martes, 8 de octubre de 2019

Exemplo de comentario do mapa topográfico


O mapa topográfico que vemos corresponde ao Espazo Natural da Fuentona nas proximidades dos Picos de Urbión, no Sistema Ibérico, na provincia de Soria. A escala do mapa é de 1:25.000 polo que as curvas van de 10 en 10 metros e cada 50 metros debuxa unha curva mestra.

O relevo da folla ofrece un contraste moi potente entre a escasa pendente, visible na maior parte da superficie representada, fronte ao encaixamento dos cursos fluviais de pouca entidade que van erosionando o relevo existente. En especial, chama a atención no centro da folla onde vemos o nacemento do río Avión. Os ríos entállanse con facilidade por canto estamos nunha área da España calcária onde son frecuentes as formas do relevo kárstico. Deste xeito podemos ollar a aparición dun manancial de auga que agroma á superficie e dá orixe ao río Avión. Este río parte en dirección sur abríndose paso a base de sobreexcavar o seu curso sobre as rochas calcárias. Entre o dorso dos páramos ou altiplanicies dominantes na folla, que a propia toponimia da zona denomina Los LLanos, percorrida pola curva de nivel dos 1.100 metros, ata o fondo do potente talude hai un desnivel de 100 metros de diferencia. 

As maiores alturas da folla atópanse na cota denominada Umbriazo, a 1109 metros, mentres que as menores alturas están no propio curso do río Avión a 1000 metros de altura. Isto orixina unha forte pendente de paredes moi verticais como un canón, unha das formas do relevo frecuentes sobre o rochedo calcário que, sendo permeable, por procesos de disolución acaba por excavar fouces ou canóns. Nas zonas kársticas son frecuentes tamén a aparición de manaciais que, despois de percorrer distancias baixo a superficie xurden ao exterior ao atoparse cunha rocha impermeable que a obriga a saír. 

Na parte chaira de menor altura está localizado o núcleo de Muriel de la Fuente e a única vía de comunicación representada. A zona chaira máis próxima ao río denomínase La Vega, facendo alusión á superficie de sedimentación do río que adoita ser moi fértil e que no caso de crecida serve de chaira de inundación. Este tipo de espazos son ocupados polas terras de labor.

No hay comentarios: