martes, 5 de noviembre de 2019

Comentario do mapa do tempo en superficie: Advección do Oeste


Temos dous mapas, un sinóptico de superficie e outro de altura,correspondentes ao 13 de febreiro de 1979, que recollen unha situación frecuente no inverno que é o fluxo advectivo do oeste que imos comentar a continuación.
No mapa de superficie vemos que hai un anticiclón moi alonxado da península, na latitude das Illas Canarias, mentres que ao sur de Islandia e  ao oeste das Illas Británicas hai uns centros de baixas presións bastante profundos que teñen asociados unha serie de frontes fríos que afectan de cheo á península. Un desas frontes frías xa rebasou o país e outra está a piques de chegar polo oeste. Podemos ver tamén que o aire frío está desprazando ao aire cálido aparecendo o símbolo de fronte ocluída. As isobaras están bastante xuntas o que indica que o gradente de presión é notable polo que deducimos que o vento circulará a bastante velocidade.

Tendo en conta esta situación, o aire que chega á península procede do oeste, do Atlántico, cargado de humidade, polo que as precipitacións serán notables en todo o país. Dada a disposición do relevo peninsular non hai ningún obstáculo orográfico que limite a acción das frontes polo que a inestabilidade e as abundantes precipitacións están garantidas para toda a superficie peninsular, se ben serán na parte oeste onde se recollan máis litros por metro cadrado.
Se observamos o mapa de altura, que busca a topografía dos 500 mb, vemos que as isohipsas, que delatan o paso do Jet stream, están localizadas sobre a península nun fluxo de tipo zonal que facilita a chegada de sucesivas frontes. O jet stream separa o aire frío polar do aire quente tropical. Neste caso a inestabilidade que provoca o seu paso confirma a situación sinóptica de superficie onde hai practicamente un calco do acontecido en altura.
O resultado da advección do oeste é un tempo húmido, con abundantes precipitacións, sostidas durante bastantes días, con inestabilidade xeneralizada en todo o territorio. Unha masa de aire polar marítima é a causante deste tempo. As Illas Canarias estarían a salvo pola localización do anticiclón na súa latitude.

No hay comentarios: