jueves, 22 de mayo de 2008

A arquitectura indiana na vila de Ponte Caldelas



Ao seu regreso, os emigrados construían auténticos pazos urbanos a semellanza dos modelos que vían en ultramar. No caso da vila de Ponte Caldelas, os promotores destas fermosas casas eran, maioritariamente, emigrados a Brasil. Hoxe estes inmobles están ocupados parcialmente, no verán, ou nun estado de semiabandono. Constitúen unha herdanza arquitectónica da época de emigración masiva a América en busca de fortuna. Os que regresaban demostraban o seu éxito construíndo unhas mansións onde se advertían as influenzas hixienistas da época no tratamento dos espazos interiores, iluminación e ventilación, moi diferentes aos modelos da arquitectura vernácula existente nas aldeas e vilas de Galicia.

Na vila de Ponte Caldelas hai unha intersección de rúas que conflúen na estrada PO-234 en dirección a Aguasantas que reúnen magníficos exemplos desta arquitectura como podemos ollar nas imaxes. Esta praza tiña que ter outro tratamento urbanístico para realzar como se merece a concentración destes inmobles. Por contra, o que atopamos é unha praza improvisada con contenedores de lixo no medio e numerosos automóbiles aparcados nas beiras. Pouca sensibilidade cara un espazo que pola calidade dos edificios necesita pouca urbanización.



No hay comentarios: