jueves, 3 de octubre de 2019

Tema da ABAU. Formación e evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas Canarias e Baleares (da era arcaica ao glaciarismo cuaternario).

Tema do relevo probas CIUG: Formación e evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas Canarias e Baleares (da era arcaica ao glaciarismo cuaternario).

 A historia xeolóxica da Península Ibérica nos leva ao período arcaico (4.000 millóns- 600 millóns) onde a única zona emerxida era a parte occidental (Galicia e puntos do Sistema Central e Montes de Toledo) nunha banda arqueada de terras emerxidas cunha orientación NW-SE, de lousas e gneiss, onde imos localizar o zócolo, a estrutura básica rochosa sobre a que se sostén a península. O rochedo máis antigo localizámolo no cabo Ortegal. Son rochas ultrabásicas. Estes relevos foron arrasados pola erosión e cubertos polos mares paleozoicos.

Na era paleozoica (600 millóns- 225 millóns) acontece a oroxenia Hercínica ou Varisca que ten unha enorme transcendencia para a Península pois emerxe unha enorme cordilleira que funciona como sutura coas terras que hoxe forman parte de América Norte. Estamos a referirnos a Panxea, un supercontinente que aparece hai 300 millóns de anos. Na península as terras emerxidas están inclinadas cara o leste. Os principais ríos verten as súas augas no mar de Tethys (antecedente do Mediterráneo). A cordilleira hercínica estaría formada por materiais de tipo silíceo: lousas, cuarcitas, granitos.

Durante a era Mesozoica (225 millóns- 68 millóns) estamos nun período de calma oroxénica. Os procesos erosivos crean potentes capas de sedimentos que se depositan no que hoxe é a parte oriental da península. Os relevos existentes son peniplanizados dando lugar ao zócolo hespérico, que se estende pola parte occidental da península, o macizo bético- rifeño, no sur, e o macizo catalano- balear, no leste. Estas zonas coinciden co dominio das rochas magmáticas e metamórficas e convertiranse nunhas áreas ríxidas que se fragmentarán en fallas e fracturas. Nesta etapa prodúcense transgresións e regresións mariñas. No borde oriental da Meseta vanse depositar as calcarias e as margas que logo darán lugar ao Sistema Ibérico. A zona do Pireneo e Béticas serán dúas foxas profundas onde se acumularían potentes espesores de sedimentos. A inicios da era mesozoica, cara os 200 millóns de anos, comeza a separación continental entre América e Europa creándose un rift. A parte occidental da península funcionará como unha zona de borde continental.

Na era Cenozoica (68 millóns- 1’7 millón) aparece o Océano Atlántico e, sobre todo, ten lugar unha nova oroxenia, a alpina. Este proceso de creación de montañas orixinado pola aproximación da placa africana e a euroasiática, dará lugar á aparición das Cordilleiras Béticas e os Pireneos. Os antigos macizos (Meseta española e o macizo Central francés, no caso dos Pireneos; meseta española e Macizo Bético- rifeño, para o caso das Cordilleiras Béticas) exercen de topes de prensa sobre os sedimentos depositados nas cuncas sedimentarias e emerxen unhas montañas xóvenes onde domina o rochedo calcáreo. Vencellado á oroxenia alpina tamén ten lugar a formación das Illas Baleares. As illas de Mallorca, Ibiza, Formentera e Cabrera son unha continuidade das cordilleiras Béticas. A illa de Menorca está vencellada ao macizo catalano balear.

Outras consecuencias deste paroxismo:

  • A basculación da Meseta cara o oeste, o que determina que os grandes ríos vertan as súas augas no Atlántico.
  • O rexuvenecemento dos relevos xa existentes, o que determina a aparición de montañas como o Sistema Central, fracturada en bloques nun bó exemplo de relevo xermánico, e a aparición do rebordes da Meseta (Cordilleira Cantábrica, Sistema Ibérico, Serra Morena).
  • Fenómenos de vulcanismo, en zonas de fallas, no Campo de Calatrava, Cabo de Gata e no Campo de Olot. 
 No Cenzoico é tamén o momento onde emerxen no Atlántico as Illas Canarias ligadas á placa africana. A península ofrece agora un conxunto de terras emerxidas máis amplo. Tan só quedan dous brazos de mar que se corresponden coas fosas prealpinas do Ebro e Guadalquivir. Estas depresións irán colmatándose cos sedimentos arrastrados polos ríos procedentes dos relevos montañosos que os arrodean. No caso do Ebro o tipo de sedimentación será de tipo continental, mentres que a depresión do Guadalquivir segue estando en proceso de colmatación como se pode comprobar no Parque Nacional de Doñana.

No cuaternario o máis relevante é o glaciarismo e o periglaciarismo que afectou á península. A nosa posición meridional na zona temperada fixo que o glaciarismo só sexa perceptible nos conxuntos montañosos máis elevados, como é o caso dos Pireneos. A creación de vales glaciares en forma de artesa, en U, coas súas morrenas, como depósitos de sedimentos glaciares a ambos lados son a pegada que nos deixou a sucesión de catro glaciacións. Un exemplo é o Parque de Ordesa, no Pireneo. Nos lugares onde as alturas son máis modestas, a pegada aparece en forma de glaciares de circo deixándonos lagos de orixe glaciares e un modelado do relevo nos cumios tallado pola acción do xeo e as baixas temperaturas. A sucesión do glaciarismo tamén pode verse nas terrazas dos principais ríos peninsulares.

No hay comentarios: