jueves, 7 de noviembre de 2019

Comentario do mapa de distribución das temperaturas medias anuais en España


Estamos ante un mapa temático que usa as cores para indicar uns parámetros de temperatura media anual, individualizando áreas con matices térmicos en España. As liñas representadas son isotermas, é dicir, aquelas que unen puntos coa mesma temperatura.
Na lenda, as cores azuis máis oscuras representan os valores térmicos máis baixos que se corresponden coas áreas montañosas coas maiores elevacións da península: Pirineos, Cordilleira Cantábrica, Montes de León, Sistema Central, Sistema Ibérico e as partes máis elevadas do Sistema Bético.
A cor azul celeste está localizada fundamentalmente na Submeseta Norte, Somontano pirenaico e o interior de Galicia.
A cor amarela está localizada na Submeseta Sur, na depresión do Ebro e no litoral cantábrico.
As cores vermellas están en relación coas áreas máis cálidas que se corresponden coas Illas Canarias, Baleares, Extremadura, o val do Guadalquivir, val do Ebro e litoral levantino. As Rías Baixas onde o grao de mediterraneidade é moi patente ten a cor salmón diferenciándose do que acontece no norte de Galicia.
Os territorios onde as temperaturas medias anuais son superiores a 15º están influidos por unha serie de factores. A súa posición meridional nunha península que xa ocupa unha posición meridional en Europa e na zona temperada fai que se vexa afectada con frecuencia polo anticiclón das Azores  que envía aire cálido tropical durante os meses de primavera e verán. No litoral levantino a proximidade ao mar Mediterráneo, un medio moi quente no verán, fai que as temperaturas sexan altas mentres que os seus invernos son suaves.
 As Illas Canarias ocupa unha posición en latitude moi próxima ao Trópico de Cáncer ten unhas temperaturas medias anuais elevadas, salvo nas zonas montañosas onde polo efecto da altura a media é máis baixa. 
Os territorios que teñen as temperaturas medias por debaixo dos 15º corresponden coas áreas do interior da península. A disposición do relevo peninsular que illa o interior da influencia moderadora a nivel térmico do océano e a altura media que presenta a Meseta Central explican as temperaturas por debaixo dos 15º. Os invernos son fríos e os veráns son cálidos polo que tamén aquí é onde se dan as maiores oscilacións térmicas da península. A maior altura media da Submeseta Norte e a súa posición en latitude máis septentrional explican a temperatura media máis baixa que a Submeseta Sur. Outra zona que presenta un grao evidente de continentalización é a Depresión do Ebro, moi pechado polos Pirineos, Sistema Ibérico e Cordilleira Costeiro Catalá, e as áreas onde se localiza o clima oceánico de transición. Aquí, a chegada das vagas de frío que acompañan á fronte polar endurecen os invernos e alonxa a influencia moderadora dos mares.

No hay comentarios: