martes, 2 de junio de 2020

Tema da ABAU: Situación actual da industria en España: os problemas estruturais (dimensión, I+D+i, tecnoloxía), tendencias recentes da industria en España: globalización e deslocalización.


España é un país integrado no conxunto dos países industriais do mundo. Mais o desenvolvemento da actividade industrial en España non acadou un nivel notable ata a segunda metade do século XX. A crise industrial de 1973‐1974, que evidenciou a necesidade de cambiar os sistemas de produción, coincidiu coa revolución tecnolóxico‐informática ou terceira revolución industrial.

Desenvolveuse unha nova etapa denominada postindustrial ou informacional, que deu lugar a novos modelos de empresas cunha importancia crecente das novas tecnoloxías, a innovación e a investigación. O ingreso de España na Unión Europea (a partir de 1986) supuxo o final do proteccionismo e a apertura do mercado á competencia exterior, que ten provocado unha reconversión industrial e peche de moitas industrias non competitivas.

a) Problemas estruturais (dimensión, I+D+i, tecnoloxía).

A industria española presenta diversos problemas estruturais que afectan negativamente á súa competitividade fronte á economía europea e global:

Existe un escaso número de grandes empresas.

• A produtividade industrial é inferior á da Unión Europea.

• O nivel de intensidade tecnolóxica é baixo, e a porcentaxe de investimento en I+D é insuficiente.

Todo isto provoca unha balanza tecnolóxica deficitaria: as principais empresas de automóbiles, maquinaria eléctrica, aparellos electrodomésticos e produtos farmacéuticos fabrican con patentes estranxeiras, que son un enorme gasto para España que debe pagar pola súa aplicación.

b) Tendencias recentes da industria en España: globalización e deslocalización.

A industria tivo un ritmo positivo de crecemento de vendas, produción e demanda, aínda que vai perdendo importancia dentro do conxunto de actividades económicas a causa da terciarización xeral da economía e do emprego.

A crise financeira de 2007, xurdida inicialmente nos Estados Unidos, afectou posteriormente a toda a economía mundial. Na Unión Europea iniciouse unha tendencia xeral á baixa, que en España reflectiuse nunha recesión da carteira de pedidos, un aumento dos stocks e unha desaceleración do emprego.

A incorporación de novos países á UE afectou á industria española por diversos motivos: estes países gozan dunha maior proximidade ao grande eixe industrial europeo que constitúen os países nórdicos, Alemaña e o norte de Italia; ademais, a estrutura produtiva é semellante á española, a man de obra máis barata, e a súa produtividade e cualificación en alta tecnoloxía, maior. Así mesmo, o investimento de capital estranxeiro permitiulles a implantación de empresas de alta tecnoloxía, co que aumentou o seu potencial industrial dentro da UE.

Un dos sectores da industria española máis afectados é o dos automóbiles, no que España mantivo un bo ritmo de exportacións; o sector está dominado por empresas de capital estranxeiro que poden deslocalizar as industrias na procura de menores custos.

O actual tecido industrial español estase a incorporar á globalización económicade maneira que as nosas zonas industriais se configuran como puntos dunha rede de produción a nivel mundial. Nunha economía globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado; disto derívanse as causas da deslocalización: a busca de menores custos laborais, esixencias medioambientais e de mellores condicións fiscais e técnicas. Por esta razón, as empresas se trasladan a lugares como o Leste de Europa, Sueste asiático, China... As consecuencias das deslocalizacións son o incremento da taxa de paro e a perda de emprego no sector secundario, que tende cada vez máis a terciarizarse.


No hay comentarios: