lunes, 8 de junio de 2020

Comentario da cliserie dos Pirineos



Unha cliserie é o escalonamento da vexetación coa altura. Sabemos que a medida de ascendemos  diminúe a temperatura polo que vai haber especies que non serán capaces de resistir o frío limitando o seu desenvolvemento ata non ser capaz de sobrepasar unha determinada altura. Esa sucesión de especies máis resistentes ao frío e á maior humidade propio da vertente de umbría non ten porque ser igual ao que acontece na vertente de solaina. Así pois dependendo do tipo de vertente ( barlovanto/sotavento ou avesedo/ solaina) podemos atopar diferenzas de especies e de desenvolvementos bioxeográficos.
Os Pirineos son unhas cadeas de pregamento de tipo alpino que se estenden uns 400 km dende o Cantábrico ata o Mediterráneo. Será importante ver o tipo de especies que se dan entre o lado norte e sur, así como a sucesión de especies por diferentes condicións de humidade e temperatura en función dos pisos: basal, montano, subalpino e alpino.
Comezamos pois polo piso basal (ata os 900-1200m). No Pirineo, na aba de solaina, nese nivel, atopamos especies mediterráneas como a aciñeira e a matogueira propia dese bioma ( xaras, tomiño, xestas..). Na aba de avesedo podemos atopar carballos. A medida que ascendemos as especies mediterráneas de folla perenne e coriáceas van ser substituidas por rebolos, caxigos e carballos, é dicir, árbores de folla caduca, máis afeitos a unhas condicións máis rigorosas de temperatura e humidade. No esquema gráfico podemos ver que os carballos chegan máis alto na vertente de solaina ( ata os 1200m) que na de avesedo. O carballo é unha especie que resiste mal o frío húmido, por isto a partir dos 800 metros xa comeza o seguinte piso montano con especies máis resistentes como as faias

No piso subalpino aparece o piñeiro albar que se estende dende os 900 m ata os 1300 metros na zona de avesedo, pero que pode chegar ata os 1900 m na de solaina. As faias, citadas anteriormente, poden chegar ata os 1600 m. na aba de avesedo. Esta árbore resistente ao frío húmido está moi estendida nos solos calcarios e comparte a aba cos abetos formando bosques mestos. Os abetos chegan máis arriba, ata os 2000 metros. Mentres na aba de solaina a esas alturas de 2000 metros só chegan os piñeiros negros. Estamos nun piso onde, a medida que ascendemos, son as coníferas as que van resistindo as frías temperaturas
No piso alpino, a partir dos 2400-2500 m se estenden os prados. Dominio da vexetación herbácea que pasan gran parte do ano cubertos de neve. Nos 3000 m só aparecen plantas rupícolas protexidas nas oquedades das rochas

 

No hay comentarios: