sábado, 30 de mayo de 2020

Factores xeográficos e termodinámicos que inflúen no clima de España (tema das ABAU).

Os factores xeográficos que afectan ás temperaturas son:



A latitude: A Península Ibérica está situada na parte meridional da zona temperada próxima á influencia dos centros de acción tropical, con dúas estacións marcadas ( verán e inverno) e dúas intermedias ( primavera e outono). En Canarias, a súa latitude sobre o Trópico de Cáncer determina temperaturas cálidas todo o ano e a pouca oscilación térmica.
A disposición de terras e mares: A Península Ibérica está entre dous mares, o Atlántico e o Mediterráneo, e entre dous continentes, Europa e África, de características térmicas diferentes o que introduce variabilidade. As Illas Canarias, pola súa proximidade a África recibe o pó do Sahara, pero no lado norte está exposto á influencia do alisio do NE, fresco e hùmido.
A altitude: A maioría das terras están situadas a 600 m de media o que introduce unha certa crudeza nos invernos do interior da península por mor da diminución da temperatura 0'6 º cada 100 metros. Asemade hai variacións térmicas importantes entre as vertentes de solaina (expostas ao sur) respecto das de umbría (orientada ao norte)
A disposición do relevo: A forma maciza da Península, a súa anchura e a disposición dos sistemas montañosos, paralelos á costa, impide a chegada ata o interior da influencia mariña que atempera as diferencias térmicas. Hai un forte rasgo continental.

Pola contra, nos dous arquipiélagos a influencia marítima é obvia. 



Os factores xeográficos que afectan ás precipitacións son:



A latitude: No verán, a nosa situación latitudinal está lonxe da traxectoria zonal do Jet Stream. Pola contra a acción do centro de alta presión tropical das Azores introduce un tempo seco e soleado. No inverno, a perda de forza do Jet Stream ou o seu descenso en latitude por mor do balanceo estacional, permite o paso das frontes atlánticas ou a chegada de masas de aire procedente doutras latitudes.
A disposición de terras e mares: O Mediterráneo quéntase moito no verán propiciando unha cicloxénese propia que se traduce nunha baixa presión no Golfo de León no outono que proporciona chuvias torrenciais e frecuentes desbordamentos.

A disposición do relevo impide que a influencia das borrascas atlánticas poida entrar ao interior da península polo que a cantidade de precipitación vai diminuindo cara o leste, en especial, cara o surleste español que rexistra unha notable aridez. Ademais imos ver unha disimetria de vertentes na cantidade de precipitación caída nas abas situadas ao oeste (barlovento) respecto das situadas ao leste (sotavento), máis resgardadas dos ventos húmidos do oeste.



Os factores termodinámicos:




As masas de aire xorden naquelas rexións onde o aire permanece estable e adquire unhas caraterísticas determinadas de temperatura, humidade e presión. Loxicamente, será alí onde hai altas presións, nos trópicos ou nos polos, onde estará a orixe das masas de aire que se nos achegan ás nosas latitudes atraídas pola área de baixas presións dominantes en latitudes temperadas. Cando esas masas de aire frías polares descenden en latitude van quentándose pola base polo que se inestabilizan. Pola contra, as masas de aire quente cando ascenden en latitude van enfriándose e resecándose. 
As masas de aire que, en orixe húmidas, atravesan unha área continental van resecándose, mentres que unha masa de aire seca ao atravesar un océano humedécese  

As masas de aire que afectan á Península son :

- Polar  marítimo (fría e húmida) de procedencia atlántica e Polar continental (fría e seca) de procedencia centroeuropea
- Tropical marítimo (cálida e húmida) do Atlántico e Tropical continental (cálida e seca) de procedencia africana.

- Ártico marítimo e Ártico continental. Estas masas de aire afectan de forma ocasional propiciadas por unha traxectoria moi ondulante do Jet Stream que facilita o descenso de vagas de frío.


Os centros de acción son áreas de altas e baixas presións. A presión atmosférica é o peso do aire sobre unha unidade de superficie. Mídese en milibares (mb). A presión normal é de 1013,5 mb, aínda que nos mapas do tempo adoite considerarse un valor de 1016 mb.

Unha alta presión ou anticiclón é unha zona de altas presións rodeada por outras de presión máis baixa. Como estamos no Hemisferio Norte, os ventos circulan no sentido das agullas do reloxo. O aire descende producindo tempo estable. 
Unha baixa presión, depresión, borrasca ou ciclón é unha zona de baixas presións rodeada doutras de presión máis alta. O aire aquí ascende e xira no sentido contrario ás agullas do reloxo. Ao ascender produce tempo inestable.

Os centros de acción poden ser dinámicos ou térmicos

Os centros de acción dinámicos teñen un carácter permanente e a presión tanto en superficie como en altura manteñen esa característica de alta ou de baixa presión:
  • O anticiclón das Azores: alta presión tropical que se sitúa en verán ao oeste da P.I. impedindo a afectación das pertubacións atlánticas. Tempo soleado e caluroso. Coincide cunha cresta do Jet Stream e funciona como unha cuña 
  • Os anticiclóns polares atlánticos.
  • A depresión de Islandia: Envía aire polar marítimo que ao chocar co aire quente tropical dá lugar aos sistemas frontais de precipitacións que actúan no outono e no inverno.Coincide en altura coa traxectoria do Jet Stream
Os centros de acción térmicos: Relacionados con situacións moi estables do aire en contacto moito tempo cunha superficie quente ou fría. A presión en superficie e en altura son diferentes, mentres en superficie hai unha alta presión térmica, en altura convértese nunha baixa ou ao revés:
  • Anticiclón térmico centroeuropeo: Aparece en inverno con tempo seco e soleado, pero con frío intenso.O aire en contacto coa superficie xeada do continente europeo pesa, está a máis presión e descende. O mesmo pasa co anticilón térmico que aparece en inverno sobre a Meseta que dá lugar ás xeadas e ás néboas de irradiación no interior peninsular e nas cuncas fluviais.
  • Depresión sahariana: Formada no verán. Tempo moi cálido e seco.  O aire aquí, en contacto cunha superficie quente, pesa menos e ascende, creando unha situación de baixa presión. Dá lugar as calimas e ás vagas de calor con treboadas no interior peninsular.
  • Depresión no Golfo de Xénova que acontece ao remate do verán nun Mediterráneo moi quente
A traxectoria do Jet Stream. Corrente que discorre entre os 9 e os 11 km de altura e que separa as altas presións subtropicais das baixas presións polares ou, o que é o mesmo, o aire frío polar  do aire quente tropical. Corrente que describe un trazado zonal de oeste a leste a máis de 300 km/h. As veces, ao perder velocidade (150km/h) ondúlase, dando lugar á baixada de aire frío a latitudes moi meridionais (valgadas) e ao ascenso de aire quente a latitudes septentrionais (crestas ou dorsais).
Se o aire frío quedara estrangulado, embolsado en altura, tería lugar o fenómeno da gota fría ou DANA que se traduce en intensas precipitacións. Moitas veces ese fenómeno aparece localizado no Levante español, en outono, cando o Mediterráneo está quente polo calor do verán. Desa diferencia de temperatura entre a superficie e a altura, ten lugar un período de intensas precipitacións que produce desbordamentos de ríos e inundacións.  


A fronte polar. Unha superficie que separa dúas masas de aire de diferente natureza que chocan producindo unha fronte de perturbacións. Primeiro chega a fronte cálida que se manifesta cun ceo cheo de nubes e orballo. Despois chega a fronte fría que despraza o aire quente dando lugar a chuvias máis fortes e unha baixada das temperaturas. O paso das frontes en superficie ten unha correspondencia en altura coa traxectoria en altura do Jet Stream, de forma que, no inverno, cando a súa traxectoria é zonal e máis ao sur do habitual entran as frontes do Atlántico sen oposición sobre a Península 

No hay comentarios: