martes, 19 de noviembre de 2019

Comentario do mapa de precipitación media anual



Estamos ante un mapa temático que mostra unhas isoliñas, neste caso isohietas, que delimitan puntos coa mesma precipitación que se cubren de cor. Como estamos ante unha serie de datos cuantitativos a cor azul vai do máis claro (valores de escasa precipitación) a unha cor azul moi intensa (valores de precipitación moi abundante).
Este mapa permite visualizar unha distribución da precipitación en España.
As zonas que teñen unha precipitación moi abundante están localizados nas áreas de montaña do norte peninsular (Pirineos, Cordilleira Cantábrica, Montes de León) e a fachada litoral do Cantábrico e Galicia. Fóra do ámbito do norte peninsular temos valores altos na zona occidental e máis elevada do Sistema Central e na Serranía de Ronda. 
O paso das frontes atlánticas, moi cargadas de humidade, é o responsable destes valores. Cando o anticiclón das Azores se alonxa da península, o norte de España está máis exposto a un roce do paso das frontes que traen o choque de aire de diferente natureza, tropical e polar.
Nas áreas de montaña, a altura obriga ás masas de aire húmido a ascender deixando toda a carga na aba de barlovento e proporcionando valores moi altos.
O parámetro comprendido entre os 600 e 900 mm está localizado nunha franxa de transición entre a fachada cantábrica e a Submeseta norte, na parte norte de Cataluña e áreas de montaña de menor elevación repartidas polos rebordes da Meseta.
O parámetro de 300- 600 mm é o que ocupa a maior superficie da península e se corresponde coas condicións pluviométricas do clima mediterráneo de interior e o mediterráneo de litoral. A disposición do relevo peninsular desgasta o paso das frontes cara o interior. A isto hai que engadirlle que o anticiclón das Azores ten unha maior presencia xerando estabilidade.Aquí a orixe das precipitacións varía. Na parte occidental, en Extremadura, é a advección do oeste a que trae unhas precipitacións máis numerosas que se van debilitando cara o leste. Na parte oriental é a precipitación equinoccial vencellada á gota fría a responsable deses valores medios. No val do Guadalquivir as precipitacións teñen moito que ver coa baixa do Golfo de Cádiz, que permite a chegada de aire tropical húmido. 
Por debaixo dos 300 mm estamos na España árida, na que as precipitacións son escasas e onde se rexistran catro ou cinco meses onde o valor dobre das temperaturas está por debaixo da precipitación media mensual. Estamos no sureste (Almería, Murcia, Alicante),unha área que queda marxinada do paso das frontes atlánticas e que ten o relevo moi próximo á costa impedindo que a cicloxénese do Mediettráneo progrese moito cara o interior.  Na depresión do Ebro e en puntos da provincia de Zamora, a disposición do relevo circundante impide de forma notable a caída das precipitacións.
En Canarias, a súa posición en latitude tropical determina as escasas precipitacións. Neste caso hai que falar dunha disimetría entre a cara norte das illas, expostas ao alisio húmido do NE, respecto da parte sur onde a aridez é extrema. A súa vez as illas máis próximas ao continente africano ( Lanzarote e Fuerteventura) son máis áridas que as illas máis occidentais (La Palma, Hierro). 
Así pois, a posición en latitude, a altitude, a disposición do relevo, a maior ou menor lonxanía do mar determinan a distribución das precipitacións.

No hay comentarios: