sábado, 30 de mayo de 2020

Modelado granítico


O granito é unha rocha magmática, ígnea, formada por feldespato, cuarzo e mica. Os batolitos graníticos fórmanse en profundidade, pero preto da superficie terrestre en cámaras magmáticas que van enfriando lentamente o magma ascendente de menor densidade. Nese proceso prodúcese unha cristalización que, en función da rapidez ou lentitude do enfriamento, dá lugar a cristais de menor ou maior tamaño.
En España, o granito aparece na área silícea. Estamos a falar dun rochedo formado na era paleozoica e ligado ao magmatismo da colisión continental do que nos queda a consolidación do zócolo na parte occidental da península (300 millóns de anos). Despois da peniplanización dos relevos existentes foi aparecendo esta rocha. Nese proceso de enfriamento e descompresión prodúcense fendas na propia rocha denominadas diaclasas. Se as diaclasas son horizontais, en paralelo coa superficie o granito experimenta unha exfoliación creando os domos, que son montículos de formas suaves e redondeadas. Se as diaclasas forman unha rede ortogonal van desprendéndose bolas de granito que acaban por dispersarse polo chan nos denominados pedregais. Se ese proceso acontece en alta montaña esas pedreiras presentan forman angulosas por mor da acción do xeo. Se aínda están en pé forman os denominados castelos ou tores. As veces créanse as pedras cabaleiras onde unha rocha está nun equilibrio precario con outra por desaparición de todo o material que as rodeaba.
O granito exposto aos procesos erosivos (meteorización) experimenta mudanzas derivados da hidrólese. Esta meteorización química causada pola auga acaba por disolver o granito creando oquedades e  formas caprichosas nas paredes verticais da rocha, son os taffonis. Se ese proceso ten lugar na parte superior da rocha, paralela á superficie, aparecen as chamadas pias, unhas pequenas depresións redondeadas que pouco a pouco van agrandándose.
O granito nun clima temperado é unha rocha dura, pero en condicións de temperaturas altas todo o ano con precipitacións abundantes, como acontece nos climas tropicais, acaba por ser unha rocha máis branda que se disolve. Esas condicións son as que tivemos aquí nun pasado xeolóxico e determina a meteorización do granito que se converte en area pardoamarelenta ao separase os minerais que o compoñen.

No hay comentarios: