jueves, 4 de marzo de 2010

O proxecto duna canteira ameaza o foxo do lobo dobre do Chan de Anduriña, en Fornelos de Montes

A publicación da Resolución da Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas no DOG do 15 de febreiro de facer público o informe de explotación dunha canteira de granito nas proximidades de Cotodeira, nos montes de Ventín, concello de Fornelos, é unha nova que nos enche de preocupación porque, unha vez máis, a Administración vai permitir que os recursos naturais da nosa área proporcionen sustanciosos beneficios a uns poucos a cambio de alterar a paisaxe e os ecosistemas sen ningunha contraprestación. Non é suficiente represar os ríos Verdugo e Oitavén para producir electricidade ou que o Suído sexa colonizado por muíños eólicos e pistas forestais, agora é unha empresa, Minor Galicia S.L., a que propón explotar o granito dunha zona de enormes penedos, cunha cunca de visibilidade moi ampla, emprazada entre os concellos de Fornelos e Mondaríz.

Unha vez máis unha área pouco poboada e en regresión demográfica como esta é propicia para ser explotada sen ningún tipo de consideración. Estamos a falar de riquezas naturais (ríos e paisaxe de media montaña) que se atopan ao carón da Galicia máis dinámica. En lugar de preservar estas zonas para a realización de actividades económicas integradas co medio natural e sustentables, porque é un auténtico luxo contar con estes espazos tan próximos a centros urbanos, a teimuda realidade amosa un continuo desprezo polos seus recursos e sobre todo pola paisaxe. Cataluña, que sempre vai un paso por diante, ten aprobada unha lei que protexe e cataloga todos os seus espazos co fin de preservar a paisaxe. En Galicia non abonda con destruír a costa e saturar de cemento os espazos de litoral que agora os tentáculos da especulación chegan ao interior. Nos tempos que corren queda mal defender o patrimonio cultural e natural porque non proporciona riqueza material. O noso discurso non ten seguidores porque semella poñer trabas ao crecemento do PIB e á creación de emprego. Como non imos a estar satisfeitos que o rural poida ofrecer unha expectativa vital ás súas xentes cando sabemos que son lugares que están esmorecendo?. Claro que queremos que haxa emprego, pero non nos enganemos. As minicentrais, os parques eólicos ou as canteiras poden ser necesarias e dan moita riqueza aos seus explotadores, pero apenas crean sólidos postos de traballo nos lugares onde se implantan e a cambio alteran para sempre ecosistemas seculares adaptados a un grao de explotación moi decantado polo tempo e pouco agresivo, a actividade agrogandeira.
A zona da que falamos é unha área de pasto visitada a diario por greas de cabalos que a súa vez serven de alimento a un depredador refuxiado neste montes, o lobo ibérico. Unha relación de supervivencia que ten como escenario o Suído e os seus extensos brañais onde se regula de xeito natural a aportación de auga aos regatos e ríos que teñen aquí a súa cabeceira. Estamos ante unha área de intensas precipitacións onde brotan mananciais que dotan de auga ás aldeas veciñas. Fauna, variada vexetación de matogueira e flores singulares constitúen un cadro natural modificado só pola presenza do gando vacún e equino que pasta en réxime extensivo por estas montañas onde hai magníficos exemplos de arquitectura etnográfica. Moi próximo ao lugar escollido pola empresa Minor Galicia S.L. para explotar o granito está un foxo do lobo dobre, dos poucos que quedan case intactos en Galicia. Por que este desprezo?
As canteiras sempre existiron en Galicia, pero non ao nivel de explotación actual. As feridas feitas á natureza eran asumibles e necesarias, agora estamos ante a destrución de montañas enteiras como acontece en Porriño. A pedra é un material construtivo que volve a ser utilizado nas fachadas dos edificios. Vivimos un momento de internacionalización dun sector que exporta anualmente granito por valor de 100 millóns de euros. Somos líderes indiscutibles a nivel estatal e competimos con potencias como Brasil, China, Sudáfrica ou Portugal. A propia Consellería acaba de impulsar a creación do cluster do granito. Todo isto sona moi ben, pero a cambio hai alteracións irreversibles da capa do solo, perda de mananciais, contaminación das augas polos labores de extracción, redución da biodiversidade, proliferación de pistas para os camións e a maquinaria, eliminación de áreas de pasto e actividades deportivas de caza, desaparición de coberteira vexetal, aumento do po, incremento do tráfico pesado en estradas pouco preparadas para esta actividade, utilización de explosivos que espantan á fauna salvaxe. Segundo ADEGA, na área de explotación hai 54 especies de fauna protexida ameazadas pola aprobación deste proxecto. E por último, dende un punto de vista moi económico: seguimos a explotar e mal vender a nosa materia prima en lugar de xerar o valor engadido aquí.
Por todo isto esiximos da Administración:
• A paralización do proxecto polas razóns antes mencionadas.
No caso de ir para adiante o proxecto esiximos o cumprimento íntegro dos criterios orientadores recollidos no Título III, artigo 12, da Lei 3/2008 do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia:
• Queremos unha minaría sustentable e compatible coa protección do medio natural e co patrimonio cultural e a busca dunha maior vinculación da minaría coa mellora da economía das zonas nas que se sitúen as explotacións e o fomento da creación de emprego.

No hay comentarios: