viernes, 4 de octubre de 2019

Mapa litolóxico de España

Práctica do tema do relevo para CIUG: O mapa litolóxico de España





Estamos ante un mapa de tipo temático, deseñado a base de coropletas, onde se localiza a
distribución dos diferentes dominios litolóxicos da Península Ibérica e as Illas Canarias.
Fundamentalmente podemos distinguir tres zonas: A silícea, a calcárea e a arxilosa. En
Canarias debemos destacar o rochedo volcánico.

Na zona silícea domina un rochedo de tipo magmático e metamórfico, aquel que se
corresponde cos zócolos peninsulares . Ocupa unha ampla superficie na parte occidental
da península, sobre o Macizo galaico, a parte occidental da Cordilleira Cantábrica, Montes
de León, o sector occidental da Meseta, a penichaira extremeña, o Sistema Central, os
Montes de Toledo e Serra Morena, é dicir, na área onde se localiza o antigo Macizo
Hespérico. Ocupando unha superficie notablemente inferior tamén podemos atopar este
tipo de rochedo no Pireneo axial, onde están as maiores alturas da cordilleira, e no sistema
Penibético, así como sectores da Cordilleira Costeiro Catalana. Nestes últimos casos o
paroxismo alpino proxectou cara o máis alto os materiais máis antigos do xeosinclinal onde
se foron acumulando os sedimentos que logo se pregarían para dar lugar á formación de
cadeas de pregamento.

Na zona silícea as rochas son magmáticas, como o granito de dúas micas,
metamórficas como as lousas, os xistos,o gneis e as cuarcitas. O feito de ser materiais
duros deriva na existencia de numerosas fracturas e fallas. Nesta área podemos localizar
exemplos de relevo xermánico, con horst e graben, como podemos ver no Sistema
Central, e exemplos de relevo apalachense coa exhumación de primitivos relevos
pregados como é o caso dos Montes de Toledo, a parte occidental da Cordilleira Cantábrica
e as serras orientais e surorientais do Macizo galaico. Nas zonas de dominio granítico a
erosión diferencial dá lugar a formas como son os domos, os tores ou castelos, os canchais,
as pedras cabaleiras, os taffinis e pias.

O rochedo calcário está localizado onde están as cadeas de pregamento , Pireneos,
Montes Vascos e Cordilleiras béticas, e os rebordes da Meseta como a parte oriental da
Cordilleira Cantábrica e o Sistema Ibérico. Este conxunto de unidades de relevo forman
unha Z invertida. Coincide cunha área onde houbo unha potente coberteira de sedimentos
mariños depositados nos mares mesozoicos que serían pregados no paroxismo alpino. No
caso do Sistema Ibérico ou na parte oriental da Cordilleira Cantábrica falamos dun reborde
montañoso da Meseta que en orixe funcionaría como un borde de cunca, mentres que no
caso do Pireneo e o Sistema Bético falamos dun xeosinclinal profundo. A rocha calcária é
de tipo sedimentario polo que ante un empurre tectónico compórtase como un material
plástico e acaba por pregarse. Nestas zonas podemos ollar exemplos de relevo xurásico
(cluses, combes, sinclinais colgados e anticlinais exhumados) e formas kársticas propias da
erosión diferencial. Esta rocha permeable e soluble á auga dá lugar a formas como
lapiaces, dolinas, poljés, simas, canóns, covas de estalacitas e estalagmitas, circulación
subterránea da auga con surxencias.

O rochedo arxiloso aparece nas cuncas sedimentarias da Meseta, onde cubre as zonas
afundidas do zócolo e percorridas polos ríos Duero, Tajo e Guadiana, e aparece, tamén,
nas depresións do Ebro e Guadalquivir. Esta rocha sedimentaria de gran moi fino cubre
esas áreas depresionarias, na era terciaria e cuaternaria, en época posterior ao paroxismo
alpino, dando lugar a un relevo plano, tabular de páramos e moas ou de suaves
ondulacións, caso da campiña andaluza. Facilmente erosionable, nas áreas áridas da
península, pode crear cárcavas . Cando a extensión afectada é moi ampla dá lugar a bad
lands .

Finalmente, nas Illas Canarias e en puntos da península como o Cabo de Gata, Campo de
Calatrava ( A Mancha) e no Campo de Olot aparece un rochedo volcánico vencellado á
actividade rexistrada na era terciaria. Campos de lava solidificada, os malpaíses, conos
volcánicos , campos de cinza e lapilli, caldeiras , cando o volcán sofre un desventramento
pola erosión, ou os diques, roques e pitóns de lava que quedan á vista pola acción da
erosión diferencial son o catálogo de formas do relevo volcánico. O rochedo varía dende as
cinzas e o lapilli, localizadas nos edificios volcánicos e nos arredores do volcán, os basaltos,
pumitas (a pedra pómez), dunitas, andesita, peridotitas entre outras

No hay comentarios: