sábado, 13 de diciembre de 2008

O parque arqueolóxico de Tourón

Dentro da oferta cultural do concello de Ponte Caldelas hai unha que compre destacar de xeito especial. Falamos do Parque Arqueolóxico de Tourón. Unha realidade que nos comprace especialmente porque o IES de Ponte Caldelas, a través da súa acción de denuncia, contribuiu a que as autoridades e institucións públicas tomaran en serio a recuperación deste espazo, freando o lamentable estado de abandono no que se atopaban hai cinco anos. Se hai un indicador de que a sensibilidade polos temas de patrimonio vai avanzando entre a clase política é a creazón deste parque. Para un concello rural en plena evolución como Ponte Caldelas, próximo á cidade de Pontevedra, o feito de posuir esta riqueza arqueolóxica é unha oportunidade de ofrecer un atractivo máis a engadir a unha paisaxe humanizada bastante equilibrada e uns corredores fluviais moi interesantes. A vantaxe principal dun concello como o de Ponte Caldelas é a proximidade á Galicia máis dinámica e posuir os valores paisaxísticos que na memoria colectiva galega se teñen como xenuinos e fermosos.
Os petroglifos de Tourón son dos máis espectaculares de Galicia. Ubicados a media ladeira definen os límites do espazo humanizado hai cinco mil anos. Aldeas que preferían as áreas máis elevadas, onde estaban os pastos máis frescos, renunciando ao que hoxe é propiamente o espazo habitado, entón posiblemente un bosque espeso. Os motivos máis representados son os cervos, os círculos, espirais e cazoletas. A apertura do parque permitiu descubrir máis petroglifos dos que se tiñan coñecemento e unha idea máis precisa da superficie ocupada naquel momento.
Recomendamos unha visita nas horas onde o sol estea baixo para poder aprezar mellor os motivos representados. O desbroce sobre as especies invasoras deixou unha aba un tanto desnuda, polo que hai que darlle un prazo para que este espazo engada ao interese arqueolóxico unha recuperación da flora autóctona. Con todo o dominio visual é tan amplo e fermoso que merece a sua contemplación.


No hay comentarios: