miércoles, 10 de febrero de 2010

Máis razóns en defensa da lingua galega e contra as bases do borrador do decreto do plurilingüismo

O xornal diario publica un artigo que argumenta en favor do coñecemento e a riqueza lingüística que pode ofrecer a aprendizaxe e uso do galego. A conto da publicación das polémicas  bases do borrador do decreto do plurilingüismo aparecen a diario argumentos en defensa da lingua propia de Galicia e en contra do recurte que pretende o borrador do decreto. A base da tese que expoñen os autores do artigo é o falso conflito que se crea coa publicación destas bases ao contrapoñer a defensa das liberdades e dereitos individuais respecto a unha lingua minorizada e en perigo de extinción que debe ser potenciada dende os poderes públicos. O seu títutlo é unha boa síntese: "A arte de converter unha oportunidade nun problema". Polo seu interese reproducimos todo o artigo. 

A Constitución Española e mailo Estatuto de Autonomía de Galicia insta aos poderes públicos a potenciar o emprego do galego, a lingua minorizada, en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Política por certo común a todos os países do noso contorno que teñen linguas en contacto con un uso desigual. Esta política foi reflectida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia no ano 2004. Agora este Goberno da Xunta de Galicia fai públicas as “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia” que poñen en discusión (en conflito) este obxectivo de potenciación e protección cos dereitos dos individuos e coas súas liberdades.

Este é un dilema falso, posto que se queremos defender os dereitos individuais deberiamos atender ao desenvolvemento das capacidades destas persoas e este é un dereito irrenunciable. Nunca no mundo actual se pon en discusión o desenvolvemento das capacidades intentando contrapoñelo coa liberdade individual, como así tampouco se cuestiona a obrigatoriedade de escolarizar ao alumnado –salvo algún grupo reducidísimo de cidadáns– ou a obrigatoriedade da maioría dos contidos curriculares ou mesmo a obrigatoriedade de contribuír economicamente vía impostos a esa educación, por poñer algúns exemplos. E se falamos de desenvolver capacidades temos que incluír necesariamente a competencia de comunicarnos na lingua propia do país, que non só debe ser considerada unha riqueza ou un ben colectivo senón tamén unha riqueza ou un ben individual. Pero para facer efectivo ese dereito individual cómpre que os poderes públicos garantan que os nenos e nenas, dentro do sistema escolar, atopen os mecanismos que lles proporcionen esta futura competencia lingüística.

Os estudos máis recentes con individuos bilingües indícannos que a utilización dos dous idiomas vai asociada a cambios no patrón de actividade neuronal. De feito, hai traballos que suxiren que as representacións cerebrais das dúas linguas atópanse lixeiramente separadas. As diferenzas son, por suposto, maiores se os dous idiomas son moi distintos entre si e, tamén, se o noso dominio de ambos é equivalente. Nalgúns casos as diferenzas poden ser tan extremas que se atoparon persoas que son disléxicas nun dos dous idiomas e no outro non. Hoxe sabemos tamén que ao alcanzar unha elevada competencia nun segundo idioma, somos capaces de empregar para o control da linguaxe rexións do cerebro que non utilizan individuos monolingües ou bilingües asimétricos.

Doutra banda, cando un neno fixa un idioma demasiado axiña os seus circuítos neuronais responsables do control da linguaxe ancóranse de forma permanente no deseño óptimo para o manexo da estrutura desa lingua. O neno perde así capacidade para adaptarse ás peculiaridades fonolóxicas e gramaticais doutros idiomas. En nenos bilingües esta capacidade de adaptación do cerebro a outras estruturas lingüísticas mantense durante moitos anos máis, facilitando a aprendizaxe de terceiras linguas. Para conseguir unha situación de bilingüismo funcional, é fundamental que o neno teña contacto en primeira persoa con falantes de ambas as dúas linguas. Os bilingües adultos necesitan un grao de inmersión lingüística moito maior para aprender o segundo idioma e os resultados non son normalmente comparables. É por iso que manter nos primeiros anos de vida e de escolarización unha exposición similar aos dous idiomas propios é fundamental, pois permite aproveitar o período de máxima plasticidade cerebral. A substitución dunha das linguas propias por outra foránea non fornece normalmente o mesmo efecto. Para iso, habería que introducila en condicións de igualdade tanto de uso académico como social, o que de momento para o inglés no ensino público galego é pouco menos que imposible.

Que ao final de contas aprender galego non serve para nada é outro argumento que se introduciu de xeito máis ou menos inconsciente (e máis ou menos interesado) no debate sobre o novo decreto. Os últimos descubrimentos científicos móstrannos que, ata aínda que socialmente iso fose así, o beneficio que obtén o noso cerebro do bilingüismo (real) proporciona unha vantaxe adaptativa ao individuo que vai moito máis aló da mera consideración utilitaria dos idiomas. Por parte dos xestores públicos, sería moi pouco intelixente desprezar esta vantaxe.

Se finalmente se adoptara a decisión de que os pais decidan a lingua de uso na Educación Infantil estariamos negando a posibilidade a moitos destes alumnos de ser bilingües no futuro, pero tamén de ter máis capacidade para aprender novas linguas, polo tanto distanciándoos do plurilingüismo que fachendosamente se proclama nestas Bases. Pola contra, o feito de introducir na Educación Primaria e Secundaria a utilización do inglés (ou a terceira lingua que corresponda) como lingua de estudo e de comunicación na terceira parte das materias, non garante a competencia nesta lingua pois ben sabemos que con este tipo de medidas no marco escolar actual en Galicia o único que se producirán serán atrancos para rapaces e rapazas nesas áreas curriculares e polo tanto máis fracaso escolar. ¿Que terá o inglés ao que xa se recorreu ridiculamente na Comunidade Valenciana para evitar a Educación para a Cidadanía (por certo corrixido con toda a contundencia polos tribunais) e ao que se recorre agora en Galicia, tamén ridiculamente, para evitar o galego?

Ter alumnado plurilingüe ao final da escolarización é un valioso obxectivo que se consegue aproveitando a oportunidade que se nos brinda por ter dúas linguas en contacto, facendo que as dúas se utilicen dende os primeiros anos e, dado que a utilización social é claramente desfavorable para o galego, necesítase que no sistema educativo se compense e non só como unha forma de conservar a lingua e a cultura, senón tamén como a mellor forma de que o alumnado galego desenvolva as súas capacidades, sen posibilitar desleixos individuais. Poida que existan algúns núcleos de descontento coa norma da utilización compensadora do galego no ensino, como tamén existen pequenos sectores que optan pola desescolarización dos seus fillos e a ninguén se lle ocorreu por iso sacar unha norma para protexer os seus dereitos individuais… Non podemos caer no ridículo de converter unha riqueza –que é unha gran oportunidade– nun problema que ata o de agora era francamente inexistente para a inmensa maioría da poboación.

Autores: Lois Martínez Otero, neurocientífico e profesor universitario e Xosé Ramos Rodríguez, membro de Nova Escola Galega no Consello Escolar de Galicia.

No hay comentarios: