lunes, 8 de junio de 2020

Comentario da cliserie do Teide



O Teide, a maior altura de España con 3718 m, é un volcán emerxido na illa de Tenerife. A sucesión de pisos de vexetación coa altura é o que denominamos cliserie. Esa disposición de especies varía en función das condicións térmicas e de humidade que podemos atopar coa altura, a exposición aos ventos alisios do NE e a exposición ao sol.
En todas as Illas Canarias hai unha disimetría entre a fachada de barlovento (norte das illas), máis húmida e fresca, que dá lugar a unha vexetación termófila e densa de especies endémicas e reliquias, fronte ao lado de sotavento (sur das illas) máis áridas e calurososas. 

A vexetación canaria pertence á biorexión macaronésica, condicionada pola súa localización en latitude tropical e a proximidade a África. Hai unha combinación de especies de tipo tropical, atlánticas e mediterráneas. En xeral, falamos dunha vexetación xerófila mesturada cunha vexetación propia da característica de insularidade das Canarias e especies que atoparon aquí un refuxio apropiado, retrotraéndonos a ambientes paleoclimáticos.

Vendo o esquema gráfico que se nos propón podemos distinguir varios pisos:
No piso basal (ata os 500 metros de altitud) podemos atoparnos con especies como a tabaiba ou os cardóns, plantas xerófilas que substitúen as follas por espiñas e tallos carnosos. Tamén podemos atoparnos plantas halófilas nas áreas de solos salgados. Un exemplo pode ser o tamarindo.
No piso montano (entre os 500 e os 1000 m. de altitude) aparecen especies como o  drago, a palmeira canaria, o faial canario e a sabina endémica xunto a especies mediterráneas como o lentisco.
No piso termocanario (entre os 800 e 1200 metros) domina o bosque de laurisilva, un bosque termófilo, de temperaturas suaves, xerado polo denominado "mar de nubes", unha néboa que se sitúa a esa altura e no lado norte das illas pola acción do alisio húmido e fresco do NE. As especies que podemos localizar aquí son os loureiros ou os tilos canarios, especies que necesitan temperaturas suaves e abundante precipitación.
No piso mesocanario (entre os 1200 e os 2000 metros), unha vez superado o "mar de nubes" domina o piñeiro canario, unha especie de conífera pirófita propia das illas, de madeira apreciada e obxecto de repoboación forestal. A matogueira neste piso está representada por numerosas especies mediterráneas, como xestas, xaras ou tomiños.
No piso supracanario (a partir dos 2000 m ) desaparece a vexetación arbórea para ser substituida por unha matogueira formada por xestas e especies rupícolas endémicas que medran entre as rochas como a violeta do Teide.

No hay comentarios: