Na actualidade, moitas
actividades humanas levan consigo grandes e graves consecuencias non desexadas,
especialmente sobre o medio: a contaminación e o quentamento global quizais
sexan dúas das máis preocupantes, por esta razón ás veces é necesario realizar
avaliacións de impacto ambiental.
A contaminación é unha das maiores e máis
negativas consecuencias ambientais e sociais que
teñen as actividades humanas. Supón a introdución, nun medio calquera, dunha
substancia en cantidade abonda como para provocar algún dano ou desequilibrio,
irreversible ou non, e que pode ser prexudicial para a saúde, para a seguridade ou o
benestar da poboación ou para a vida vexetal ou animal.
A contaminación clasificase
segundo os medios aos que afecta:
‐ Contaminación atmosférica.
Os principais contaminantes (en especial o dióxido de carbono) proceden
de procesos de combustión en actividades de transporte, industrias,
xeración de enerxía eléctrica e calefacción doméstica, así como da evaporación de disolventes
orgánicos e das emisións de gases, que orixinaron un buraco na capa de ozono.
‐ Contaminación da auga.
Xeralmente a contaminación de ríos, mares e augas subterráneas provén de
verteduras e refugallos industriais (con presenza de metais e de augas con elevada
temperatura) así como de augas residuais non tratadas procedentes do saneamento de
vilas e cidades.
‐ Contaminación do solo.
Aparece logo da aplicación de insecticidas, por filtracións ou roturas de
canalizacións de augas residuais e produtos industriais.
A contaminación tamén se pode
clasificar en función do método contaminante ambiental. Así, podemos
distinguir entre:
‐ Contaminación química.
Significa a introdución de substancias potencialmente perigosas para a saúde e para
o ámbito da terra, nos alimentos, no aire ou na auga.
‐ Contaminación radioactiva.
Derivada da dispersión de materiais radioactivos, como o uranio enriquecido,
usados en instalacións médicas ou de investigación, en reactores nucleares de centrais
enerxéticas, en probas atómicas.
‐ Contaminación acústica. É a
contaminación debida ao ruído, ao son excesivo ou molesto provocado polas
fábricas, os medios de transporte ou certas actividades de lecer.
‐ Contaminación térmica. Ten
lugar no momento en que un proceso vén modificar a temperatura do
medio de forma prexudicial, por exemplo debido á vertedura de auga quente nun
río: o incremento da temperatura diminúe a solubilidade do osíxeno na
auga, polo que pode provocar unha gran mortaldade de peixes.
‐ Contaminación
electromagnética. É a producida a partir das radiacións xeradas por equipos
electrónicos e por instalacións eléctricas.
‐ Contaminación luminosa.
Refírese ao resplandor de luz difundido no ceo nocturno e producido pola luz
artificial procedente das cidades, dos vehículos e doutras infraestruturas.
‐ Contaminación visual.
Prodúcese cando a abundancia, a desorde ou o tipo de elementos que se achan na
paisaxe deterioran a súa estética.
O quentamento global é o aumento da temperatura
media da Terra desde que temos rexistros de
temperaturas (metade do século XIX). Este aumento sitúase, para este século, entre os 0,3 a
1,7ºC , ata os 2,6 a 4,8ºC, dependendo dos escenarios previstos. Para os
científicos é “extremadamente probable que a influencia humana teña sido a causa dominante
do quentamento observado desde a metade do século XX”.
Falaríamos dun cambio
climático motivado pola influencia humana e a intensidade das accións que producen o
incremento da emisión de gases de efecto invernadoiro como dióxido de carbono, metano e
outros. Os efectos do quentamento poden provocar subida do nivel do mar,
cambios nas precipitacións e expansión dos desertos. Outros efectos probables inclúen
fenómenos meteorolóxicos extremos máis frecuentes coma vagas de calor, secas, e
chuvias torrenciais.
Entre os principais causantes
do quecemento global cabe citar:
‐ O efecto invernadoiro: A
enerxía solar quenta o solo terrestre, que devolve unha parte (un 37,5%) desa
enerxía ao espazo exterior mentres que o resto é retido polos gases das capas
superiores da atmosfera, producindo o seu quentamento. É o que se chama efecto
invernadoiro xa que funciona igual que os cristais dun invernadoiro de xardinaría
pero esta vez desenvolvéndose de forma natural: de aí o nome e o paralelismo.
O preocupante é que nos
últimos tempos a proporción dos gases que provocan este efecto (CO2, metano, entre outros) elevouse enormemente de xeito que impide que saia ao espazo exterior
parte da enerxía que emite a superficie da Terra. Como consecuencia, elévase a
temperatura da atmosfera, empezando así un proceso de quentamento global e de
cambio climático antropoxénico.
O aumento global da
temperatura ten un efecto directo nos océanos. Desde o ano 1960 a temperatura media
dos océanos aumentou 0,1ºC, pero as augas do océano Antártico fixérono en 0,2ºC.
Iso, unido ao aumento da temperatura do aire, fai que se provoque o desxeo de grandes
placas xeadas nas zonas ártica e antártica, así como tamén o retroceso e
desaparición, nalgúns casos, dos glaciares terrestres.
A chamada pegada ecolóxica é un indicador de
sustentabilidade que resume, para cada individuo, cal é a
área necesaria para producir os recursos que utiliza e para asimilar os refugallos que
xera. O seu obxectivo consiste en avaliar o impacto sobre o planeta nun determinado modo
de vida.
A biocapacidade do planeta
por cada habitante estimouse en 1,8 ha, ou o que é o mesmo, se tivésemos que
repartir o terreo produtivo da Terra en partes iguais, a cada un dos 7.000 millóns de
habitantes, corresponderíanlles 1,8 ha para satisfacer toas as súas necesidades
durante un ano. Malia o anterior, cada ser humano está gastando a cantidade de 2,23
ha, polo que, a nivel global, se consomen máis recursos e se xeran máis refugallos dos
que o planeta pode xerar e admitir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario