martes, 2 de junio de 2020

Tema da ABAU. Transformacións recentes na estrutura das cidades: Cidade difusa. Os cambios no centro urbano (degradación /vs/ rehabilitación). Cambios de uso no solo urbano.




A maior parte das cidades españolas posúen elementos de época distintas: o centro histórico, cos seus monumentos e rúas estreitas e tortuosas; os ensanches, de trazado regular; os arrabaldes, de crecemento desordenado; os desenvolvementos urbanos densos, en edificación aberta; e as novas periferias, cada vez máis dispersas e fragmentadas.

As cidades transfórmanse: crecendo cara ao exterior coa creación de novos espazos residenciais e áreas de actividade económica, e por procesos de reestruturación no seu interior. Aparecen centros comerciais, parques empresariais ou urbanizacións que se constrúen fóra do tecido urbano consolidado. Prodúcese un proceso de discontinuidade e fragmentación do espazo urbano con pezas conectadas entre si por autovías e estradas.

a) Cidade difusa
O modelo de cidade mediterránea, compacta, foise substituíndo pola cidade difusa importada do modelo anglosaxón.  A cidade difusa ou dispersa esténdese horizontalmente e está separada en áreas especializadas e monofuncionais: zonas residenciais (diferenciadas por prezos e por grupos sociais), áreas comerciais, zonas de lecer, centros de ensino, universidades, barrios administrativos e de oficinas... Ademais diminúen o contacto humano, os intercambios e a sociabilidade. O desenvolvemento de barrios homoxéneos onde non hai unha mestura de usos do solo (residencial, comercial, instalaciones...), xera unha dependencia do automóbil, unha maior mobilidade individual que dá  lugar ás viaxes pendulares cotiás (por motivos de traballo, estudo ou lecer).

O urbanismo expansivo foi desenvolvido por primeira vez nos Estados Unidos, en particular despois da Segunda Guerra Mundial, cando se crearon grandes zonas residenciais suburbanas, áreas de baixa densidade edificatoria, onde as vivendas unifamiliares consumen grandes cantidades de solo natural ou agrícola. Estas construcións urbanas difusas reducen a  eficiencia económica e a sustentabilidade ambiental e dificultan a formación de núcleos inclusivos e socialmente ben cohesionados.

Desta forma as cidades van sumando novos centros dando lugar a creación dun núcleo policéntrico. As fronteiras entre a cidade e o campo quedan difuminadas.

O urbanismo expansivo segue un patrón de asentamento urbano de baixa densidade que coincide coa febre do ladrillo en España ata a crise do 2008. Durante o período 1987-2006 o 73 % da superficie da vivenda nova en España era para o  urbanismo expansivo.

Entre as causas que atraen ás persoas desde as cidades compactas cara as zonas suburbanas podemos nomear o custe da vivenda. Na periferia poden atopar opcións menos custosas e de calidade. Ademáis, entran outros condicionantes como o goce dun medio ambiente máis limpo apoiado na liberdade que proporcionan as tecnoloxías da comunicación global que permiten unha expansión dos comportamentos globalizados de producción y consumo
Na costa mediterránea esta necesidade de vivenda unifamiliar foi consumida por turistas residenciais e migrantes residenciais, xubilados alemáns, británicos ou dos países escandinavos que viven alí todo ou parte do ano.

b) Os cambios no centro urbano (degradación vs rehabilitación)
A partir da segunda metade do século XX, os centros históricos de moitas cidades españolas comezaron a sufrir un progresivo deterioro e abandono. A maior parte dos que permaneceron eran persoas maiores con baixos niveis de renda, polo que o centro experimentou un proceso de avellentamento e empobrecemento. Todo isto reflectiuse nunha degradación urbana, xa que moitas vivendas quedaron baleiras, e noutras non se realizaron as obras necesarias de mantemento e renovación. Foron frecuentes os expedientes de ruina, desaloxos forzosos e Planes Especiais de Reforma Interior.

Ao mesmo tempo, o modelo de cidade funcional foi desprazando a actividade económica cara outras partes da cidade. O centro histórico só foi capaz de reter algúns centros  administrativos e eclesiásticos instalados en edificios monumentais, así como os comercios tradicionais. 

Ao longo das últimas décadas, as tendencias anteriores víronse, en parte, compensadas por procesos de revitalización destas zonas debido a:

Políticas públicas de conservación e revitalización. 
Nos anos 80, a Lei do Patrimonio Histórico Artístico” de 1985 obrigou a redactar Plans Especiais para aquelas localidades que tiñan espazos de interese histórico artístico. As administracións públicas investiron na rehabilitación dos edificios e a mellora dos espazos públicos. Ademais, deron un novo uso a vellos monumentos, converténdoos, por exemplo, en edificios administrativos ou universitarios, e dinamizando así a vida dos centros históricos. Con todo, os resultados foron desiguais. As axudas á rehabilitación foron insuficientes tendo en conta a renda e a idade dos residentes nos centros históricos. Ao final prima un interese por explotar turísticamente o centro convertendo a cidade nun Parque  Temático  Histórico.

- Desenvolvemento do turismo cultural. Que potenciou a rehabilitación dos centros históricos españois, mediante a restauración de edificios e a peonalización de rúas e prazas. No interior dalgunhas cidades realizáronse importantes operacións urbanísticas, consistentes, por exemplo, en reconverter as vellas áreas industriais en novos espazos de ocio. Os cascos históricos experimentan un cambio funcional e social de forma que durante os fins de semana transfórmanse en espazos de ocupación intensiva, sobre todo aqueles que se asocian á movida nocturna o que orixina importantes conflitos coa función residencial ou coa actividad turística.

Cambio de actitude da poboación local. Comeza a verse como unha área de oportunidades económicas e un lugar agradable para vivir. Así, os centros dalgunhas cidades están atraendo poboación nova e de maior nivel de renda, o que contribúe a conservar os edificios, pero ten como contrapartida unha revalorización do solo que só está ao alcance dun determinado perfil de renda provocando a expulsión dos antigos residentes. É o que se denomina xentrificación. 

Pola contra, dende mediados dos noventa, nos barrios onde persisten os problemas de avellentamento da poboación, baixo nivel de renda e degradación de moitos inmobles fai a súa aparición a inmigración estranxeira que elixe estas áreas para residir polo baixo prezo dos alugueres, espertando o receo dos antigos residentes. A ocupación de locais comerciais por extranxeiros percíbese tamén como un elemento perturbador da identidad do barrio.

 c) Cambios no uso do solo urbano
Os usos do solo son as diferentes utilizacións do espazo urbano: comercial e de negocios, residencial, industrial, de equipamento etc. Na cidade preindustrial (dende a súa orixe ata mediados do século XIX) o casco antigo era a parte da cidade urbanizada. Ocupaba unha pequena superficie da cidade actual, pero ten un gran valor simbólico polo legado cultural que contén. Nesta época os usos do solo eran moi diversos (multifuncionalidade). A cidade preindustrial sufriu notables modificacións como resultado do proceso de industrialización, que tivo lugar entre mediados do século XIX e a década de 1960. O casco antigo experimentou unha progresiva terciarización e consolidouse como centro comercial e de negocios na cidade. O resultado foi o desprazamento dos usos residenciais e a deterioración dos edificios pola contaminación e o tráfico.

As cidades que nesta época implantaron industrias modernas atraeron unha numerosa poboación campesiña e estendéronse creando ensanches para os burgueses, barrios industriais e obreiros, e barrios axardinadosOs barrios-xardín debidos ás ideas naturalistas. Tratábase de vivendas destinadas ás clases medias e baixas, se ben co tempo tamén as clases altas demandaron este tipo de espazos. Co posterior crecemento da cidade, estes espazos quedaron situados en zonas relativamente céntricas, o que favoreceu a súa revalorización e o seu cambio de uso, por exemplo gardarías ou clínicas privadas.

Na actualidade (época postindustrial) algunhas zonas industriais e barrios obreiros quedaron nunha posición céntrica, o que revalorizou o solo que ocupan, dando lugar ao baleirado industrial e aparición de usos terciarios ou residenciais. Pola contra, os espazos menos accesibles e desorganizados mantéñense como espazos marxinais.

Nos últimos anos, as grandes cidades teñen un ritmo de crecemento menor, pero continúan estendéndose no espazo, debido á difusión de parte da súa poboación e da súa actividade económica cara a periferias cada vez máis afastadas. Estas periferias estrutúranse en diferentes áreas: barrios residenciais, áreas industriais e áreas de equipamento.  

Os barrios residenciais da periferia responden a diversas tipoloxías e presentan bastante homoxeneidade social derivada do prezo do solo e da distancia ao centro: barrios marxinais, de vivendas de promoción oficial, polígonos de vivenda de promoción privada, barrios de quinteiro pechado, áreas de vivenda unifamiliar.

As áreas industriais localízanse xunto ás principais vías de acceso á cidade, buscando a proximidade urbana e solo abundante a prezo alcanzable. Tamén inclúen espazos industriais novos, como parques empresarias e tecnolóxicos, en áreas de gran calidade ambiental; ou polígonos de naves acaroadas destinados a empresas con menos recursos.

As áreas de equipamento son froito da actual descentralización das actividades económicas cara á periferia urbana: grandes superficies comerciais, centros escolares, sanitarios e administrativos e outros servizos.                     


No hay comentarios: