martes, 2 de junio de 2020

Temas das ABAU: Transformacións recentes na estrutura agropecuaria española: as explotacións agrarias, técnicas e sistemas agrarios, Política Agrícola Común.


O espazo rural é o territorio non urbanizado da superficie terrestre. Tradicionalmente foi un espazo agrario onde se desenvolvían as actividades agrícolas, gandeiras e forestais. Non obstante, desde a década de 1970, introducíronse outras actividades (residenciais, industriais, de servizos, recreativas e paisaxístico-conservacionistas) e o espazo rural volveuse máis heteroxéneo e complexo.
a) As explotacións agrarias
Unha explotación agraria é unha unidade económica que agrupa todas as parcelas traballadas por un mesmo agricultor ou gandeiro, xunto ás instalacións complementarias. En España contabilízanse hoxe un pouco máis de 900.000 de explotacións agrarias, cifra moi inferior a décadas anteriores debido ao abandono de terras polos que se xubilaron, emigraron ou cambiaron de actividade e tamén como resultado dun proceso de concentración de parte desas terras o que permitiu o aumento do seu tamaño medio. No 2021, o tamaño medio da explotación agraria era de 44 ha. A superficie agraria útil (SAU) confórmano case 24 millóns de ha. A superficie media de SAU é de 26 ha.
Existen fortes contrastes, unha dualidade cada vez maior entre unhas explotacións familiares moi pequenas e pouco rendibles, en progresivo abandono ou traballadas só a tempo parcial cunha baixa produtividade e unhas empresas agrarias, de particulares, sociedades ou cooperativas, que teñen maior dimensión, estanse modernizando e son rendibles.
Tamén existen importantes diferenzas rexionais en canto ao tamaño medio das explotacións agrarias. Domina a pequena explotación (menos de 10 ha.), o 67% das explotacións, pero tan só representa un 8'5% da superficie agraria útil. Localizámola no noroeste e norte peninsular, as rexións húmidas de especialización gandeira, xunto aos regadíos do litoral mediterráneo de Levante a Andalucía oriental. Así pois, oscila dende o minifundio tradicional de baixa produtividade ata o mundo da horta intensiva e moi produtiva. Dende os anos 50 foi obxecto dun proceso de concentración parcelaria tentando reunir o parcelario disperso da explotación nun terreo de tamaño que permita rendabilizar os investimentos. .

A grande explotación (máis de 100 ha.) afecta ao 5% das explotacións, pero ocupa ao 55% da superficie agraria. 
Predomina no interior e no sur peninsular e son latifundios adicados aos cultivos extensivos e de secaño ou devesas.
O resto das explotacións son de tipo medio e as localizamos en Cataluña, Aragón, Navarra e A Rioxa.
O réxime de tenza dominante é o directo( o 73%)
onde o propietario e o cutivador son a mesma persoa. Nas tres últimas décadas aumentou a explotación indirecta con contrato de arrendamento (18%) fronte ao de parcería(9%) que tende a desaparecer

Un medio para conseguir explotacións agrarias rendibles de dimensión suficiente foi a creación de cooperativas (arredor de 4.000 e 45% da produción). Predominan as dedicadas a transformar os produtos e comercializalos.  

b) Técnicas e sistemas agrarios
As técnicas e os sistemas agrarios experimentaron cambios desde a década de 1960. As transformacións técnicas consistiron na incorporación de avances como a mecanización de tarefas, a selección xenética das sementes e razas gandeiras, ou o uso de fertilizantes químicos e produtos fitosanitarios.
As transformacións nos sistemas agrarios supuxeron unha crecente intensificación da produción e un paralelo aumento do rendementos. A agricultura española actual coñeceu un intenso proceso de modernización, o que permitiu elevar a súa eficiencia. As transformacións máis importantes son:
- Unha crecente especialización do territorio nos cultivos para os que teñen mellores condicións competitivas, abandonando o resto.
- Maior investimento de capital para incorporar maquinaria (tractores, colleitadoras, motores para rega, etc.), produtos químicos (fertilizantes, herbicidas, praguicidas, etc.) ou sementes seleccionadas e transxénicas. Este tipo de investimentos reduce a necesidade de traballadores e aumenta os rendementos, aínda que tamén pode ter consecuencias negativas (contaminación riscos para a saúde).
- Forte incremento da superficie en regadío, que permite aumentar a produción pero tamén provoca a sobreexplotación de certos acuíferos e crecentes conflitos pola auga.
- Incorporación de novas técnicas de cultivo, como o enareado ou cultivo baixo plástico. No enareado altérnanse capas de area e esterco, permitindo cultivar terras moi pouco fértiles; sobre todo, no sueste peninsular. O cultivo baixo plástico asóciase ao uso de técnicas avanzadas como o cultivo  hidropónico, sen solo, a rega por goteo, ou a creación de microclimas controlados a distancia con medios informáticos.
Así pois, as explotacións agrícolas modernas actuais divídense en dous tipos:  as que orientan a súa produción ao mercado e queren rendementos por hectárea elevados polo que tenden á especialización, á tecnificación e á intensificación dos cultivos e logo están aquelas explotacións que, orientando igualmente a produción cara o mercado, usan técnicas de cultivo máis respectuosas co medio ambiente, que extensifican para non usar produtos químicos e non esgotar a terra, que volven ao policultivo coa intención de que uns cultivos exerzan unha protección sobre os outros e evitar o uso de praguicidas co obxectivo final de conseguir unha produción de calidade e ecolóxica.

c) Política Agraria Común (PAC)
As áreas rurais españolas cunha importante presenza de actividades agrarias enfróntanse desde hai décadas a importantes problemas: escasa competitividade dunha parte dos produtos (que só poden ser rendibles mediante subvencións), progresivo despoboamento e envellecemento das áreas rurais, redución dos empregos agrarios, ingresos medios inferiores e crecentes impactos ambientais.
 Ante esta situación todos os países desenvolvidos manteñen unha política agraria que trata de asegurar a viabilidade do sector, e así manter a presenza no campo dun certo número de agricultores e gandeiros; procurando, deste xeito, elevar as súas rendas tanto por razóns económicas coma sociais e ambientais.
Dende a entrada de España na CEE ( máis tarde denominada UE) no ano 1986 a política agraria española estivo condicionada pola PAC (Política Agraria Común). Cando España entra os países membros veñen de aplicar políticas que fomentaban a produción e a modernización agraria buscando abastecer os mercados, incrementar as rendas agrarias e manter os prezos estables. Os excesos de produción eran desviados á exportación, almacenados ou destruídos. Os agricultores en todos os casos eran compensados, tamén no caso dunha redución do prezo de mercado. Isto xerou que unha parte considerable do orzamento comunitario fora absorbido polo sector agrario o que obrigou a modificar o sistema. Ademais a aparición da OMC obrigou a liberalizar o sector. Nese momento de cambio entra España.
A partir de aquí é cando entra o sistema de cotas para os produtos excedentarios coa intención de evitar a caída dos prezos e reorientar a produción agraria cara outros produtos. Este sistema prexudicou aos gandeiros de leite do norte e noroeste, ao sector cerealístico e ao vitivinícola. Todo isto obrigou  a unha potente reestruturación que se traduciu en xubilacións, abandono de explotacións pouco rendibles e á extensificación dos cultivos. Con todo a entrada na UE permitiu unha notable mellora das rendas agrarias e unha necesaria modernización das explotacións. O sector hortofrutícola viuse beneficiado pola demanda europea de produtos deste tipo onde a oferta era insuficiente.
Na actualidade a PAC, tras a súa última reforma no ano 2013persegue manter a competitividade, pero aportando calidade do produto, seguridade alimentaria a través do emprego de técnicas sustentables co medio e un desenvolvemento do rural que garante a preservación do patrimonio cultural, das paisaxes, que evite o abandono e amplíe as actividades económicas no rural a algo máis que as agrarias, a multifuncionalidade que implica poñer en valor a forma de vida no rural.
As axudas directas recibidas van en función do número de ha. postas en produción. Púxose fin ao sistema de cotas. Ademais hai axudas para a instalación de novos agricultores e outras polo mantemento da paisaxe e a produción ecolóxica. Hai tamén pagamentos voluntarios por producir en zonas afectadas polo perigo de abandono (zonas de montaña) e por producir en certos sectores considerados prioritarios. Estes pagamentos son realizados polo FEAGA.(Fondo Europeo  Agrícola de Garantía).O FEADER (Fondo europeo agrícola de desenvolvemento ruralfinancia a innovación, as iniciativas de posta en valor da paisaxe e o medio natural  e a diversificación do emprego no medio rural.
A súa influencia sobre o sector agrario español concretouse nunha serie de accións:
· Establecemento de prezos de garantía para determinados produtos agrícolas e gandeiros con subvencións.
· Esixencia de redución de superficie, ou cotas máximas de produción, para algúns cultivos ou especies gandeiras que xeran excedentes non consumidos.
· Apoio á reforestación de terras agrícolas e á agricultura e gandería ecolóxicas.
· Axudas para a modernización das explotacións 
· Apoio á diversificación económica do mundo rural (turismo rural, artesanía e industria, etc.).
· Axudas especiais para áreas de montaña e zonas desfavorecidas.


No hay comentarios: