluña formando parte dunha das áreas máis desenvolvidas do país polo que a súa influencia é suprarexional (mesmo nacional e internacional nalgunha das súas funcións), articulando o denominado eixe mediterráneo.

 c) Relacione a evolución histórica da cidade cos tipos de trama que presenta o plano. (1,5 puntos);

Como a maioría das grandes cidades, Barcelona presenta un plano complexo que pode estruturarse en tres grandes áreas ou unidades morfolóxicas: casco antigo, ensanche e periferia. 

O casco antigo ou histórico (cidade preindustrial) ocupa unha superficie relativamente pequena dentro da cidade actual. Barcelona na súa orixe foi un antigo campamento romano que xa tivo un plano hipodámico amurallado. Posteriormente, a cidade medieval remodelou estes espazos, creando un casco histórico de rúas estreitas e irregulares, abigarradas e rodeadas por unha muralla sinuosa. Esta parte é facilmente identificable na zona suroccidental do plano, ao leste da grande zona verde que corresponde ao parque de Montjuic: un plano anárquico propio da cidade medieval que amosa un crecemento sen planificación. As súas rúas son estreitas, curtas e retorcidas, propias do crecemento orgánico. A súa trama é pechada e compacta debido a que o crecemento da cidade aconteceu durante séculos no espazo intramuros, con construcións estreitas e altas, e practicamente sen infraestruturas comúns . Nesta zona se localizan algúns dos edificios históricos máis importantes da cidade (Catedral, Barrio Gótico…). O espazo público é moi limitado. A antiga muralla medieval foi reemprazada por rondas e vías que a atravesaron desde finais do século XIX, cando o tráfico rodado estimulou a demolición das murallas e a creación de novas rondas perimetrais. 

O crecemento da cidade no século XIX levou a proxectar un ensanche en torno á cidade preindustrial. Ildefonso Cerdá foi o encargado de proxectar o ensanche burgués adoptando un plano en cuadrícula, dameiro ou ortogonal con mazás cadradas delimitadas por rúas que se cortan formando ángulo recto. Cerdá introduce a novidade de rasgar as esquinas en chaflán para facilitar o tráfico da cidade (desta maneira a mazá cadrada se transforma en octogonal) e deixa, como podemos ver no plano, amplas rúas entre as mazás. O plano ortogonal rómpese coa apertura dunha diagonal que facilita o tráfico e os desprazamentos. O Ensanche de Cerdá, que prevía a combinación de zonas verdes con zonas edificadas e mesmo emprazamentos industriais, foise recheando progresivamente por mor dunha especulación urbanística que ocupou todas as mazás con funcións preferentemente residenciais. 

A importancia industrial de Barcelona estimula o seu crecemento e novas expansións que supoñen a anexión á cidade do que eran pobos agrícolas transformados en barrios urbanos. Son as periferias dos séculos XX e XXI. O plano destas periferias non presenta a regularidade xeométrica e a amplitude de rúas que ten o ensanche burgués. Nelas localízanse barrios industriais, barrios obreiros, etc, con distintas morfoloxías relacionadas cos gustos urbanísticos e arquitectónicos das distintas épocas históricas. 

d) Comente os problemas actuais das zonas antigas urbanas e posibles solucións. (1,5 puntos).

Ao igual que en moitas grandes cidades, os principais problemas do casco antigo son o deterioro físico de rúas e casas, o que da lugar a unha degradación social que provoca envellecemento da poboación, perda de poboación, baixo nivel de renda e concentración de clases marxinais cun rápido desgaste das edificacións. Isto provoca un deterioro ambiental que prexudica á imaxe da cidade. Ademais, a terciarización do solo provoca o baleiramento do centro fóra das horas comerciais.

As posibles solucións a estes problemas son a posta en práctica de políticas de rehabilitación de edificios, a creación de espazos verdes e o fomento do uso residencial. Tamén a aposta pola sustentabilidade medioambiental destes espazos (peonalización) para reducir a contaminación atmosférica e acústica, así como fomentar a cohesión social (área de oportunidades económicas que atraia poboación nova e de maior nivel de renda).

 Non obstante, nos últimos anos, ligado a este proceso de revalorización dos centros históricos aparece o problema da xentrificación que remodela o espectro social da poboación que o habita.  

Especialmente nestas zonas antigas deben fomentarse políticas públicas de conservación e revitalización mellorando os espazos públicos, rúas e prazas ou dar un novo uso a vellos monumentos, converténdoos, por exemplo, en edificios administrativos ou universitarios, que contribúan a dinamizar a vida dos centros históricos.

Práctico de xeografía urbana. Proba das ABAU 2020

 



Atendendo á figura 1, conteste: a) Enumere as provincias costeiras andaluzas (1 punto); b) Analice o tipo de documento da figura e indique dous criterios que permitan definir un espazo como urbano (1 punto); c) Comente as principais características desta paisaxe urbana (estrutura, funcións, trama urbana, etc.) (1,5 puntos); d) Problemáticas socioeconómicas e ambientais presentes neste tipo de barrios (1,5 puntos).

Respostas:

Atendendo á figura 1, conteste: a) Enumere as provincias costeiras andaluzas (1 punto)

Huelva, Cádiz, Málaga, Granada, Almería.

b) Analice o tipo de documento da figura e indique dous criterios que permitan definir un espazo como urbano (1 punto) 

A Figura 1 é unha fotografía panorámica do barrio de “As Tres Mil Vivendas” pertencente a un barrio da cidade de Sevilla.

 Algúns criterios utilizados para definir o concepto de cidade son: 

-Criterio cuantitativo ou estatístico baseado en cifras: En España o INE considera urbanos aos municipios con máis de 10.000 habitantes. 

-Criterio morfolóxico: poboamento concentrado, con alta densidade de edificación e de poboación, así como o predominio da vivenda colectiva e en altura. 

-Criterio funcional: predominio de actividades distintas das agrarias, é dicir, a industria e os servizos. Estilo de vida diferente ao rural. 

-Criterio sociolóxico: maior diversidade social e relacións máis impersoais e anónimas entre os individuos. 

-Criterio espacial: capacidade de exercer influencia sobre outros núcleos de poboación e de interrelacionarse con outras cidades. 

c) Comente as principais características desta paisaxe urbana (estrutura, funcións, trama urbana, etc.) (1,5 puntos). 

A imaxe recolle un barrio localizado na área suburbana compacta da cidade de Sevilla como os planificados durante o crecemento urbano a partir do desenvolvemento económico dos anos 60 en España para acoller o gran aumento da poboación froito do éxodo rural, e tamén da recolocación ou eliminación do chabolismo de décadas anteriores. 

Tratábase de novos barrios de grandes bloques de vivendas levantados mediante a planificación (en bastantes casos por parte dos poderes públicos) na periferia da cidade, xeralmente sen unha gran calidade arquitectónica, aínda que si amosan, como pode observarse na imaxe, certa planificación racionalista para a creación de polígonos residenciais (homoxeneización de alturas e tipoloxía construtiva, especialmente nas construcións de primeiro plano). Adoitan ser barrios con carencias na dotación de infraestruturas e de zonas comúns, rúas pouco amplas e con escaseza de espazos verdes.

 d) Problemáticas socioeconómicas e ambientais presentes neste tipo de barrios (1,5 puntos). Moitos destes barrios, como o da fotografía, non foron deseñados con suficientes criterios de integración social e espacial. Foron planificados para asentar ás clases traballadoras ou medias, pero pronto comezaron a sufrir o abandono por parte da administración, o que lles levou a sufrir procesos acelerados de degradación.

Algúns destes barrios de grandes cidades como Sevilla foron afectados pola problemática do paro e da desestruturación social que os levou a un claro proceso de degradación que os acabou convertendo en “guetos”. Ademais dos citados problemas sociais (desemprego, marxinación, desarraigamento…), estes espazos tamén sofren os habituais problemas ambientais de espazos densamente ocupados como son a contaminación atmosférica, os altos niveis de ruído, a produción e eliminación de residuos, a falta de espazos verdes ou dotacións de servizos e equipamentos básicos.

viernes, 22 de abril de 2022

Práctica das ABAU. Xeografía humana. Sector turístico

2.- Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 4 puntos): 
a) Observe a figura 1 e identifique as dez provincias peninsulares que recibiron 600.000 o mais turistas estranxeiros (1 punto). 
b) Comente os documentos seguindo estas cuestións: 
- Analice os tipos de documentos nas figuras 1 e 2 (1 punto). 
- Comente a figura 2 analizando a súa posible localización, os elementos e as características deste espazo relacionándoas co tipo de actividade dominante (1 punto). 
- Analice distintas repercusións da actividade económica dominante nesta paisaxe (1 punto).


 
 
 
Respostas:
a) Observe a figura 1 e identifique as dez provincias peninsulares que recibiron 600.000 o mais turistas
estranxeiros (1 punto).
Gerona (Girona), Barcelona, Tarragona, Madrid, Valencia, Alicante (Alacant), Granada, Málaga, Cádiz, Sevilla.
b) Comente os documentos seguindo estas cuestións:
- Analice os tipos de documentos nas figuras 1 e 2 (1 punto).

A figura 1 é un mapa administrativo de España, de coropletas, cunha división provincial, sobre a que se marca unha lenda de cores que amosan distintos intervalos de número de turistas estranxeiros recibidos por provincia a partir da
información subministrada polo INE (Instituto Nacional de Estatística). A figura 2 amosa unha fotografía panorámica dunha paisaxe litoral humanizada; nun primeiro termo, un outeiro, en segundo plano unha aglomeración urbana a carón dunha praia -con edificios moi elevados- e ao fondo unha liña de montañas que
descende cara a un cabo.
- Comente a figura 2 analizando a súa posible localización, os elementos e as características deste espazo relacionándoas co tipo de actividade dominante (1 punto).
Amosase un modelo de paisaxe turística (que corresponde á cidade de Benidorm, no litoral alacantino). Nesta paisaxe aprécianse unha serie de recursos naturais que favorecen o turismo: praias longas e areosas que se combinan co clima mediterráneo -caracterizado por veráns secos e calorosos; o tipo de clima pode deducirse da escasa vexetación que existe na montaña do fondo e da cuberta vexetal de piñeiros que observamos no primeiro plano. Este espazo turístico caracterízase por unha abundante oferta hoteleira e extrahoteleira (apartamentos, cámpings), que dispón de boa accesibilidade por estrada e vía aérea, dada a súa proximidade aos aeroportos.
Este tipo de paisaxe turística presenta –como podemos observar na imaxe- elevadas densidades e un elevado número de todo tipo de aloxamentos situados ao longo da liña de costa ou nas súas proximidades, diminuíndo con rapidez
cara ao interior. Benidorm, ao igual que outras cidades do litoral mediterráneo, optaron por potenciar a construción en altura para facer rendible ao máximo este tipo de turismo (baseado en moitas ocasións en importantes operacións
inmobiliarias).
Este modelo turístico presenta todo tipo de actividades (hoteis, restaurantes, comercios, axencias de viaxes...) que teñen os turistas como clientes. Para iso precisa dispor de boas accesibilidades por estrada e vía aérea (proximidade
a aeroporto). Estamos, polo tanto, diante do modelo máis extendido de oferta turística en España, o modelo de sol e praia, cunha abundante oferta dirixida a unha clientela masiva, de nivel medio, e moi concentrada nos meses de verán polo que enfróntase dende hai tempo a problemas de saturación, deterioración do medio ambiente e á competencia doutros destinos similares e máis baratos.
- Analice distintas repercusións da actividade económica dominante nesta paisaxe (1 punto).
As repercusións deste modelo turístico son variadas:
Demográficas: cunha alta concentración de poboación en tempada turística alta no verán, tanto pola afluencia de visitantes como de empregados nos servizos turísticos. Esta afluencia de visitantes pode provocar saturación e deterioro das infraestruturas, perda de calidade e problemas medioambientais. A estacionalidade deste lugar, sen embargo, é menor que a doutros lugares da costa, pois tanto o turismo de Semana Santa e pontes como a afluencia de turismo de terceira idade español e estranxeiro contribúen a alixeirar un pouco a devandita estacionalidade.
Económicas: creación dunha serie de empregos no sector turístico -que non obstante, están sometidos á estacionalidade da demanda- e na construción.
Tamén é unha actividade afectada por certa inestabilidade asociada á evolución da economía internacional: aumenta en períodos de crecemento económico, pero a chegada de turistas vese freada en fases de crise ou en momentos de inseguridade internacional.
Ordenación do territorio: nos espazos próximos tamén se implantan actividades en relación co turismo, como amosa a canteira aberta na montaña; os espazos agrarios e rurais da contorna pasaron a ser terreo urbanizable para todo tipo de aloxamentos ou infraestruturas turísticas, co conseguinte cambio de uso e valor do solo.
Medioambientais: a creación de bloques de hoteis e apartamentos á beira da liña de praia ten alterado profundamente a visión tradicional deste antigo porto pesqueiro. O incremento da actividade tamén provoca un consumo notable de recursos escasos -como a auga potable- e xera tamén importantes volumes de residuos sólidos urbanos (RSU), e diversos tipos de contaminación.

miércoles, 1 de julio de 2020

Práctica das ABAU sobre as infraestruturas de transporte

Tendo en conta o documento, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Nomee seis comunidades autónomas polas que pasa o AVE segundo o documento(1 punto).
b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións:
 Identifique a figura e enumere as características da rede de transporte por estrada (1 punto).
 Cite as zonas con menor densidade de autoestradas e autovías, e argumente os factores que motivan dita situación (1 punto).
 Indique as consecuencias económicas e medioambientais que producen os medios de transporte representados no litoral mediterráneo (1 punto).


a) Nomee seis comunidades autónomas polas que pasa o AVE segundo o documento (1 punto).
O AVE, no mapa, atravesa as comunidades autónomas de Madrid, Andalucía, Castela‐León, Castela‐A Mancha, Aragón e Cataluña.
b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións:
* Identifique a figura e enumere as características da rede de transporte por estrada (1 punto). 
A figura é un mapa temático con división provincial no que os símbolos representan elementos do transporte en España (estradas, ferrocarrís, portos e aeroportos); tamén representa rutas de transporte entre as cidades norteafricanas (Ceuta e Melilla) e a península ibérica. Ten unha escala gráfica adxunta.
A rede de transporte por estrada constitúe unha peza básica do conxunto do sistema de transportes. Pon en comunicación a totalidade dos núcleos de poboación do país, ao tempo que resulta imprescindible para acceder ao resto de infraestruturas de transportes (estacións de ferrocarril, aeroportos e portos).
É unha rede claramente xerarquizada, na que a rede de estradas de grande capacidade está constituída por autoestradas e autovías; ten un carácter radial ‐herdado da rede de estradas borbónicas implantadas no século XVIII‐. Cando na década de 1960 se modernizou a rede de estradas para adaptala ao tráfico de vehículos e de camións e ao desenvolvemento económico, consolidouse o modelo radial. Non obstante, nos últimos anos privilexiáronse as rutas transversais: Cantábrico, Ruta da Prata, Somport‐Valencia. As decisións políticas ‐como a redacción do PEIT‐ teñen moito que ver ao respecto.
O resultado final é unha rede de estradas en forma de rede de malla, que conecta mellor as diversas rexións de España entre si e proporciona maior accesibilidade a países da contorna, especificamente Portugal e Francia. Se ben é certo que boa parte das provincias occidentais, limítrofes con Portugal, viven aínda de costas á fronteira, en parte por dificultades do relevo, e en grande medida polo abandono demográfico destas áreas.
* Cite as zonas con menor densidade de autoestradas e autovías, e argumente os factores que motivan dita situación (1 punto).
Os principais corredores de tráfico correspóndense coas áreas de maior densidade urbana, industrial e turística: o corredor mediterráneo, o cantábrico, o eixe do Ebro, a costa galega e as estradas próximas a
Madrid. A maior desenvolvemento económico, maior relevancia do transporte. Por contra, as áreas rurais interiores do Estado, as de menor industrialización e núcleos de poboación máis pequenos  permanecen relativamente lonxe das vías de alta capacidade (autoestradas e autovías). O interior galego, parte de Castela e León, Estremadura, Huesca e Teruel son exemplos destas áreas nas que o baixo desenvolvemento económico ou unha forte tendencia ao despoboamento xustifican a distancia dos grandes corredores de transporte.
* Indique as consecuencias económicas e medioambientais que producen os medios de transporte
representados no litoral mediterráneo (1 punto). 
A maior densificación da rede de transportes no Mediterráneo coincide co incremento das actividades industriais e turísticas nesta área ao longo do período posterior ao desarrollismo. A nivel económico prodúcese unha concentración de actividades de todo tipo (agrícola, industrial e turística) no eixo mediterráneo, que, á beira do eixo do val do Ebro, constitúe o espazo de desenvolvemento principal da economía española. A concentración de infraestruturas provoca unha presión significativa sobre os espazos naturais, que se ven reducidos á par que se reducen algúns terreos agrícolas ben feraces ‐o que obriga a cavar zonas de pendente máis afastadas da costa‐. A concentración de portos produce tamén
un impacto sobre o deterioro da calidade das augas dun mar pechado como o Mediterráneo, xa de por si
afectado no conxunto por unha alta concentración demográfica e industrial.

Práctica das ABAU sobre a xerarquía urbana e o sistema urbano español

Atendendo ao documento conteste (puntuación máxima 4 puntos):
a) Cite as cinco comunidades autónomas que non teñen ningunha aglomeración maior de 250.000
habitantes (1 punto).
b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións:
• Identifique o documento e xustifique a que categorías de xerarquía urbana corresponden as
seguintes metrópoles: Zaragoza, Córdoba e Madrid (1 punto).
• Que aspectos condicionan a distribución dos principais espazos de concentración urbana? (1 punto).
• Explique as consecuencias do actual sistema urbano no interior peninsular (1 punto).


Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Cite as cinco comunidades autónomas que non teñen ningunha aglomeración maior de 250.000 habitantes (1 punto).
Cantabria, A Rioxa, Navarra, Estremadura e Castela‐A Mancha.
b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións:
Identifique o documento e xustifique a que categorías de xerarquía urbana corresponden as seguintes metrópoles: Zaragoza, Córdoba e Madrid (1 punto).
Trátase dun mapa de España de base provincial, temático de símbolos/figuras proporcionais; utiliza unhas circunferencias para representar con seis niveis os diferentes tamaños por habitantes, das aglomeracións urbanas españolase a súa localización. Nas máis importantes aparece xunto a figura o nome da cidade. A fonte é a editorial Santillana.
Zaragoza ten a categoría de metrópole rexional xa que é unha gran área metropolitana cunha poboación superior a 500.000 habitantes. Conta con funcións diversificadas industriais e terciarias e ofrece numerosos servizos especializados. A súa área de influencia é rexional pero mantén intensas relacións coas metrópoles nacionais.
Córdoba se relaciona coas denominadas metrópoles subrexionais ou rexionais de segundo orde xa que é un área de poboación entre 250.000 e 500.000 habitantes. Conta tamén con funcións bastante diversificadas e algún servizo especializado, pero de influencia subrexional.
Madrid corresponde á categoría de metrópole nacional debido a ser a maior área metropolitana de España (máis de 3.000.000 de habitantes) pero tamén está integrada no sistema europeo e no mundial (cidade global), conta con funcións moi diversificadas ao concentrar as sedes das grandes empresas nacionais e multinacionais e, polo tanto, os centros de decisión empresarial, posúe industrias de alta tecnoloxía que ofrecen servizos moi especializados (financeiros, de xestión, innovación, cultura e
lecer) e ten unha densa rede de transporte e comunicacións.
Que aspectos condicionan a distribución dos principais espazos de concentración urbana? (1 punto)
Os aspectos que condicionan a distribución dos principais espazos de concentración urbana en España son factores físicos (clima e altitude) e humanos (evolución histórica e económica). O sistema urbano español baséase nun núcleo central e diversos eixes periféricos que se relacionan co crecemento industrial e as políticas industriais (Cataluña, País Vasco e Madrid), así como a terciarización da economía nos últimos anos. A terciarización industrial beneficiou de forma especial ás grandes cidades; o aumento do emprego nas administracións públicas, que están situadas nas capitais, fíxoas medrar; e o turismo que potenciou especialmente as cidades da costa mediterránea e dos arquipélagos.
As cidades do sistema urbano español constitúen unha rede urbana xerarquizada propia dun país industrializado.Estas exercen certa influencia cara á súa área circundante a partir das funcións e servizos que ofrecen. As cidades conforman unha rede de relacións e de influencias na súa área circundante porque son nós de comunicacións, centros de produción e distribución de bens e provedores de servizos.
Explique as consecuencias do actual sistema urbano no interior peninsular (1 punto)
Na distribución espacial do sistema urbano español no interior, encontramos unha gran irregularidade no brusco salto de tamaño entre Madrid e un elevado número de cidades de rango moi inferior. As consecuencias son un espazo menos articulado (infraestruturas) e menos integrado ao carecer de cidades de rango medio que o permita. A ruptura de continuidade de tamaños na xerarquía urbana dificulta a prestación de servicios á poboación. Este fenómeno ven marcado polo efecto exercido por Madrid (metrópole nacional) que actúa de potente imán de actividades económicas e de poboación. 

Práctica das ABAU sobre as áreas turísticas de España

Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 5 puntos):
a) Indique o nome das cinco Comunidades Autónomas coa menor porcentaxe de ocupados no sector turístico. (1
punto).
b) Identifique a figura 1 e describa a información representada na mesma (1 punto).
c) Analice os diferentes tipos de turismo por áreas xeográficas (1,5 puntos).
d) Indique a incidencia económica do sector turístico en España e en Galicia (1,5 puntos).




Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 5 puntos):
a) Indique o nome das cinco Comunidades Autónomas coa menor porcentaxe de ocupados no sector turístico (1 punto).
1. Estremadura
2. Castela e León
3. A Rioxa
4. Navarra
5. Murcia
b) Identifique a figura 1 e describa a información representada na mesma (1 punto).
A figura 1 é un mapa temático con dúas variables representadas. Mediante coropletas represéntase a porcentaxe de ocupados no sector turístico respecto ao total da ocupación en cada Comunidade Autónoma. Con símbolos proporcionais o número absoluto de ocupados en cada Comunidade Autónoma (en milleiros).
c) Analice os diferentes tipos de turismo por áreas xeográficas (1,5 puntos).
O turismo en España concéntrase en determinadas áreas, con factores de atracción ben distintos:
1. A área de costa, que inclúe tanto o litoral mediterráneo (Costa do Sol, Costa Cálida, Costa Branca) e algunhas zonas do Atlántico (Costa da Luz, Costa Verde...). O noso Estado conta con excelentes praias e son as CCAA da área mediterránea (Cataluña, Valencia, Baleares e Andalucía) as que
teñen maior oferta.
2. Outro tipo de turismo é o turismo histórico-cultural, concentrado en comunidades con riquezas específicas en lugares declarados patrimonio da humanidade: Granada e Córdoba no interior andaluz, Toledo en Castela-A Mancha, Segovia en Castela-León, Santiago de Compostela en Galicia. Trátase de cidades de tamaño mediano que ofrecen importantes atractivos nas súas zonas históricas.
3. Áreas de turismo preferentemente invernal, concentradas en distintos sistemas montañosos, con exemplos nos Pireneos e no Sistema Penibético.
4. Áreas de turismo rural, explotando a natureza e a diversidade paisaxística para múltiples actividades de sendeirismo, achega á cultura tradicional e coñecemento dos espazos naturais preservados.
d) Indique a incidencia económica do sector turístico en España e Galicia (1,5 puntos).
As repercusións económicas do sector turístico en España e Galicia inclúen:
 A creación dunha serie de empregos no sector turístico -que non obstante, están sometidos á estacionalidade da demanda- e na construción.
 Unha certa inestabilidade asociada á evolución da economía internacional: aumenta en períodos de crecemento económico, pero a chegada de turistas vese freada en fases de crise ou en momentos de inseguridade internacional.
 Trátase dunha actividade moi importante para o emprego e o PIB español e galego, debido ao efecto multiplicador na economía. De aí as políticas de desenvolvemento e fomento do turismo por parte das institucións. Ademais, os ingresos por turismo serven para equilibrar a balanza de pagamentos do
Estado.
 No caso galego a maior parte do turismo procede do territorio español. Debido á extensión da costa e á riqueza do patrimonio artístico cultural, Galicia tamén ofrece varios tipos de turismo (de sol e praia, cultural, rural, termal…). Hai que destacar a importancia do Camiño de Santiago.
 Pola contra, a concentración territorial da oferta turística pode causar problemas de índole económico como a especulación co solo, os altos prezos das vivendas, os custos dos servizos dimensionados para fortes incrementos de poboación en certos períodos (infraestruturas, tratamento de residuos, sanidade, subministros...), así como a presión sobre o espazo rural que pode fomentar o abandono das actividades agrarias.

Práctica das ABAU sobre o mapa topográfico

Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 5 puntos):
a) Ademais de Sta. Cruz de Tenerife, nomee cinco das illas principais que forman o arquipélago canario. (1 punto)
b) Que tipo de mapa é e que información representa? (1 punto).
c) Responda as seguintes cuestións sobre os condicionantes físicos e humanos da área que aparece no mapa (3
puntos; 0,5 por cuestión ben resolta)
1. Describa como é o relevo que reflicte o mapa.
2. Que son as curvas de nivel e cal é a de maior altitude que aparece?.
3. Ao oeste de “Garachico” arranca unha vía de comunicación ata “San Juan del Reparo” (TF421). Cales
son as súas principais características?.
4. Que tipo de vexetación é a dominante nesta área?.
5. Que tipo de poboamento aparece nesta área?.
6. Cales son os principais usos do solo e aproveitamentos económicos desta área canaria?.


Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 5 puntos):
a. Ademais de Sta. Cruz de Tenerife, nomee cinco das illas principais que forman o arquipélago canario (1 punto).
Ademais de Tenerife, o resto de illas principais que conforman o arquipiélago canario son: O Ferro, A Palma, A Gomera, Gran Canaria, Forteventura e Lanzarote.
b. Que tipo de mapa é e que información representa? (1 punto).
O mapa topográfico é un documento onde se representan con gran detalle os  aspectos físicos (relevo, hidrografía, vexetación) e humanos (usos do solo, hábitat, toponimia) máis destacados dun territorio que resultan de grande interese para a análise xeográfica. O documento é un fragmento do Mapa Topográfico Nacional a escala 1:50.000 (MTN50) elaborado polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN).
c. Responda ás seguintes cuestións sobre os condicionantes físicos e humanos da área que aparece no mapa (3 puntos; 0,5 por cuestión ben resolta)
1. Describa como é o relevo que reflicte o mapa.
Trátase dun territorio accidentado, cunha orografía complicada polo forte esnivel existente (curvas de nivel moi próximas) o que será un importante ondicionante tanto nas comunicacións como en diferentes actividades económicas con espazos ben diferenciados de chaira litoral, val e montaña.
2. Que son as curvas de nivel e cal é a de maior altitude que aparece?
As curvas de nivel son as liñas que unen puntos coa mesma altitude. A mestra de maior altitude que aparece é a de 700 metros, aínda que a cota de maior altura é de 748 m (extremo suroccidental deste fragmento de mapa).
3. Ao oeste de “Garachico” arranca unha vía de comunicación ata “San Juan del Reparo” (TF421). Cales son as súas principais características?
O forte desnivel que ten que salvar é a súa principal característica, de aí a súa sinuosidade, adaptándose ás curvas de nivel que marcan onde o terreo pode ser algo máis chan facilitando a súa construción.
4. Que tipo de vexetación é a dominante nesta área?
A vexetación dominante é a típica do espazo bioxeográfico macaronésico, onde abundan as reliquias ou endemismos. Na área do mapa estamos entre o nivel do mar e os 800 metros polo que aparece unha estrutura en pisos, neste caso os chamados pisos basal e intermedio. Son especies adaptadas á aridez
(cardón, tabaiba…) e á escasa humidade (palmeiras, dragos e sabinas) nestas altitudes.
5. Que tipo de poboamento aparece nesta área?
Nesta área o poboamento concéntrase en pequenos núcleos de poboación (como “Garachico”) próximos á costa, onde as comunicacións son máis doadas e o clima máis favorable ou nalgunhas zonas de maior altitude (500 metros) como “El Tanque” e “San Juan del Reparo” onde o terreo é menos abrupto e nas vías de comunicación que unen a costa co interior da illa (Cañadas do Teide).
6. Cales son os principais usos do solo e aproveitamentos económicos esta área canaria?
O terreo é de difícil aproveitamento económico polo seu forte desnivel. É unha zona onde predominan as lavas e a matogueira con algún arboredo.
Principais aproveitamentos económicos: aínda que existen algúns cultivos (agricultura de primicia, plátanos, socalcos), a área foise especializando en actividades do sector terciario fortemente vinculadas co turismo debido ao seu agradable clima subtropical e ás praias existentes en todo o litoral.