martes, 30 de junio de 2020

Práctica das ABAU sobre os factores de localización industrial e o proceso de industrialización

Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 5 puntos):
a) Indique as provincias con refinarías sinaladas na figura 1 cos números do 1 ao 5 (1 punto).
b) Identifique e describa a información representada en todas as figuras e sinale os elementos naturais e
humanos que aparecen na figura 2 (1 punto).
c) Explique os factores de localización do espazo industrial reflectido nas imaxes (1,5 puntos).
d) Comente a transformación producida neste espazo (1,5 puntos).


Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 5 puntos):
a) Indique as provincias con refinarías sinaladas na figura 1 cos números do 1 ao 5 (1 punto).
1. Biscaia.
2. Huelva.
3. Cidade Real.
4. Castellón.
5. Santa Cruz de Tenerife.

b) Identifique e describa a información representada en todas as figuras e sinale os elementos naturais e humanos que aparecen na figura 2 (1 punto).
A figura 1 é un mapa político con división provincial que presenta 5 provincias nas que están instaladas distintas refinerías.
A figura 2 é unha fotografía aérea do espazo correspondente á refinería de Tarragona en 1966, na época do “desarrollismo”.
A figura 3 presenta unha fotografía aérea da refinería de Tarragona nos tempos actuais, con maior presenza das instalacións industriais no conxunto do espazo.
No tocante aos elementos naturais e humanos e tendo en conta que se trata da localización costeira da refinaría en Tarragona pódese apuntar que se trataba naquel intre dun espazo mediterráneo costeiro en transformación cunha incipiente urbanización e industrialización (apréciase a refinaría en construción, a apertura de vías anchas para a urbanización) entrando en conflito coa vexetación rala, de matogueira, propia deste ámbito climático, tendente á aridez, así como cos cultivos e hábitat tradicional, que acabarán por desaparecer por converterse nun proceso relativamente acelerado nun espazo dominado por unha clara compoñente industrial, tal e como se pode apreciar na imaxe actual.
c) Explique os factores de localización do espazo industrial reflectido nas imaxes (1,5 puntos).
Os factores de localización industrial que inflúen na localización da refinería deTarragona inclúen:
- As comunicacións: a litoralización da industria é un fenómeno contemporáneo, e mais no caso de industrias que son abastecidas por petroleiros que traen de áreas produtivas exteriores a meirande parte do petróleo que se utiliza como materia prima para a produción de derivados.
- A abundancia de man de obra, dado que a concentración de poboación no litoral é produto dunha evolución demográfica desde o século XVIII, e ten como consecuencia unha importancia notable dos efectivos no litoral mediterráneo.
- A acción do Estado e doutras administracións, xa que foi a época do “desarrollismo” a de maior implantación de polígonos industriais en diversas áreas do territorio peninsular, co obxectivo de espallar a difusión industrial.
- O mercado, xa que é o “Y” español (val do Ebro e litoral mediterráneo) o que concentra a maior cantidade de actividades industriais nos tempos recentes.
Trátase dunha concentración demográfica e económica de importancia significativa.
- A presenza de capital nunha rexión desenvolvida a nivel económico como Cataluña. O capital facilita a creación de instalacións industriais diversificadas.
d) Comente a transformación producida neste espazo (1,5 puntos).
O complexo da refinería de Tarragona evolucionou significativamente nos últimos 50 anos:
- Incrementouse de xeito notable o tamaño das instalacións industriais, consecuencia da economía de escala que integra empresas complementarias e implica crecemento da potencia instalada. Este feito foi particularmente relevante no caso de Cataluña, que coñeceu un importante despegue industrial.
- Desapareceu a meirande parte do espazo agrario preexistente, o que é consecuencia dun cambio xeneralizado dos usos do solo.
- Incrementouse o consumo enerxético e contaminación lumínica, como consecuencia da ampliación das instalacións industriais.
- O consumo enerxético español, moi dependente das importacións de petróleo do exterior, modifica amplamente as paisaxes de moitas cidades litorais por mor da instalación de espazos de refino que precisan de amplos espazos. A meirande parte do petróleo procede de importacións marítimas
procedentes de México, Nixeria e países de Oriente Medio, e por iso a localización privilexia como centros de instalación preferentes de refinarías espazos litorais tanto do mediterráneos como atlánticos.
- Incremento da contaminación atmosférica, das augas costeiras próximas e lumínica, co conseguinte prexuízo para os residentes nun amplo raio dende a refinaría e para a conservación de determinados ecosistemas naturais.

No hay comentarios: