jueves, 7 de febrero de 2008

Protexer a paisaxe

Este texto é un fragmento extraído dun artigo da revista dixital Eroski- Consumer. Comenta a crecente sensibilidade por coidar e preservar as nosas paisaxes despois das desfeitas acontecidas nos últimos anos en España. De todos é coñecida a presión construtiva sobre o litoral mediterráneo e a franxa costeira galega que ameaza seriamente a paisaxe e a propia sustentabilidade do sistema. Ata agora non se tiñan en conta os valores estéticos e paisaxísticos. Falta moita educación e aínda persiste na cidadanía a idea de que un pode facer o que lle apeteza na súa propiedade.

A paisaxe ten a súa propia lei

O Convenio Europeo da Paisaxe trata de preservar e restaurar as paisaxes en Europa, dende espazos naturais ata os ámbitos máis habituais dos cidadáns.
A paisaxe, amais dun pracer para os sentidos, é un ben ambiental que cómpre preservar e conservar. Ese é o obxectivo que inspira o Convenio Europeo da Paisaxe que España está a punto de ratificar. Representa a primeira ferramenta a nivel europeo para protexer e restaurar un ben común ao que apenas se puxo atención. É un paso importante para un país como o noso, que ata a data carecía de ferramentas legais sobre este campo.

Os territorios considerados como paisaxe son todos os que forman o ámbito no que vive a sociedade. Engloba espazos terrestres, augas interiores e marítimas, territorios protexidos, os máis cotiáns e aqueles que se degradaron. Precisamente, estes espazos que sufriron ou que sofren os efectos da acción humana, lonxe de pasaren inadvertidos, son os máis importantes.
Se se primase unicamente a función de protección, só se preservarían ámbitos moi privilexiados, como parques e reservas naturais, e todo o que se malogrou nin se recuperaría nin se protexería. Por iso adquire especial relevancia a asunción de que a paisaxe está constituída non só polos elementos naturais, senón tamén culturais, como as construcións, os monumentos ou os cultivos.
A aplicación deste convenio implica non só a conservación de zonas rurais ou de construcións tradicionais, como o saneamento e descontaminación de calellas e ríos, senón o coidado ambiental de núcleos urbanos e a construción harmoniosa co ámbito histórico e natural. Outra das cuestións máis importantes é a xestión ambiental, xa que non se poden preservar as paisaxes se non se ten en conta a descontaminación ou a conservación da biodiversidade.

Nestes momentos as paisaxes españolas corren un grave risco, segundo un informe da Universidade de Sevilla, integrado nun documento da Unión Europea no que se describen as políticas da paisaxe de diferentes países comunitarios. Unha das principais causas é o rápido crecemento da economía española nas últimas décadas, que acelerou o consumo dos recursos naturais e do chan. A iso súmase o feito de ser un dos principais receptores de turismo en Europa e os efectos do clima propio dun país mediterráneo, que propicia ecosistemas e paisaxes moi fráxiles.
Máis alá da construción de edificacións nas costas españolas, un dos danos máis importantes que se produciron nos últimos anos é o caótico crecemento urbanístico a raíz do boom inmobiliario. Este proceso acelerou a proliferación e dispersión de urbanizacións que 'non só rouban' moito territorio, senón que ademais incrementan o gasto en recursos naturais e aumentan a contaminación con maiores desprazamentos en automóbil, xa que se sitúan a quilómetros dos núcleos urbanos e dos seus servizos.
Amais da falta de ferramentas legais para protexer o contorno, a independencia coa que a maioría dos concellos españois actuaron en materia de urbanismo non contribuíu en nada ao benestar da paisaxe. É agora cando se comezan a desenvolver as primeiras experiencias conxuntas entre diferentes organismos institucionais, a diferenza do acontecido ata agora, en que cada concello decidía con maior ou menor fortuna a construción de polígonos industriais, urbanizacións... Doutra banda, nos últimos meses déronse casos especialmente graves de urbanizacións en zonas de alto valor ambiental, como as planificadas en Navas del Marqués, na provincia de Ávila, ou en Soria.
Un dos obxectivos do Convenio Europeo é que a xestión da paisaxe non recaia sobre unhas soas mans. Para iso, prevé establecer procedementos para a participación do público, de diferentes administracións e axentes sociais. Ademais, esixe que a xestión da paisaxe se integre nas políticas de ordenación do territorio, de urbanismo e nas políticas cultural, ambiental e outras que lle poidan afectar.

No hay comentarios: